A toniña podería desaparecer das augas de Galicia nun par de décadas

Non é doado atopar esta especie en Galicia pero, con todo, a nosa costa rexistra o 80% dos varamentos e o 90% dos avistamentos de toniñas no Estado español. No Mediterráneo considéranse extinguidas. As augas galegas poden ser claves para a recuperación e conservación desta especie. A CEMMA pide á sociedade galega que asuma este reto.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/11/2017 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

A toniña (Phocoena phocoena) é a especie de cetáceo de menor tamaño de todas as que están presentes no Hemisferio Norte. Na costa atlántica oriental distribúese dende as augas circumpolares (Mar de Barents), ata a costa senegalesa africana. No Mediterráneo está considerada extinguida. A poboación que está presente nas augas da península Ibérica resulta de especial singularidade.

Exemplar de toniña
Exemplar de toniña | Fonte: Marcus Wernicke.

Co nome de toniña meridional, P. phocoena meridionalis, denomínase ao ecotipo das toniñas que están presentes nas augas da península Ibérica, téndose comprobado xeneticamente que constitúen un núcleo poboacional diferente a calquera outra poboación de toniñas do mundo. As toniñas Ibéricas están máis emparentadas coas que viven no Mar Negro que coas do norte de Europa, polo que deberon formar parte dunha antiga poboación que, no pasado, se extendeu por todo o Mediterráneo e norte de África.

As toniñas meridionais Ibéricas son máis grandes que as toniñas do norte de Europa, o que acrecenta a súa singularidade.

A TONIÑA EN GALICIA

En Galicia é unha especie considerada común, mais pouco frecuente. Rexístrase no 5% dos varamentos, e as observacións da especie non chegan ao 10% dos avistamentos totais de cetáceos.

Toniña morta
Toniña morta | Fonte: CEMMA.

Con todo, a costa de Galicia é unha área fundamental para a conservación da especie, pois aquí rexístranse o 80% dos varamentos e o 90% dos avistamentos da especie a nivel de toda a costa española.

No ano 2015, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños - CEMMA levou a cabo o proxecto PHOCOEVAL, realizando a primeira campaña específica para a monitorización da especie ao longo de toda a costa galega. Mediante unha mostraxe marítima e outra aérea rexistráronse varios avistamentos de toniña, pero o seu número resultou insuficiente para poder estimar a súa abundancia.

AO BORDO DA EXTINCIÓN

No ano 2016 realizouse a campaña internacional SCANS-III, para a monitorización dos pequenos cetáceos nas augas costeiras de toda Europa, estimándose unha poboación de 2.900 toniñas nas augas Ibéricas. Este resultado indica que a especie presenta unha densidade moi baixa, e que está ao bordo da desaparición.

As ameazas que sofre a especie son múltiples, sendo a máis importante a mortalidade por captura accidental en artes de pesca, de maneira que o 60% dos exemplares varados morreron por esa causa. Outras ameazas de consideración son a contaminación química e a destrucción e alteración do hábitat. 

CONSERVACIÓN

A CEMMA considera "unha materia pendente e urxente" a conservación desta especie.

A toniña está incluída no Anexo II da Directiva Hábitat como especie prioritaria. O Real Decreto 139/2011, de 4 de febreiro, desenvolve o Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial e o Catálogo Español de Especies Amenazadas, no que a toniña se inclúe como vulnerable, o que implica a obriga de ter que poñer en marcha un plan de conservación para a especie.

A nivel galego, a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza supón a trasposición da Directiva Hábitats da CE á lexislación autonómica, e o Decreto 88/2007, polo que se regula o Catalogo Galego de Especies Ameazadas, inclúe tamén á toniña, catalogada como especie vulnerable.

O pasado 19 de outubro, no marco do proxecto LIFE+INTEMARES, celebrouse un obradoiro de expertos sobre a toniña no Centro de Investigación en Bioloxía e Biotecnoloxía Mariñas Experimentais de Plentzia. As conclusións desta xuntanza foron a necesidade de establecer un plan que contribúa á conservación da especie. Estiveron presentes membros das entidades AMBAR, CEMMA, CIRCE e SPVS, así como representantes do Ministerio de Medio Ambiente, da Junta de Andalucía e da Fundación Biodiversidad.

O FUTURO

A CEMMA está a recompilar toda a información científica dispoñible sobre a especie, e a elaborar un documento que servirá de base para que o Ministerio de Medio Ambiente poña en marcha o procedemento para o establecemento do Plan de Conservación da especie, e a súa execución mediante a publicación no BOE.

"A conservación da toniña é todo un reto", asegura a CEMMA, que critica que "actualmente os medios de comunicación nos están amosando a difícil situación que está a atravesar a Phocoena sinus, nas augas americanas do Pacífico, que se atopa ao bordo da extinción".

"Non podemos, e sobre todo non debemos, deixar pasar a oportunidade de traballar pola recuperación da toniña, para impedir que entre no escuro catálogo da extinción. Sabemos que cada día que aparece unha toniña varada morta nunha praia estamos máis lonxe de conseguilo, sabemos que vai custar moito poñer en marcha medidas de conservación, mais, ou asuminos como sociedade galega este reto, ou a toniña desaparecerá das nosas augas nun par de décadas. Non o consintas", advirte a CEMMA.

Toniñas na costa galega
Toniñas na costa galega | Fonte: CEMMA.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta