Resposta dos militares da UME: “A responsabilidade da dirección nos incendios forestais recae na Xunta”

Aurelio Soto Suárez, tenente de navío da Armada Española, licenciado en Xornalismo, máster en Relacións Internacionais e Comunicación, especialista en comunicación da Defensa e Emerxencias, e responsable da Oficina de Comunicación Pública da Unidad Militar de Emergencias (UME), explica a GC a actuación e responsabilidades deste corpo no operativo contra a última vaga de incendios en Galicia, en pleno mes de outubro.

Por Alberto Quian | Madrid | 31/10/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Como foi o dispositivo despregado pola Unidad Militar de Emergencias (UME) en Galicia durante a vaga de incendios que arrasou unhas 35.500 hectáreas en pleno mes de outubro e na que morreron catro persoas? A quen obedecían os militares? Como foi a coordinación con outros corpos de extinción? Son xustas as críticas dalgúns bombeiros forestais que acusan a UME de non estar preparada e de non participar en primeira liña de fogo? A estas e outras preguntas responde o tenente Aurelio Soto Suárez, portavoz deste corpo das Forzas Armadas, quen sinala a Xunta como máxima responsable do operativo, subliña a suma de forzas como clave para loitar contra os lumes, evita a polémica e confrontación entre os distintos corpos, e recoñece ao pobo galego a súa afouteza, pero tamén o seu "extraordinario agarimo e hospitalidade".

Membros da UME loitan contra o lume en plena vaga de incendios en outubro en Galicia
Membros da UME loitan contra o lume en plena vaga de incendios en outubro en Galicia | Fonte: Miguel Núñez.

En que momento preciso recibiron ordes de despregarse polos incendios en Galicia e en que puntos?

O despregamento do BIEM V con base en León comezou a mañá do día 10 de outubro, para colaborar no incendio de Lobios. Desde entón, a UME comezou un despregamento progresivo en función das necesidades que a Xunta de Galicia foi solicitando a través do Delegado do Goberno.

Cales foron as ordes concretas?

Principalmente, as misións asignadas á UME foron a defensa de núcleos de poboación, defensa de punto sensible e ataque directo ao lume, entre outras.

Membros da UME loitan contra o lume en plena vaga de incendios en outubro en Galicia
Membros da UME loitan contra o lume en plena vaga de incendios en outubro en Galicia | Fonte: Miguel Núñez.

"O importante en cada emerxencia é sumar, e nese sentido, a UME apoia e complementa as capacidades das comunidades autónomas".

Quen levaba o mando das operacións?

Conforme á lexislación vixente, a responsabilidade da dirección nos incendios forestais recae na Xunta de Galicia a través da Conselleria de Medio Rural.

Pode detallar as características do dispositivo despregado?

A UME chegou a ter despregados en Galicia máis de 700 efectivos e 170 vehículos. 

Considérano suficiente logo de saberse que foron arrasadas 35.500 hectáreas?

O cálculo dos medios necesarios para a extinción dun incendio forestal depende de varios factores relacionados coas características do incendio e do seu contexto. A UME, ao ser a súa misión exclusiva colaborar na extinción dalgún deles, non dispón dos datos suficientes para poder facer unha valoración obxectiva.

Houbo coordinación con outros equipos, forzas e servizos durante a vaga de lumes?

Cada incendio estaba xestionado por un director técnico de extinción, que coordinaba e xestionaba os medios á súa disposición. Ademais, desde a nosa chegada ata o repregamento, no Centro de Coordinación de Galicia (Santiago) estivo presente un oficial de enlace da UME precisamente para favorecer a coordinación necesaria a través dos responsables da emerxencia.

"A aparición case simultánea dun gran número de focos obrigou á UME a aumentar a súa presenza en Galicia de 200 a 700 intervenientes en 24 horas".

Como dixiren na UME as críticas que están a recibir por parte dalgúns bombeiros e brigadistas en Galicia, que acusan a este corpo de non implicarse e de non estar preparados para estes incendios? 

O importante en cada emerxencia é sumar, e nese sentido, a UME apoia e complementa as capacidades das comunidades autónomas. O único obxectivo de todos e cada un de nós é colaborar coa maior eficacia posible na resolución de calquera emerxencia.

Cal é o seu balance da súa actuación nos últimos incendios en Galicia?

A aparición case simultánea dun gran número de focos obrigou á UME a aumentar a súa presenza en Galicia de 200 a 700 intervenientes procedentes de todos os seus batallóns (León, Madrid, Valencia, Zaragoza e Sevilla) en 24 horas. Isto supuxo un importante esforzo de plan, apoio loxístico e coordinación entre todas as Unidades da UME e non tivese sido posible sen o apoio do Exército de Terra e o Exército do Aire.

Cren necesario reestruturar ou reorganizar estes operativos e plans de actuación contra incendios? Son necesarios máis recursos?

Esta valoración debe facerse baseándose en argumentos que estean apoiados en datos que van máis aló das nosas responsabilidades.

"Son máis os que sopran #ForzaGalicia. Para todos eles, unha mensaxe de ánimo, agarimo e apoio de todos e cada un dos 3.500 efectivos da UME".

Debería haber ou barallan a posibilidade de establecer unha base permanente en Galicia pola incidencia dos incendios?

A pesar de que a sede duns dos batallóns da UME (BIEM V) está na veciña provincia de León, durante a campaña de incendios forestais a UME desprega un destacamento semipermanente en Figueirido (Pontevedra) .

Que mensaxe lles gustaría trasladar á sociedade galega sobre o seu labor?

Son dúas as mensaxes que nos gustaría trasladar ao pobo galego aproveitando esta oportunidade. Como reza unha frase dunha ilustración que circulou estes días por redes sociais, "Son máis os que sopran #ForzaGalicia". Para todos eles, unha mensaxe de ánimo, agarimo e apoio de todos e cada un dos 3.500 efectivos da UME, conscientes de que son o maior tesouro de Galicia. A outra mensaxe é de agradecemento polo extraordinario agarimo e hospitalidade cos que nos trataron durante a nosa estancia alí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Carballo

Por que a UME cobra todos os anos un bo convenio da Xunta? Defensa é ou non é un servizo público?

1 o vice fora... o vice!!!!

señores por fin, por fin siguen a miña línea eu estou pedindo a dimisión de Roda Velanzuelas, o inútil que deixou a xente empechada en tuneis, que deixou a emerxencia, señores a emerxencia sin control ningún durante 12 horas, palabras do propio frijoles, non non son os alcaldes, nin os portugueses, nin os ventos, o que pasa e que de coordinador esta un perfecto inútil que non vale paranada... RUEDA DIMISION!!!! O CESE FULMINANTE!!!! FRIJOLES... E INTOLERABEL O QUE ESTA PASANDO INTOLERABEL!!!!