Un proxecto europeo estuda o impacto da descarga de augas subterráneas na ría de Vigo

O proxecto, denominado SUBACID, está coordinado polo Trinity College de Dublín, conta coa participación do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e coa colaboración da asociación Amigos da Terra, con financiamento da Unión Europea e do Goberno de Irlanda.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 31/10/2017 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo, participa no proxecto 'Impacto da descarga de augas subterráneas nos procesos de acidificación oceánica das costas atlánticas europeas: cara á sustentabilidade dos servizos ecosistémicos e da produción acuícola' (SUBDACID), que se acaba de iniciar e desenvolverase durante o próximos tres anos.

Ría de Vigo
Ría de Vigo

O proxecto, coordinado polo Trinity College de Dublín, conta coa participación do Instituto de Investigacións Mariñas a través do Laboratorio de Xeoquímica Orgánica. Tamén colabora a asociación Amigos da Terra. O financiamento corre a cargo da Unión Europea a través de H2020- MSCA e do IRC-Carline e do Goberno de Irlanda.

O seu obxectivo principal é coñecer a descarga costeira de augas subterráneas e os seus efectos sobre a acidificación mariña nas rexións costeiras atlánticas, cuantificando así esa fonte difusa de auga e avaliando o seu impacto sobre a composición química das augas costeiras superficiais. Ademais, busca contribuír a alcanzar nos obxectivos da axenda 2030 de desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas ofrecendo información ata agora descoñecida para apoiar as medidas de xestión costeira para a sustentabilidade dos recursos mariños.

A todo iso únese que o proxecto busca involucrar á comunidade local nas diferentes fases de actuación e execución da investigación co fin último de incrementar a sensibilización social en relación á importancia da preservación dos recursos mariños, involucrar á sociedade dunha maneira activa nas actividades de investigación e garantir a continuidade destas investigacións despois do período cuberto por SUBACID mediante a formación de recursos humanos e a transferencia do coñecemento.

Nunha fase final, os resultados obtidos para a ría de Vigo utilizaranse, xunto con traballos realizados en paralelo en Irlanda, para comprender a importancia destas descargas nas costas europeas e na sustentabilidade de recursos.

"Nas zonas costeiras, a interacción continente-atmosfera-océano pode tanto potenciar como mitigar a acidificación oceánica asociada á disolución nas augas mariñas do CO2 emitido á atmosfera pola queima de combustibles fósiles. Este proceso de acidificación está a ocorrer en todos os océanos, afectando particularmente os organismos calcificantes como os corais, as algas coralinas ou os moluscos", explican os científicos.

"Seleccionouse a ría de Vigo como área obxecto de estudo debido á importancia ambiental, social e económica do marisqueo e o cultivo de bivalvos na zona e, por tanto, o elevado impacto potencial dos procesos de acidificación oceánica na economia local", engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Cando o sabio sinala a lúa, os necios sempren mirarán o dedo... E dalle coas augas subterráneas! https://flic.kr/p/N12jZi

1 Montesío

E así nos vai! Grazas por partillalo.