Temas: INCENDIOS LUMES

“Hai comarcas nas que a principal axencia de colocación é o servizo de extinción de incendios”

Expertos advirten que se pon máis énfase en tratar o problema que en previlo. "Unha empresa non pode gañar cartos a conta do lume", din no 'Foro Claridade: Incendios en Galicia. Un problema sen resolver'.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/11/2017 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

Para facerlle fronte os incendios é preciso incrementar a actividade agropecuaria, facilitando o acceso á terra; unha planificación seria do solo forestal e non forestal; e no relativo aos servizos de extinción, estes teñen que ser públicos, deben estar máis formados e equipados, e baixo un mando único. Estas son as principais conclusións ás que chegaron os expertos que participaron en Ourense no 'Foro Claridade: Incendios en Galicia. Un problema sen resolver', organizado pola Fundación Luís Tilve.

Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

O profesor de Produción Vexetal e Enxeñaría da USC, Manuel Marey, leva anos estudiando o fenómeno dos incendios. Lembra que o servizo de extinción creouse no ano 1990, seguindo un modelo clásico que atende ó pasado e non ó futuro.

O modelo territorial, social e poboacional mudou, polo que este servizo tamén ten que adaptarse ás circunstancias actuais, segundo este experto.

Por outro lado, subliña que a produción de madeira xera 300 millóns de euros ó ano, pero gastamos 175 millóns de euros na defensa contra os incendios, poñendo máis énfase en tratar o problema que en previlo.

En Ourense, por exemplo, en termos económicos, o valor que xera o monte ardendo, a chamada industria do lume, é superior ó que está xerando o monte no estado actual de abandono. “Hai comarcas nas que a principal axencia de colocación é o servizo de extinción de incendios”, remarca.

Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Loita contra o lume en Zamáns (Vigo), en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Este modelo que transfire rendas ó rural, derivou segundo os expertos, nun modelo caciquil de control do territorio, pero, ó mesmo tempo, pretende ser eficaz na loita contra os incendios, o que, din, é unha contradición e un obxectivo imposible, máxime cando o territorio está cambiando.

"Unha empresa non pode gañar cartos a conta do lume. Rachar esta dinámica ten que ser un obxectivo estratéxico, senón o problema vai ser cada vez maior e en Europa seguirán asombrándose coas cantidades de millóns que levamos gastados na extinción dos incendios", avisan os expertos.

ABANDONO DO MONTE

Unha das liñas claves a seguir, segundo estes, é o feito de que "as zonas onde hai máis industria forestal, incluso de eucaliptais, son as que menos arden, chegando a ter a percepción de que o gasto en prevención é escaso, porque o ven como unha ameaza ao seu investimento". En cambio, "as zonas que máis arden son as terras abandonadas, onde hai máis matogueira, onde, paradoxicamente, teñen a percepción de que o gasto en prevención é suficiente ou excesivo".

Os propietarios forestais son os máis afectados polos incendios, polo que "hai que motivalos e apoialos, xa que son os que invisten cantidades importantes en que a terra sexa produtiva".

"Se cando o lume arrasa o monte se exerce presión sobre os propietarios, estes acabarán por abandonar a actividade forestal, agravando o problema. Ten que haber unha planificación do territorio, hai que reconstruílo, xerando actividade económica, porque o seu abandono é a principal causa de que o monte arda", avisan.

Esta circunstancia, subliñan, "vai ir a peor, xa que se prevé unha forte caída demográfica no rural nas próximas xeracións".

A este problema hai que engadirlle o cambio climático, que ven para quedarse a longo prazo e ao que hai que adaptarse; e os propios incendios, tanto estruturais (acción-reacción) como os que teñen lugar nas franxas urbanoforestais que responden a casuísticas variopintas e complexas.

Segundo os expertos, o abandono do rural xera unha acumulación de biomasa que en circunstancias excepcionais (ventos de máis de 30 quilómetros, máis de 30 graos de temperatura e unha humidade por baixo do 30%) fai imposible atallar o lume. Problema que se agrava nunha poboación tan dispersa como a galega e na que, salientan, "se incumpre reiteradamente a obriga de manter un perímetro de separación entre as casas e o bosque".

“A única solución para atallar este problema é conseguir que haxa actividade no rural para evitar a acumulación de combustible con prados, cultivos e terras de labor que fan de cortalumes naturais”.

UN RURAL DO SÉCULO XXI E UN SERVIZO PÚBLICO ANTILUMES

Para conseguir isto din que "hai que dispor dun marco legal que facilite a cesión das terras dos que se van ós que se quedan, e incentivar e apoiar que haxa xente que viva do rural cunha mentalidade do século XXI, un rural atractivo e viable para a xente moza".

"O que fixemos ate o de agora non serve. Se fracasamos nisto o territorio vaino xestionar o lume, e a relación custo-eficacia será moi alto", conclúe Jacobo Feijoo, presidente de ASEFOGA e responsable de desenvolvemento rural de Unións Agrarias.

O labor de intelixencia e investigación nos incendios estruturais, que son reiterados en determinadas zonas, tamén permitiría intervir e presionar ós incendiarios cando se presentasen circunstancias climáticas moi adversas, a modo preventivo.

Elías Blanco, membro do Servizo de Defensa contra os Incendios e delegado de FeSP-UGT, coincide en que hai zonas que arden de xeito reiterado. Os incendiarios son da zona e o radio de actuación é inferior ós 10 quilómetros. Analizar que tipo de problema existe en cada zona é moi importante: lindes, caza, pastoreo, marcos...

Outro problema é a redución de efectivos en momentos claves. Por exemplo, na vaga de incendios recente as torres de vixilancia da zona en cuestión estaban pechadas

Por todo isto, consideran que "a privatización de tarefas de extinción e os distintos actores nas tarefas de extinción sen un mando único restan tamén moita eficacia ó servizo". 

Temas: INCENDIOS LUMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta