Temas: LUMES

Os helicópteros antilume da Xunta aínda andan buscando traballadores

Natutecnia recibiu este contrato cando a tempada oficial de alto risco de incendios xa estaba en marcha. A empresa (vinculada ao ex-conselleiro Carlos del Álamo segundo o PSOE), empezou a buscar operarios para este servizo antes de gañar o concurso, negociado sen publicidade. Na actualidade, segue a buscar 30 peóns e 2 técnicos.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 03/08/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia adxudicou o seu servizo de helicópteros contra o lume o 21 de xullo, máis dunha semana despois de que oficialmente empezase a tempada oficial de alto risco de incendios.  Este período, no que o Goberno debe ter todos os seus medios operativos, comezaba normalmente o 1 de xullo, aínda que este ano o Executivo atrasouno até o día 13.

Brigada sube a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer
Brigada sube a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer

Malia este atraso, a adxudicataria aínda esta a buscar traballadores. No portal Infojobs publicou hai cinco días un anuncio no que ofrece 30 vacantes de peón de brigada helitransportada.

O máis curioso é que no mesmo portal de emprego publicou unha oferta de dúas prazas de técnico de brigada helitransportada contra incendios o 7 de xullo. É dicir, dúas semanas antes de que a Xunta lle adxudicase o contrato a empresa xa andaba a buscar operarios para o servizo. Tanto a oferta de peón como a de técnico seguen activas agora mesa.

Carlos del Álamo

A adxudicataria é Unión Temporal de Empresas (UTE) Inaer Galicia, S.L., Consultoria Natutecnia, S.L. Inaer Helicópteros S.A.U. Igual que fixo noutros anos, Medio Rural non permitiu que se presentase calquera empresa en función duns pregos de contratación públicos. A Consellería, tirando do procedemento negociado sen publicidade, só pediu prezo a determinadas compañías. Na documentación pública deste contrato figura que a Xunta só pediu orzamento á citada UTE.

Carlos del Álamo, ex-conselleiro de Medio Ambiente
Carlos del Álamo, ex-conselleiro de Medio Ambiente

Un dos socios da Unión Temporal de Empresas é un nome recorrente nas críticas ao goberno do PPdeG. Segundo denunciara o PSdeG,  Consultoria Natutecnia, S.L. está vinculada ao ex-consellerio de Medio Ambiente Carlos de Álamo na era Fraga. Con todo, GC comprobou que o seu nome non figura no cadro directivo da compañía.

APROPIGA, CIG e UXT alertan das consecuencias da privatización

Por outra banda, o sindicato CIG leva anos denunciando a privatización do servizo público autonómico contra incendios en favor de determinadas compañías, entre as que citou recurrentemente a Nanutecnia. Por exemplo, até 2012 Medio Rural contartaba os helicópteros a unha compañía, pero as brigadas estaban formadas por traballadores públicos, que hoxe son contratados pola consultora. Onte mesmo outro sindicato, UGT, alertaba das consecuencias da privitización e tamén citaba a Natutecnia.

Colectivos como a Asociación de Bombeiros Forestais de Galicia (APROPIGA) levan anos criticando a atomización e privatización do servizo de loita contra o lumes. Na súa opinión, esta política provoca que non haxa uns estándares mínimos na formación dos operarios que arriscan as súas vidas contra as lapas. De feito, na oferta de Infojobs, Natutecnia non pide ningunha formación nin experiencia aos peóns das brigadas helitransportadas. Cómpre lembrar que estes traballadores realizan unha labor moi perigosa, pois son transportados en helicóptero aos puntos máis difíciles dos incendios, lugares aos que os medios terrestres moitas veces non poden nin acceder. 

Case 800.000 euros por catro helicópteros durante tres meses

O goberno dividiu este servizo en dous lotes. Por tres helicópteros lixeiros e as súas brigadas pagará á UTE 509.910 euros máis IVE. Por un helicóptero e os técnicos coordinadores abonaralles 134.780 euros máis IVE. En total máis de 780.000 euros IVE incluído por tres meses de contrato.

Temas: LUMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta