Temas: VIGO CINE

O ciclo de cinema galego Ficciónate presenta a súa segunda edición en Vigo

No ciclo proxéctanse as obras Illa Pedra (protagonizada por María Tasende e Nerea Barros), Einstein-Rosen (Premio Mestre Mateo 2017 á Mellor Curtametraxe de Ficción), Curricán (Premio do Festival de Cans en 2015) e Superpunky, El Musical (apodado o “La la land galego”).

Por Galicia Confidencial | Vigo | 21/11/2017 | Actualizada ás 10:18

Comparte esta noticia

A Sala Ártika de Vigo acolle este venres 24 de novembro Ficciónate, o ciclo de cinema galego desenvolvido por novos talentos do audiovisual galego. Desta volta serán catro as curtametraxes de ficción que viron a luz durante os últimos anos e que unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Entre un total de 29 filmes candidatos na fase de presentación, foron seleccionadas 4 obras: Illa Pedra de Adriana Páramo, Einstein-Rosen de Olga Osorio, Curricán de Álvaro Gago e Superpunky, El Musical de Pablo Cacheda.

Unha das imaxes da curta Curricán
Unha das imaxes da curta Curricán

Na primeira edición deste ciclo, foron un total de 9 as localidades que acolleron as proxeccións das obras Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary. Estas curtametraxes viaxaron en 2016 a Illa de Arousa, Negreira, Sarria, Pontevedra, Ferrol, Santa Comba, Burela, San Sadurniño e A Coruña. Nesta nova edición, a Organización prevé que este número de concellos aumente e o ciclo continúe en expansión trala fantástica acollida na primeira edición.

Tralas proxeccións, os asistentes terán a ocasión de compartir a experiencia cos artífices das obras dende diferentes ámbitos do eido audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación. 

TEMÁTICAS DE ACTUALIDADE

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Illa Pedra é unha curtametraxe de Adriana Páramo protagonizada por María Tasende e Nerea Barros que aborda o tema de emigración. Con tintes autobiográficos, a directora cóntanos a historia de Antía, quen deixa a súa terra e a súa mellor amiga Iria séntese traizoada.

Un fotograma da curta superpunky
Un fotograma da curta superpunky

Einstein-Rosen de Olga Osorio (premiada en diversos festivais e gañadora do Premio Mestre a mellor curtametraxe 2017) narra a historia de dous irmáns, que, no verán do ano 1982 aseguran atopar un buraco de verme. Pola súa banda, Curricán de Álvaro Gago, narra as aventuras de Xoan Curricán na mariñeira Vilanova de Arousa, a súa vinculación co mar e o quefacer diario dun rapaz de aldea co seu avó e irmán. E dado que este ano os musicais están en plena efervescencia grazas ó fenómeno “La la land”, o musical Superpunky pecha a selección desta nova edición de Ficciónate. Protagonizado por Antea Rodríguez e Sabela Arán e coas notas musicais dos grupos Priscila e Monoulious DOP. Unha selección diversa en canto a temática, xénero e concepto audiovisual.

As entradas xa están á venda a través de Ticketea. O custe das entradas é de 5 € + gastos de xestión tanto na web de Ticketea como na propia billeteira da Sala Ártika.

Ficciónate é unha iniciativa de Abella Creativa en coprodución con MT Producciones e coa colaboración de Adega Terra Brava, Pazo de Anzuxao, Ingapan, Casa Neiras e Fontecelta.

Temas: VIGO CINE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta