Por Galicia Confidencial | Vigo | 30/10/2017 | Actualizada ás 08:45
A vaga de lumes do 15 de outubro provocou que milleiros de animais salvaxes e domésticos morreran, sufriran graves afeccións e queimaduras ou quedaran perdidos ou afastados das súas zonas habituais. Moitos dos seus hábitats quedaron destruídos e as súas fontes de alimentación xa non existen.
Nas últimas semanas En Marea rexistrou no Parlamento de Galicia diversas iniciativas tendentes a conseguir paliar o sufrimento destes animais. Así, entre as medidas están a suspensión da tempada de caza na Comunidade Autónoma de Galicia nas zonas afectadas polos lumes e as limítrofes, a inclusión da perspectiva do benestar animal nos protocolos de evacuación e actuación en catástrofes e accidentes, e engadir contidos sobre protección, tenza e sensibilización sobre animais na CRTVG.
“A sociedade está moi sensibilizada sobre as consecuencias persoais, sociais, económicas e medioambientais dos lumes, pero a situación dos animais durante e despois dos lumes é unha traxedia a que non podemos dar as costas”, salientou o deputado de En Marea no Parlamento, Francisco Casal.
Por este motivo, o grupo de En Marea tentando ser a voz das Protectoras, dos grupos de protección animal e dunha parte moi importante da cidadanía sensibilizada con esta situación inadmisible, propón declarar Galicia como zona de catástrofe natural e así poñer en marcha todos os protocolos que implica. Tamén prohibir a caza de forma total e inmediata nas zonas afectadas e as limítrofes e activar inmediatamente os protocolos de recuperación de especies silvestres tanto de flora como de fauna.
Ademais, aposta por crear un grupo multidisciplinar de profesionais, nos diferentes ámbitos da protección e defensa dos animais, que exerza a coordinación dos grupos de persoas voluntarias, e proporcionar alimento, auga e acubillo no medio natural para os animais superviventes. Tamén habilitar áreas específicas de coidado e atención de animais salvaxes ou de granxa que estean feridos, desorientados ou perdidos e incluír consellos e recomendacións en protocolos de actuación ante emerxencias e ao respecto da protección animal. Finalmente, pide desenvolver e producir contidos sobre protección, tenza e convivencia con animais especialmente dirixidos ás persoas menores de idade, destinados á súa emisión na TVG e na Radio Galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.