O Concello de Touro rexeita o proxecto da megamina de cobre

A​ ​presión​ ​social​ ​obriga​ ​ao​ ​Goberno​ ​Local​ ​do​ ​Concello​ ​de​ ​Touro​ ​a modificar,​ ​sobre​ ​o​ ​papel,​ ​a​ ​súa​ ​postura​ ​ante​ ​o​ ​proxecto​ ​de explotación​ ​de​ ​Cobre San Rafael.

Por Galicia Confidencial | Touro | 10/11/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O Concello de Touro, despois da solicitude presentada polo grupo local do BNG co apoio do PSOE, convocou o pasado día 6 de novembro un pleno extraordinario cun único punto: “Análise e posicións que se van a adoptar ante a reapertura da mina por parte do goberno local e dos grupos que conforman a Corporación Municipal”. Máis de 200 veciños acudiron á cita para amosar as súas inquedanzas e o seu malestar coa posición da Corporación local ante o proxecto de explotación de Cobre San Rafael nos municipios de Touro e O Pino.

Mina en Touro.
Mina en Touro.

A pasada semana, o goberno local de Touro, en mans do PP, presentaba o seu informe de alegacións ao proxecto. Un texto, que, segundo a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino, "analiza levemente elementos tan salientables e calamitosos como o depósito PAG (potencialmente xerador de drenaxe ácida) ou a afección ás poboacións cercanas e á industria agrogandeira.

O informe recoñece de xeito textual: “Os principais elementos do municipio de Touro que poden resultar afectados pola actividade son os seguintes: nfraestruturas ligadas ao consumo de auga no municipio, agravamento do problema ambiental de drenaxe ácido de mina, poboación e vivendas situadas nas proximidades, hábitats naturais e vexetación e fauna asociada, elementos naturais da contorna directa e actividades asociadas (río Ulla), elementos do patrimonio cultural, centros Socioculturais".

"O Goberno local mantivo unha postura de apoio ao proxecto e á actividade mineira. É por iso que en primeira instancia se denegou a moción presentada polo BNG", sinala a plataforma.

Na moción solicitábase trasladar á Xunta de Galicia o rexeitamento da corporación a este proxecto, solicitar ao Goberno galego a denegación da reapertura da actividade mineira e  que este obrigue ao titular da concesión a realizar a restauración dos solos e das augas, subterráneas e superficiais contaminadas pola anterior actividade mineira.

Veciños de Touro protestan no Concello contra a megamina de Cobre San Rafael
Veciños de Touro protestan no Concello contra a megamina de Cobre San Rafael | Fonte: Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino.

"Con todo, e ante a presión social das veciñas e veciños que acudiron ao Pleno para amosar o seu descontento, parece que o propio Goberno local se viu na obriga de contradicirse para presentar unha emenda á moción que finalmente se aprobou cos seus votos e que pecharía as portas ao proxecto presentando no DOGA o pasado 25 de agosto", expón Mina Touro-O Pino Non.

Así, acordouse trasladar á Xunta os mesmos tres puntos que propuña o BNG, cun só matiz, onde se dicía "solicitar ao Goberno galego a denegación da reapertura da actividade mineira" cambiouse por "denegación denegación da reapertura deste​ ​proxecto​ ​mineiro", un matiz que busca pechar a porta ao plan de Cobre San Rafael pero que deixa unha fiestra aberta a retomar a actividade mineira na zona.

Esta mesma semana viron a luz tamén, as alegacións elaboradas pola Sociedade Galega de Historia Natural, un informe demoledor que critica as deficiencias e contradicións do estudo e solicita que se rexeite o Estudo de Impacto Ambiental.

A PLATAFORMA

A recentemente creada Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non naceu coa "clara intención de defender, coidar e protexer a nosa contorna, os nosos xeitos de vida, a nosa cultura e o noso patrimonio co fin de que as futuras xeracións poidan gozar del", explican.

Esta Plataforma Veciñal oponse "de xeito rotundo" á apertura da actividade na Mina de Touro e por ende de toda a minería contaminante en Galicia. "É por iso que nos negamos á explotación mineira das nosas terras, á expulsión das veciñas e veciños dos seus medios e a un proxecto de minería a ceo aberto que se quere levar a cabo", engaden.

Contando cun mes de traballo, na plataforma participan activamente máis dun cento de veciñas e veciños afectados e cuxo traballo principal é o de informar á xente da contorna ante o que consideran "opacidade dos gobernos locais", e o de levar as preocupacións e reinvindicacións ás administracións.

A Plataforma xa mantivo reunións con todos os grupos parlamentarios, con boa parte dos concellos da conca do Río Ulla e con numerosas entidades e asociacións como Verdegaia, Contraminacción ou a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Estudiante galego

Agora falta que as universidades de Vigo e Coruña digan os seus catedráticos e titulares con quen non se pode facer negocios