Comité científico da candidatura das Cíes á Unesco: “Desde o Parque Nacional non contestaron a nosa invitación”

O catedrático Emilio Fernández Suárez, coordinador do equipo científico que guía a candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade, fala con Galicia Confidencial sobre o traballo que se está a realizar, a importancia deste proxecto para Galicia e Vigo, e as nulas relacións coa Xunta, que impulsa outra candidatura paralela, a do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Por Alberto Quian | Vigo | 17/11/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

As disensións entre Xunta de Galicia e Concello de Vigo veñen de lonxe e agora ampliáronse a un novo campo de batalla entre as partes: o patrimonio natural. Cadaquén ten o seu propio plan en marcha para facer das Cíes, no caso do Concello, e do conxunto do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, no da Xunta, un novo Patrimonio da Humanidade recoñecido pola Unesco. Aí, o presidente Alberto Núñez Feijóo e o alcalde Abel Caballero volven chocar.

As Illas Cíes
As Illas Cíes | Fonte: Susana Costas.

Entre os intercambios de golpes verbais, cada plan avanza por vías diferentes: mentres a candidatura impulsada pola Xunta recibiu o apoio do Consello do Patrimonio Histórico, aprobando a súa inclusión na Lista Indicativa das candidaturas de España a Patrimonio da Humanidade, a do Concello de Vigo sumou a boa parte dos investigadores e especialistas máis prestixiosos do país para o seu Comité científico, que se coordinará con outro económico-social e un terceiro técnico. Todo un golpe de efecto de Caballero, que se asegura, como mínimo, a credibilidade que outorga o traballo cualificado e contrastado de científicos das tres universidades galegas, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e o Instituto Español de Oceanografía (IEO), embarcados no proxecto impulsado por Vigo. 

O catedrático Emilio Fernández Suárez, director do Campus do Mar, coordina o equipo de científicos que trazará a folla de ruta que guiará a candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade.

Nesta entrevista explica os detalles do proxecto e, aínda que evita entrar en polémicas sobre a outra candidatura que impulsa a Xunta de Galicia, deixa caer que desde a outra parte non houbo interese en establecer contactos e confesa que os científicos do Parque Nacional non aceptaron a súa invitación a participar no proxecto.

Nega, ademais, que o proxecto do Concello e da Universidade de Vigo sexa localista e un desafío á Xunta, e garante a independencia do Comité que coordina para "reforzar a xa importante proxección internacional" das Illas Cíes.

Emilio Fernández Suárez, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e director do Campus de Excelencia Internacional 'Campus do Mar'
Emilio Fernández Suárez, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e director do Campus de Excelencia Internacional 'Campus do Mar' | Fonte: UVigo.

"Cando unha institución pública solicita apoio á Universidade para traballar en beneficio da sociedade á que pertence, non caben dúbidas acerca da resposta que debe xurdir".

Quen lle propuxo coordinar este comité científico para a candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade? Por que aceptou a proposta?

Foi o alcalde de Vigo quen se puxo en contacto coa Universidade para solicitar apoio no proceso de validación científica da candidatura de Cíes Patrimonio da Humanidade. Con anterioridade, o Concello xa entrara en contacto coa Universidade para colaborar nas accións de sensibilización que este levaba realizando nos últimos anos en relación á candidatura. 

Cando unha institución pública solicita apoio á Universidade para traballar en beneficio da sociedade á que pertence, non caben moitas dúbidas acerca da resposta que debe xurdir desde a Universidade. Cando o fai a cidade na que se asenta a propia Universidade, o sentido da resposta só pode ser o que foi. Cre que sería xustificable que nun momento en que se reclama ás universidades que reforcemos a nosa colaboración coa sociedade a quen sirvo, rexeitásemos a solicitude do Concello para achegar o noso coñecemento científico para unha causa beneficiosa para esa propia sociedade?.

Este é un plan coordinado pola Universidade de Vigo, en colaboración directa co Concello. Pero sumaron a científicos das outras dúas universidades galegas e de institucións tan relevantes como IEO e CSIC. Como se xestionou todo isto para integrar as principais institucións científicas neste proxecto?

Como sabe, os investigadores e investigadoras mariños de Galicia estamos agregados no Campus de Excelencia, Campus do Mar. Por iso, desde o primeiro momento trasladámoslle ao alcalde que este tipo de accións transcenden as institucións individuais e que deberían ser compartidas entre os membros do Campus do Mar. A partir dese momento, a xestión é simple porque os mecanismos de comunicación son fluídos.

"A Comisión Científica tamén será a responsable de velar polo rigor en todas as actuacións que o Concello de Vigo desenvolve neste ámbito".

Que obxectivos prioritarios expuxeron?

O obxectivo é analizar todo o coñecemento científico existente sobre o arquipélago e, a partir desa análise, determinar que valores deste poden ser susceptibles de xustificar a súa excepcionalidade, que é o que Unesco require das candidaturas a Patrimonio da Humanidade.

Cales serán as principais liñas de traballo?

Como mencionei na pregunta anterior, o primeiro é revisar todo o coñecemento publicado existente e, a partir del, describir en detalle as características do Arquipélago. Este traballo, que se atopa xa nun estado avanzado, aspiramos a que desemboque na publicación dun libro de síntese sobre Cíes e, posiblemente, nalgunha publicación científica. A Comisión Científica tamén será a responsable de velar polo rigor en todas as actuacións que o Concello desenvolve neste ámbito: organización de congresos e conferencias, impulso de investigación, accións de divulgación  científica, etc. 

Organizaranse en subgrupos de traballo?

Non, non están contemplados.

Existen prazos para o seu traballo?

É unha traballo de percorrido amplo. Sabemos que podemos estar implicados neste proceso ao longo dos próximos anos.

Hai algún plan ou estratexia para a proxección internacional do seu traballo?

Si, contémplase a interacción con especialistas internacionais neste campo, así como con responsables científicos doutras candidaturas.

"Desde a perspectiva científica, o impacto deste proceso impulsado polo Concello de Vigo será, sen dúbida, positivo sexa cal for o desenlace da candidatura". 

O equipo que coordina suma máis de 1.300 traballos de investigación en revistas de máximo nivel mundial. Haberá novas achegas sobre as Cíes?

Sen dúbida, e como mencionei antes, xurdirán novas achegas de coñecemento sobre Cíes como froito deste proceso. Isto quere dicir que, desde a perspectiva científica, o impacto deste proceso impulsado polo Concello será, sen dúbida, positivo sexa cal for o desenlace da candidatura. 

Haberá traballo en común co Comité Económico-Social desta candidatura?

Estamos informados dos traballos do Comité Económico-Social puntualmente por parte do Comité Técnico. Aínda así, é moi probable que celebremos algunha sesión de traballo en común.

Ese terceiro comité, o Técnico, está organizado polo Concello de Vigo. Como espera que sexa a coordinación e a súa relación con este?

A coordinación co Comité Técnico e o apoio que deste estamos a recibir é simplemente excelente.

A independencia do Comité científico garántese a partir da propia independencia dos seus membros e de como estes foron seleccionados".

Como se asegura a independencia do Comité Científico?

A independencia do Comité con respecto ao Concello, que entendo é ao que se refire, garántese a partir da propia independencia dos seus membros e de como estes foron seleccionados. Contribúe a iso tamén, o feito de que o noso traballo non está asociado a remuneración de ningún tipo por parte do Concello.

O propio alcalde de Vigo, na presentación destes tres comités, dixo que se trata de ciencia "á marxe de cuestións políticas", en clara referencia ao conflito que manteñen Xunta e o goberno local vigués polas súas distintas candidaturas. Como lle explica vostede ao conxunto da sociedade galega que é así, que as cuestións políticas quedan á marxe?

Pois lle explico que cando se reúne o Comité Científico, os membros do mesmo falamos de ciencia. Conseguimos diferenciar perfectamente os dous planos. Nós realizamos un traballo de análise científica exclusivamente e outros se encargan de tomar as decisións políticas que consideren utilizando os resultados das nosas análises. Como xa comentamos tanto o reitor da Universidade de Vigo como eu mesmo, procederiamos da mesma maneira se a Xunta de Galicia requirise o noso concurso. 

"O certo é que non existiu contacto coa Xunta. E evidentemente este proxecto non é un desafío". 

