A Xunta privatiza por 33 millóns de euros os helicópteros de Salvamento Marítimo

O contrato foi para Inaer, agora chamada Babcock Mission Critical Services, a mesma que se fixo xa cos contratos dos helicópteros de loita contra os lumes que está investigando un xulgado de Santiago e polo que está imputado Tomás Fernández Couto. O servizo custará un millón máis do que custaban cando era xestionados pola administración galega.

Por Xurxo Salgado | | 20/11/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xunta acaba de consumar tamén a privatización do servizo de helicópteros de Salvamento Marítimo. Un concurso que xestionatrá, a partir de agora a empresa Babcock Mission Critical Services, ata este 2017 coñecida como Inaer por un montante total de 32.914.000 euros, case 33 millóns. 

Un Helicóptero De Salvamento Marítimo
Un Helicóptero De Salvamento Marítimo

A Xunta tivo que enmendar o concurso para a contratación destes dous helicópteros para a vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento marítimo logo de que o anterior quedara deserto ante a falta de empresas que se presentaran.  O contrato terá unha vixencia inicial de catro anos e o seu importe total supón un millón de euros máis caro do que lle custaba a Xunta este servizo cando era xestionado pola institución pública.

CONCURSO DESERTO

Tras quedar deserto, optouse por promover unha consulta pública ao mercado, co obxecto de solicitar información e definir mellor os aspectos técnicos e económicos deste novo contrato con respecto ao anterior. Unha vez realizada a consulta pública, con base nos resultados acadados nela, procedeuse, segundo a Xunta, a axustar os importes estimados de custo do contrato e aproveitouse para modificar aqueles aspectos técnicos que redundasen no incremento da concorrencia e na mellora da prestación dun servizo único en España “e cuns estándares de calidade superiores incluso aos de Salvamento Marítimo”.

Feijóo defende a privatización porque "é difícil o mantemento das dúas aeronaves anteriores"

Rescate de Salvamento Marítimo en Caión
Rescate de Salvamento Marítimo en Caión

Entre as novidades introducidas no concurso, destaca, respecto do actual contrato en vigor, recolle a obrigatoriedade de contar con 20 pilotos para atender o servizo aéreo de gardacostas, fronte aos 18 que se exixen na actualidade. Así, disporase de 2 pilotos máis a partir de novembro. A Consellería do Mar xa sacara a licitación deste servizo no mes de abril deste ano. 

FEIJÓO DEFENDE A PRIVATIZACIÓN

Con todo, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo defendeu a privatización deste servizo porque dixo que era “difícil” o mantemento das dúas aeronaves anteriores, debido a que comezaban a ser aparatos vellos. “A decisión foi a correcta e operar con helicópteros vellos supuña máis problemas que ventaxas”, dixo para xustificar a decisión de que sexan empresas privadas as que se encarguen deste servizo.

Non obstante, o proceso de privatización resulta complicado porque ao primeiro concurso convocado pola Xunta só se presentou unha empresa que non cumplía cos requisitos da Xunta. Por iso, decidiuse abrir un novo concurso. Segundo fontes consultadas por GC, “o problema estivo que estiveron agardando polo cambio oficial de Inaer para que o concurso recaera novamente neles”.

EMPRESA POLÉMICA

Inaer, agora Babcock Mission Critical Services, é a mesma empresa que está sendo investigada por un xulgado de Santiago por irregularidades na contratación do servizo de helicópteros contra incendios das campañas 2011, 2012 e 2013.  Unhas investigacións polas que está imputado por prevaricación o máximo rsponsable da loita contra os lumes en Galicia, Tomás Fernández-Couto. Na instrución, que parte dunha denuncia rexistrada en 2015 pola Fiscalía baseada na presentada en 2012 polo sindicato CIG, figuran igualmente como investigados por leste mesmo motivo Francisco José Vidal Pardo e José Carlos Costas, secretario xeral técnico e subdirector xeral de prevención e defensa contra os incendios forestais da Consellería de Medio Rural, respectivamente, naqueles anos.

Na denuncia da CIG que serviu de base á da Fiscalía alertábase da adxudicación directa en 2012 a Inaer do servizo de helicópteros das brigadas contraincendios da Xunta por importe de 6,6 millóns de euros. O sindicato achegaba documentación gráfica que evidenciaba que mes e medio antes da adxudicación os helicópteros de Inaer xa prestaban servizo. O Executivo galego, presidido xa entón por Feijóo, xustificou a adxudicación a dedo sinalando que a inmediatez da época de risco de lumes impedíalle convocar un concurso público.

SERVIZO

Esta mesma empresa –aínda que con outro nome-.- prestará tamén o servizo de salvamento marítimo a través de medios aéreos. Un servizo que se vén desenvolvendo en Galicia desde 1990 con medios públicos. O seu obxectivo é garantir a cobertura no litoral galego os 365 días do ano, as 24 horas do día, cun tempo máximo de resposta de dez minutos. Este novo contrato entrou en vigor o pasado 1 de novembro, tras ser adxudicado en outubro.

En todo caso, e a pesar da privatización, a Xunta lembra que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun Servizo de Gardacostas e tamén a única que pon á disposición de Salvamento Marítimo do Estado os seus medios para actuar naquelas operacións e operativos nos que sexan requiridos. Este organismo, dependente da Consellería do Mar, encárgase da vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas.

Para desenvolver os seus labores conta cos helicópteros Pesca 1, con base en Vigo, e co Pesca 2, con base en Celeiro. Ademais, dispón de diversos medios terrestres e marítimos distribuídos por todo o litoral galego. 

Inaer é a mesma empresa que está a ser investigada pola adxudicación de helicópteros contra incendios

A NOVA INAER

Babcock Mission Critical Services (MCS) España, ata 2017 denominada Inaer, é unha compañía aeronáutica española dedicada a servizos de emerxencia aérea e mantemento de aeronaves. Está especializada en operacións como emerxencia médica, protección civil, procura e rescate en mar e montaña, vixilancia de costas e pesqueira, loita contra incendios, adestramento e mantemento de aeronaves. Forma parte de Babcock International Group, compañía inglesa dedicada aos servizos de emerxencia aérea.

En 2013 Inaer en España realizou 32 826 horas de voo, nas que levou a cabo 8959 misións de emerxencia sanitaria (HEMS), 5.319 operacións de prevención e extinción de incendios e rescatou a 3726 persoas no mar e a montaña. Para realizar estes servizos a compañía opera en España unha frota de ao redor de 160 aeronaves e conta con 1400 empregados. As distintas compañías de Babcock operan unha frota de aproximadamente 350 aeronaves en Australia, Chipre, España, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Noruega, Portugal, Reino Unido e Suecia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Asento de coiro

Mellor e máis barato que se foses público. Dos 20 pilotos 10 estarían de baixa e haberia que contar con 30. Os helicópteros terian unha recua de mecánicos a escachifar neles. Farian folga para reclamar aumentos o día antes dun temporal. Pola privatización de toda a administración menos a sanidade e a educación Xa!!!!

1 ful

Saiche a vena neoliberal? ou eres un empresario que quere trincar?. O privado sae mais caro e menos eficaz, mais caro primeiro porque ten que pagar un 21% de IVA mais o beneficio empresarial que pode chegar a outro 21% so en esto sin contar agasaios a PPartidos PPoliticos vaise a mitade da pasta, menos eficiente porque o empresario privado ten os traballadores explotados e donde fai falla dous ten so a un. Demostrase non so na educación e sanidade, senon tamen nos servizos sociais, seguridade, pensións.... resumo:todo o que se privatizou e mais caro e menos eficiente.

1 Fernando G

Si pilla ese contrato o amigo de Anxo...