As mareas locais reivindican a súa “boa xestión” onde gobernan

Representantes das distintas mareas reúnense en Ourense coa vista posta nas municipais de 2019. Martiño Noriega ve a súa labor de goberno "unha achega" para En Marea, do mesmo xeito que "a da Coruña e outras cidades". Luís Villares non acudiu ao encontro.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 18/11/2017 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

Máis dun cento de persoas participan no encontro que representantes de mareas locais mantiveron este sábado en Ourense e no que, co exemplo de experiencias de goberno como as cidades de Santiago e A Coruña, apelan a reivindicar "a súa boa xestión" fronte ao PP coa vista posta nas eleccións municipais de 2019.

Martiño Xosé Vázquez e Martiño Noriega en declaracións aos medios
Martiño Xosé Vázquez e Martiño Noriega en declaracións aos medios

Así o trasladou o portavoz de Ourense en Cómun, Martiño Xosé Vázquez, quen destacou que a cidade das Burgas é este sábado "a capital galega do municipalismo" e explicou que o fin da cita é "compartir ferramentas e metodoloxías" coa base das experiencias de xestión local.

A modo de exemplo, sinalou que Ourense, única das sete grandes cidades galegas que goberna o PP, "non ten orzamentos nin unha renda social básica" fronte ao que ocorre en Santiago de Compostela, cuxo rexedor, Martiño Noriega, tamén interveu no encontro.

"O obxectivo é demostrar que hai outra forma de facer política; que Ourense pode ter orzamentos, unha renda municipal básica e outras cousas que os autodenominados bos xestores non conseguen", aseverou o dirixente local, antes de insistir en que se traballará para "compartir experiencias".

A XESTIÓN EN COMPOSTELA, "UNHA ACHEGA"

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), advertiu de que apenas quedan "espazos de transformación" salvo o local, algo do que, ao seu entender, son conscientes "os poderes fácticos", que actúan en consecuencia. "De aí a intervención en Madrid, tentan dinamitar todas as boas praxes", subliñou.

Preguntado acerca de se a súa experiencia na capital galega é un dos principais avais para En Marea en clave galega, replicou que, sen dúbida, é "unha achega". Non en balde, lembrou que Compostela Aberta "colleu Santiago nunha situación complicada" tras un polémico mandato do PP e puido "reducir débeda, aumentar gasto social ou pór ferramentas de participación".

Agora, "con acertos e erros", defendeu que a capital galega ten "un goberno responsable". Dito isto, subliñou que o obxectivo non é só Santiago, senón "achegar a un cambio maior". Neste sentido, defendeu que considera que En Marea pode "sacar peito" pola xestión en Santiago, pero tamén pola "da Coruña e outras cidades".

AUSENCIA DE VILLARES

En canto á ausencia do portavoz de En Marea, Luís Villares, neste encontro, que o dirixente rupturista xustificou na pasada xornada, Noriega instou a preguntarlle a el polos seus motivos.

"Eu non sei cales son as presenzas ou as ausencias. A min convidáronme e veño achegar. Este é un encontro municipalista e os debates que se dean aquí serán positivos para todos os espazos de unidade popular", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

1 RAMIRO DE YOLI

Nunca entenderei como Xulio Ferreiro e Martiño Noriega se poñen a altura dun déspota incompetente como Jorge Suárez

1 anonimo

Por el interes te quiero Andres. Ou ao mellor e que non sob tan diferentes e alguns vivides na inopia.