Mantiveron algún contacto coa Xunta nalgún momento en relación coa candidatura que defende o Goberno galego? Puxéronse en contacto con vostedes ou vostedes con eles?

O certo é que non existiu ese contacto. 

Non é este plan, no fondo, un desafío á candidatura que impulsa a Xunta?

Evidentemente non, como queda explicado anteriormente.

É obvio que no plan do Concello e Universidade de Vigo está unha boa representación da elite científica de Galicia. A súa implicación neste proxecto xa é un aval para o mesmo?

O Comité Científico conformouse convidando a participar a persoas cuxa traxectoria profesional estivo vinculada ao estudo do Arquipélago de Cíes e, por tanto, atesouran unha parte significativa do coñecemento científico sobre este territorio. Son todos os que están, aínda que lamentablemente non están todos os que son. Teríanos gustado contar coa presenza de expertos do Parque Nacional [xestionado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio], pero lamentablemente non contestaron a nosa invitación.

O feito de que un número importante de científicos e científicas participen no Comité non supón un aval ao proxecto. Precisamente, a viabilidade do proxecto, desde o punto de vista científico, é algo que se estudará por parte do Comité.

"Non nos incumbe preocuparnos pola candidatura presentada pola Xunta e, sinceramente, non é un tema que ocupe tempo de traballo do Comité científico".

Que opinión lle merece o proxecto que impulsa a Xunta?

Pois descoñezo o proxecto, co que non lle podo contestar a súa pregunta. Pero sendo sincero, dada a miña posición como coordinador deste Comité Científico, e atendendo á discreción que creo debe primar o noso traballo, se coñecese o proxecto, posiblemente non o valoraría publicamente.

Este plan da Xunta acaba de recibir o apoio do Consello do Patrimonio Histórico, aprobando a súa inclusión na Lista Indicativa das candidaturas de España a Patrimonio da Humanidade. Isto non pecha unha porta á proposta do Concello de Vigo? 

Como mencionaba anteriormente, esa é unha pregunta que se refire a un tema puramente administrativo e, por tanto, non se atopa no ámbito de acción deste Comité Científico. Non nos incumbe preocuparnos dese tema e, sinceramente, non é un tema que ocupe tempo de traballo do Comité.

Que razóns hai para impulsar unha candidatura das Cíes e non do conxunto do Parque Nacional das Illas Atlánticas?

Non é que queira evadir as súas preguntas, pero de novo téñolle que remitir a outras instancias para a súa resposta. As razóns para impulsar unha ou outra candidatura habería que preguntarllas a quen toma este tipo de decisións, que en ningún caso é o Comité Científico. Desde o punto de vista técnico, con certeza ambas as propostas terán fortalezas e debilidades.

"A declaración de Patrimonio da Humanidade reforzaría a xa importante proxección internacional das Cíes, o cal sería beneficioso a escala rexional".

A Xunta cualificou de localista a candidatura que impulsa o Concello de Vigo e que guiarán vostedes. Que opinión lle merece?

Eu non diría que a declaración da Catedral de Burgos como Patrimonio da Humanidade sexa localista polo feito de non presentar unha candidatura conxunta con todas as catedrais góticas de Castela-León.

Que supoñería para as Cíes ser declaradas Patrimonio da Humanidade?

Reforzarían a súa xa importante proxección internacional, o cal sería beneficioso a escala rexional. Visto desde a perspectiva de Vigo, a declaración realzaría aínda máis unha das súas iconas, quizais a máis relevante, o que sen dúbida impulsaría aínda máis o proceso de identificación dos vigueses coa súa cidade e o seu territorio. Ademais, obrigaríanos a garantir a harmónica interacción entre a acción humana e o medio natural, un asunto sobre o que confío que o acordo sexa unánime. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 O marqués de Troña

Coñezo persoalmente ao profesor Emilio Fernández; sei da súa competencia na materia que lle ocupa pero o que me chamou a atención na entrevista e a súa capacidade para non respostar a preguntas comprometidas sen ofender a ninguén. Ademáis de científico demostra ser un excelente político. Noraboa Profesor; seguro que os resultados serán optimo e recoñecidos como se merecen.