Mil Wikileaks máis

Os informes que está publicando Wikileaks constitúen un dos maiores antídotos contra o escepticismo que ten invadido a moitos espíritos democráticos ante a crecente impunidade coa que veñen actuando os grandes poderes fácticos internacionais.

Por Xesús Veiga | Santiago | 06/12/2010

Comparte esta noticia

Ter a posibilidade de coñecer, polo miúdo, a grande distancia que separa a retórica das proclamas en favor dos dereitos humanos da real vontade de transgredilos por parte de moitos responsábeis gobernamentais –encabezados pola propia Administración norteamericana- constitúe unha osixenante terapia para todas as persoas que protagonizan a historia pero non pertencen ao círculo selecto encargado de escrebela.

O apartado dedicado ás actividades da embaixada USA en Madrid ofrece, polo momento, episodios demostrativos da coñecida dupla linguaxe imperante na política dos grandes partidos e conten preocupantes indicios sobre a eliminación práctica da división de poderes que debe presidir a existencia mesma dun Estado de dereito.Polo que nos din eses papeis, a morte do Xosé Couso supuxo un novo enterro de Montesquieu, esta vez nas rúas de Bagdad.Mais alá das eventuais consideracións xuridíco-penais, resulta conmovedor contemplar a grande dispoñibilidade dalgúns persoeiros do aparato xudicial español ante as suxestións e peticións formuladas polos representantes do amigo americano.

Que Aznar posúe unha elevada autoestima no seu papel de novo caudillo capaz de salvar a España da perversa conspiración “separatista-progresista” non é ningunha sorpresa.Que Mariano Rajoy vive rodeado de moitos Brutos preparados para asaltar, na primeira ocasión que lles brinde o mercado electoral, o seu despacho da rúa Génova non precisaba das indagacións do embaixador norteamericano.Pero xa saben vostedes que todo o que procede das factorías de Washington ten un certificado de calidade indiscutíbel para quen acredita no “american way of  life”.A menos que agora todos os que apoiaban a versión de Bush sobre o Iraq de Hussein decidan considerar que os documentos publicados están inzados de mentiras.

Wikileaks é a proba do nove da fortaleza potencial da liberdade de expresión.Anúncianse  novos papeis sobre as actuacións dalgún banco importante relacionado coa crise que estamos a padecer.Ante os medos demonizadores dos que queren vivir a media luz, resulta pertinente formular un desexo:que xurdan mil Wikileaks mais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.