“Se ao xogo lle vai ben tamén lle vai ben a Galicia”, apunta a Xunta ante o sector dos xogos e apostas

O vicepresidente da Xunta e o director de Ordenación del Juego do goberno de Rajoy destacan a importancia dun sector que move millóns de euros e apostan pola súa innovación e a unidade do sector para impulsalo. O presidente do sector di que hai que “normalizar” a súa imaxe e asegura que Galicia ten as taxas máis baixas de ludopatía.

Por Galicia Confidencial | Biona | 30/10/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

“Se ao sector do xogo vaille ben tamén lle irá á Xunta de Galicia e á sociedade xa que é unha importante fonte de ingresos que contribúe a financiar a prestación de servizos públicos”. Foron as palabras do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda durante a clausura do  IV Encontro AGEO para a Competitividade do Sector, coñecido como o Cumio Galego do Xogo.

máquinas
máquinas

Na súa intervención hai uns días, Rueda afirmou tamén que recolle as reivindicacións do sector e que desde o seu departamento traballarán no desenvolvemento da Lei galega do xogo “da man dun interlocutor tan válido como AGEO”. Neste encontro houbo unha importante presencia de representantes institucionais. Así, a esta cita que tivo lugar en Baiona asistiron, ademais de Alfonso Rueda,  o Delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o Presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros. O encargado de inaugurar o congreso foi o máximo responsable de Xogo do Goberno de España, Juan Espinosa, Director de Ordenación do Xogo.

Na súa primeira cita ante os operadores galegos desde a súa toma de posesión en xaneiro deste ano, Espinosa destacou os tres retos para liderar o novo ecosistema de xogo coa innovación como eixo. O primeiro deles pasa, na súa opinión, por “un enfoque de aproximación para entender as moitas posibilidades da innovación”. O segundo, relacionado co anterior, vai “dirixido aos axentes económicos que deben entender a innovación como un espazo de oportunidade”. Finalmente, o terceiro reto chave relaciónase co “xogo responsable nunha contorna de innovación tecnolóxica”, unha innovación que, segundo dixo, “debe verse como unha vantaxe e non como unha ameaza”. O Director de Ordenación do Xogo avogou tamén pola unidade do sector e por buscar solucións conxuntas para valorizarlo. 

Regular o sector

Pola súa banda, o presidente do sector en Galicia, Serafín Portas, insistiu na súa intervención na necesidade de avanzar desde o consenso cara a unha nova Lei de Xogo Galega que lle permita continuar coas súas actividades como ata o de agora. “Estamos a empezar a dar os pasos necesarios para conseguir unha normativa nova que teña como base un regulamento para moito tempo, co consenso como base. A Xunta xa coñece as nosas demandas e agora toca esperar resposta”, indicou.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o presidente de AGEO, Serafín Portas, do sector do xogo e das máquinas recreativas, na edición de 2016 en Palexco
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o presidente de AGEO, Serafín Portas, do sector do xogo e das máquinas recreativas, na edición de 2016 en Palexco | Fonte: azarplus.com

Os empresarios galegos do sector presencial ven clave ese texto os consolide como operadores exclusivos en hostalaría “blindando a nosa figura como epicentro da oferta de lecer” para que que poidan instalar tanto máquinas B como terminais de apostas deportivas. Ademais, demandou unha xestión administrativa máis eficaz, unha tendencia a unha “menor regulación, proporcionalidade impositiva e sensibilidade tributaria para con todos os subsectores que formamos parte da nosa industria, con Galicia en tipos máximos respecto doutras Comunidades Autónomas”. 

Control do xogo

Sobre as problemas que conleva o xogo, Portas dixo que hai que “normalizar a súa imaxe” na sociedade, como un sector, dixo, “que crea riqueza, emprego e ademais entretén. “Os que formamos AGEO temos un compromiso co xogo controlado e responsable, con férreos controis”, insistiu e lembrou que España e Galicia contan cunha das taxas máis baixas do mundo en xogo problemático, un 0,3% da poboación entre 18 e 75 anos segundo os datos da Fundación Codere. 

O IV Encontro AGEO analizou desde distintos puntos de vista temas de interese para o sector como a Lei Xeral de Ordenación de Mercado e tamén tivo unha mesa adicada ás “Mulleres en xogo”, na que se analizou desde unha óptica feminina o mundo do xogo, os seus atractivos e o papel de mulleres como xogadoras e empresarias.

O evento contou, como patrocinadores en categoría DIAMOND, con E-Gaming-Covimatic Juegos, Infinity e Maquinaria Automática Comercial, Orenes Grupo e a súa marca en liña Vivelasuerte.es e Unidesa. En GOLD, figuran Bwin, Carfama, Gigames, Novomatic, Luckia, Sportium, Recreativos Franco e Zitro, e en categoría SILVER Cicor Seguros, Gistra, IPS, Prosegur, Technobouncer e Tecnausa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta