Denuncian na UE unha posible vertedura continuada de residuos tóxicos na antiga mina de Touro

A europdeputada galega Lidia Senra (AGE) presenta no pleno do Parlamento Europeo fotos que amosan como o afluente do río Ulla baixa de cor marrón nos tramos posteriores á zona que deixou de ser explotada hai case 30 anos. Reclama, ademais, paralizar o proxecto de apertura dunha nova mina de cobre nesta contorna e insta a tomar medidas comunitarias para protexer a actividade labrega, a saúde da poboación e o Camiño de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 24/10/2017 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lídia Senra informou este luns pola noite no pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, dunha vertedura continuada de residuos tóxicos que se podería estar levando a cabo na actualidade, e sen ningún tipo de control, nas instalacións da antiga mina a ceo aberto de cobre e ouro que entre principios da década dos anos 70 e finais da década dos 80 explotou en Touro a Sociedad Minera y Metalúrgica de Peñarroya e Río Tinto Patiño.

A europdeputada Lidia Senra (cuarta pola dereita) con veciños de Touro contra a mina de cobre a ceo aberto que se quere abrir na zona
A europdeputada Lidia Senra (cuarta pola dereita) con veciños de Touro contra a mina de cobre a ceo aberto que se quere abrir na zona | Fonte: Lidia Senra.

Senra levou ao hemiciclo europeo diferentes fotografías que tomou esta fin de semana pasada, na visita que realizou á zona, e que amosan indicios da posible contaminación do Rego Pucheiras, afluente do río Ulla, no treito posterior á mina, así como imaxes das balsas e escombreiras da antiga mina nas que se aprecia que poderían estar sendo utilizadas, como asegura a veciñanza, para verter residuos, algúns deles tóxicos, sen tratamento previo e chegados de diferentes lugares da Galicia en camións, como poden ser cáscaras de mexillón, pilas, material sanitario e de enfermería ou lodos de depuradoras.

A deputada tomou a decisión de dar conta de forma urxente desta situación ante o Parlamento Europeo, despois de visitar a zona este pasado sábado, acompañada por veciños e veciñas do lugar. “A Comisión Europea debe actuar xa e abrir unha investigación independente que inclúa a realización de analíticas tanto das augas dos ríos da zona como das balsas e escombreiras da antiga mina para corroborar se as sospeitas da veciñanza son certas e, en caso afirmativo, frear esta situación que podería estar envelenando non só á xente que vive na contorna, senón as augas do río Ulla, que como todas sabemos abastece a millares de persoas de diferentes concellos e desemboca na ría de Arousa, polo que até o marisqueo podería estar prexudicado por esta contaminación ”, defende. 

A falta de plan de restauración e rexeneración da zona e de serias eivas nos traballos de acondicionamento do lugar tras o peche da extracción mineira fan que a día de hoxe a oxidación dos sulfuros metálicos presentes no mineral en contacto cos elementos sigan a provocar desastres naturais. “E menos aínda podemos permitir que as antigas instalacións se poidan estar convertendo nun lugar ao que van parar residuos tóxicos doutras zonas para soterralos de tapadillo e sen tratamento”, advirte.

A Comisión Europea (CE), na súa comunicación relativa á Iniciativa cidadá europea "O Dereito á auga e ao saneamento como dereito humano. A auga non é un ben comercial senón un ben público!”, comprometeuse a que o acceso á auga potable segura seguirá estando no centro das súas políticas. “Nós entendemos que garantir o acceso da poboación á auga potable segura pasa pola reacción contundente fronte aos riscos e amenazas de contaminación. Por iso, faise urxente que a Comisión actúe fronte a situacións coma a que pode estar acontecendo en Touro”, defende a europarlamentaria galega.

Posible contaminación do Rego Pucheiras, afluente do río Ulla, no treito posterior á mina de Touro
Posible contaminación do Rego Pucheiras, afluente do río Ulla, no treito posterior á mina de Touro | Fonte: Lidia Senra.

Senra pediu que as institucións comunitarias actúen de forma inmediata e que tamén lle pidan explicacións ás autoridades estatais e galegas competentes na materia. “É este o concepto de minaría sostible do que tanto se lle enche a boca cando fala tanto a UE como o Estado español como a Xunta de Galiza? Estas actuacións, no caso de ser certas, vulnerarían claramente normativas europeas como a Directiva 20/60/CE de Protección e Xestión da Auga que persegue unha maior protección e mellora do medio acuático mediante a supresión de vertidos e substancias perigosas e un bo estado químico do recurso hídrico; e a Directiva 2004/35/CE de responsabilidade medioambiental que establece un marco común de responsabilidade para previr e reparar os danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos que supoñan un risco importante para a saúde humana. Fagan o que faga falta para investigalo xa!”, reclama.

NOVA MINA EN TOURO

A intervención que realizou Senra este luns pola noite no pleno do Parlamento Europeo súmase á pregunta parlamentaria que hai algo máis dunha semana rexistrou esta mesma eurodeputada na Comisión Europea para denunciar o proxecto da nova mina de extracción de cobre que pretende abrir na mesma contorna a empresa Cobre San Rafael S.L e que afectaría directamente aos concellos de Touro e O Pino, onde ocuparía unha área de 689 hectáreas, das que se extraerían 267 millóns de toneladas durante 16 anos e medio.

Senra puido comprobar sobre o terreo esta pasada fin de semana que "estamos a falar dunha zona na que o 70% dos terreos a ocupar son leiras agrícolas e forestais en activo, con núcleos de poboación moi próximos como o de Arinteiro, que quedaría literalmente rodeado por un muro de 80 metros de alto que se construiría para albergar unha das balsas de residuos".

O impacto social que tería esta nova mina sería brutal. Non estamos a falar de simples molestias”, defende. A eurodeputada considera que dito proxecto non é compatible coa Directiva 2006/21/CE e que as propostas para o almacenamento e tratamento dos residuos carecen de garantías.

“Eses materiais extraídos producirán constantemente drenaxes ácidas capaces de contaminar, como xa se ve que pasou e sigue a pasar na mina antiga, augas superficiais e subterráneas con metais pesados, incluíndo substancias perigosas”, denuncia a eurodeputada.

A parlamentaria pide ademais non esquecer que estamos a falar de que a nova mina se instalaría nunha área pola que pasa o Camiño de Santiago, poIdendo verse moi afectadas non só as explotacións agrícolas e gandeiras da contorna, senón as iniciativas que viven do turismo. Así, Senra insta á CE a tomar medidas para protexer esta zona e anima a toda a sociedade a amosar a súa enérxica oposición ao proxecto. “Só a loita poderá frear semellante aberración. Hai anos foi Corcoesto. Hoxe temos que parar a barbaridade mineira que pretenden en Touro-O Pino”, di.

Posible contaminación do Rego Pucheiras, afluente do río Ulla, no treito posterior á mina de Touro
Posible contaminación do Rego Pucheiras, afluente do río Ulla, no treito posterior á mina de Touro | Fonte: Lidia Senra.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta