Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/11/2017 | Actualizada ás 08:00
Os contratos de helicópteros para as campañas contra incendios levan anos na boca de políticos, sindicalistas e traballadores dos servizos contra incencios. Ano tras ano hai denuncias sobre opacidade, privatización encuberta e ata “negocios escuros” neste tipo de contratos. Ata agora todo quedaba niso, en denuncias públicas, ata agora, cando a Fiscalía denuncia un "grave quebranto" dos principios de "igualdade, publicidade e legalidade" nos contratos de helicópteros da Xunta con Inaer.
Este martes coñecíase que o director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto, está sendo investigado por un suposto delito de prevaricación nunha causa aberta pola adxudicación de servizo de helicópteros de loita contra incendios nas campañas de 2011, 2012 e 2013. Unha causa na que tamén figuran como imputados o exsecretario xeral técnico de Medio Rural Francisco José Vidal Pardo e o exsubdirector xeral de prevención contra incendios José Carlos Costas López. E a súa declaración ante o xulgado número 3 de Santiago tivo xa lugar en abril deste ano.
Pero, que hai detrás dos contratos para que un xuíz decida investigalo?. Para entendelo hai que falar primeiro de INAER e Natutecnia. Estas dúas empresas levan gañando sucesivamente concursos públicos para realizar un servizo que antes era público; os de extinción de lumes ou de salvamento marítimo a través de helicópteros. E, sempre, a súa contratación está rodeada de opacidade.
Denuncias xa en 2012
En 2012 estas empresas eran denunciadas por obter contratos sospeitosos. Entón, a CIG-Administración presentaba unha denuncia por presunto delito de prevaricación contra a entón conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana; o Secretario Xeral de Montes, Tomás Fernández Couto e o Secretario Xeral Técnico; Francisco Vidal. Curiosamente, os dous últimos están sendo agora investigados pola Fiscalía. Unha investigación que iniciou en 2015 logo de que un informe del Consello de Contas de 2015 tamén recollera diversas irregularidades nos contratos de helicópteros da Xunta.
Acusabanos de adxudicar a Natutecnia e INAER por 6,6 millóns de euros o servizo de helicópteros e as cuadrillas contraincendios sen garantir os principios de concorrencia competitiva, igualdade e publicidade. As adxudicacións tampouco foron publicadas nin no DOG, nin no Boletín das Comunidades Europeas. Precisamente, as mesmas denuncias que fai, agora a Fiscalía.
CIG-Administración denunciaba entón que a Consellería do Medio Rural e do Mar pretendía privatizar as brigadas helitransportadas do Servizo de Prevención Defensa Contra Incendios forestais (SPDCIF) e aseguraba que coñecía aos gañadores do concurso. Curiosamente, os sindicatos e partidos políticos denunciaron que o ex conselleiro de Medio Ambiente con Manuel Fraga, Carlos del Álamo, era directivo de Natutecnia, segundo denunciara a CIG en 2012, aspecto que non figura no Rexistro Mercantil segundo contrastou GC.
Este contrato abranguería non só o alugueiro dos medios técnicos, neste caso os helicópteros que aportaría INAER, senón a dotación de persoal que prestaría o servizo neles e que achegaría Nanutecnia durante os anos 2013, 2014 e 2015. Isto foi en 2013. Pero, desde entón, a opacidade na contratación dos servizos contra incendios continuou.
Continúan as adxudicacións
Así, o 21 de xullo de 2015 a Xunta volvía a adxudicar o seu servizo de helicópteros contra o lume, máis dunha semana despois de que oficialmente empezara a tempada oficial de alto risco de incendios. Tal e como publicou GC, malia ese atraso, a adxudicataria aínda estaba a buscar traballadores. No portal Infojobs aparecía publicado cinco días antes un anuncio no que Inaer ofrecía 30 vacantes de peón de brigada helitransportada. O mesmo portal de emprego publicaba unha oferta de dúas prazas de técnico de brigada helitransportada contra incendios o 7 de xullo. É dicir, dúas semanas antes de que a Xunta lle adxudicase o contrato a empresa xa andaba a buscar operarios para o servizo.
A adxudicataria era, novamente, s Unión Temporal de Empresas (UTE) Inaer Galicia, S.L., Consultoria Natutecnia, S.L. Inaer Helicópteros S.A.U. Igual que fixo noutros anos, Medio Rural non permitiu que se presentase calquera empresa en función duns pregos de contratación públicos. A Consellería, tirando do procedemento negociado sen publicidade, só pediu prezo a determinadas compañías. Na documentación pública deste contrato figura que a Xunta só pediu orzamento á citada UTE.
APROPIGA, CIG, UXT e CC.OO xa alertaran da privatización
CIG-Administración leva anos denunciando a privatización do servizo público autonómico contra incendios en favor de determinadas compañías, entre as que citou recurrentemente a Nanutecnia. Por exemplo, até 2012 Medio Rural contrataba os helicópteros a unha compañía, pero as brigadas estaban formadas por traballadores públicos, que hoxe son contratados pola consultora privada. Unha denuncia á que se sumaba tamén UGT que criticaba a “privatización” dun servizo, ata entón, público.
Colectivos como a Asociación de Bombeiros Forestais de Galicia (APROPIGA) levan anos criticando a atomización e privatización do servizo de loita contra o lumes. Na súa opinión, esta política provoca que non haxa uns estándares mínimos na formación dos operarios que arriscan as súas vidas contra as lapas. De feito, na oferta que aparecía en Infojobs, Natutecnia non pedía ningunha formación nin experiencia aos peóns das brigadas helitransportadas.
Peche das bases de helicópteros públicas
Hai xusto un ano, a Consellería de Medio Rural pechaba as bases de helicópteros propias: a de Vilarmaior no distrito forestal XIV de Verín Viana, a de Marroxo na provincia de Lugo e a do Campiño en Pontevedra. Pola contra, mantiña abertas e operativas as bases de xestión privada de Toén e o Barco en Ourense, Portomarín en Lugo e a de Queimadelos en Pontevedra, todas elas pertencentes á empresa privada Natutecnia.
“Esta decisión adoptouse por indicación da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, que preferiu mandar o persoal fixo-descontinuo do SPDCIF a engrosar as listas do paro, mentres segue mantendo negocios privados especulativos á conta da loita contra os incendios forestais”, denunciaba entón o sindicato CCOO.
E este sindicato apuntaba directamente contra Tomas Fernández-Couto, que no ano 1998 apostaba —cos sindicatos CCOO e UGT— por un servizo público de defensa contra incendios forestais coa creación dun cadro de persoal de máis de 1600 efectivos. “É curioso que agora pase (case vinte anos despois) ao lado escuro da privatización”, indicaba. “Estase convertendo no máximo responsable da demolición daquel servizo: primeiro, recuperando as brigadas dos concellos (claro exemplo de clientelismo político), despois, vendendo a cachos ás empresas privadas amigas parte das tarefas propias da extinción de incendios forestais e, ao cabo, non cubrindo as prazas”, denunciaba.
E que opina a Xunta?
E a pesar destas críticas continuadas no tempo, a Xunta segue defendendo a contratación de aeronaves. Este mesmo ano, en febreiro, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, aprobaba o modelo de contratación de aeronaves da Xunta para loitar contra os incendios tras ser preguntada por En Marea que incidía nas dúbidas do Consello de Contas ao redor da contratación do servizo integral de helicópteros .
Ángeles Vázquez afirmaba que, ao contratar xuntos os medios aéreos e humanos, afórrase "diñeiro", redúcense as trabas administrativas e increméntase a operatividade tanto na contratación como nos servizos. En todo caso, adiantaba que o seu departamento encargaría unha consulta de mercado para dotar de total transparencia ao proceso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.