Nacemento e morte da URSS

Hai uns dias cumpríronse 100 anos do trunfo da Revolución soviética no territorio da Rusia zarista e o comezo da construción do que foi a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS).

Por Xesús Veiga | Compostela | 21/11/2017

Comparte esta noticia
No mesmo mes de Novembro, pero do ano 1989, tivo lugar o derrubo do muro de Berlín que marcou o inicio do proceso de desmantelamento dos sistemas políticos e sociais dominantes no leste de Europa.Foi, sen dúbida, un tempo histórico moi intenso que convida a un exercico de reflexión -aínda que resulte, neste formato, inevitabelmente sintético- para aturar os retos que nos prantexa a realidade do mundo actual.
 
No comezo do século XIX foron desenvolvéndose distintas tendencias de pensamento moi críticas co rumbo que tomaba a civilización europea baixo a expansión do capitalismo. As ideas daquelas correntes eran variadas no relativo aos medios que debían ser empregados para cambiar a organización social (máis ou menos radicais, máis sociais ou máis políticos) e tamén no referido ás características da orde social alternativa. Poren, compartían importantes valores e anceios: a crítica do extremado individualismo da sociedade moderna e das grandes desigualdades asociadas á mesma; a oposición á propiedade privada e a vontade de artellar un réxime económico cooperativo; o valor da solidariedade; a importancia concedida ao conflito entre capital e traballo e a conseguinte esixencia de que este último ocupase o lugar principal no escenario colectivo.  
 
Ao remate do século XIX, cando se erguen en Europa os grandes partidos e sindicatos de esquerda e tamén cando comezan a contar con grandes electorados, rexístrase unha ampla adhesión á herdanza do primeiro socialismo, mais esa adhesión ten lugar dun xeito morno. As aspiracións a unha transformación social de conxunto, tan arraigadas nese socialismo primixenio, perden forza neste segundo socialismo europeo, e seguen a perdela ao longo do século XX, até rematar converténdose nunha referencia pouco operativa.  A Revolución rusa, no outono de 1917, supuxo o primeiro dos novos réximes que corresponderon ao que moito despois se chamou o socialismo real (China, Corea, Vietnam, Cuba, etc.). A meirande parte destes réximes xa non existen (Unión Soviética, RDA, Polonia, Checoslovaquia, Hungría, Romanía, Bulgaria, Iugoslavia, Albania), ou entraron en crise (China), ou sobreviven con dificultades (Cuba, Corea do Norte).  
 
O réxime soviético levou a cabo un proceso de modernización substancialmente diferente do occidental. Consolidouse un sistema autoritario, refractario ao recoñecemento das liberdades democráticas e duramente represivo nalgúns períodos, dirixido pola elite do partido único e da administración estatal. Unha das súas características máis sobranceiras foi a unificación das esferas ideolóxica, política e económica, baixo a autoridade centralizada do Estado: o grupo social que gobernaba era o mesmo que xestionaba a economía e que ditaba a ideoloxía oficial.  A Unión Soviética e os países que seguiron o seu modelo estableceron o marxismo como ideoloxía oficial do Estado. Deste xeito, unha das correntes do socialismo democrático do século XIX -corrixida, ampliada e simplificada- converteuse no principal dispositivo ideolóxico de diversos réximes mais preocupados polo control policial que polo respeto aos dereitos humanos.  As súas carencias no eido económico e a falta de respaldo popular foron minando a estes réximes até rematar coa meirande parte deles nos anos noventa do século XX.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.