Por Galicia Confidencial | Carballo | 13/11/2017 | Actualizada ás 10:00
A recente vaga de lumes non deixou consecuencias graves na Costa da Morte nesta ocasión, pero si que deixou unha forte reflexión entre a veciñanza da Costa da Morte. Por iso, en Corcubión veñen de formar a Asociación Boca de Sapo (Comunidade Eco-Social e Cultural), que comeza a súa andaina presentando unha moción ao abeiro do “Regulamento de Participación Cidadá”, aprobada en 2015.
Esta moción, que se debaterá neste pleno de novembro, “non é mais que un primeiro paso para tratar de concienciar a poboación dos perigos da proliferación de eucaliptos, planificados, incontrolados ou ventureiros que supoñen un golpe mortal á biodiversidade”, segundo os seus impulsores.
A nova entidade fixo xa unha rolda de contactos cos distintos grupos municipais e así “poder facer accións conxuntas para recuperación de terreos públicos e diferentes actividades destinadas a tratar de paliar, na medida das nosas posibilidades, esta situación”.
A Asociación Boca de Sapo “ten vocación aberta e de creación de comunidade”. Formouse para, segundo indican os impulsores, “tratar calquer tema que se poida presentar na defensa do noso territorio, do noso patrimonio material e inmaterial e/ou calquer manifestación cultural e social que poida xurdir nestes tempos convulsos”.
Nova do medio colaborador QPC
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.