A Xunta fixará un máximo de visitantes en Ons e estuda baixalo nas Cíes

O novo Plan reitor de usos e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia establecerá novas cotas de visitantes.

Por E.P. | VIGO | 29/11/2017 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

A Xunta anunciou este mércores que no novo Plan reitor de usos e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia se establecerá unha cota de visitantes para a illa de Ons e, ademais, estuda incluír unha baixada no número de persoas que diariamente poden desembarcar no arquipélago das Cíes.

Illas Cíes
Illas Cíes | Fonte: Europa Press

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, comunicou que a administración autonómica propón que a cota máxima en Ons se fixe en 1.800 persoas por día; mentres que eludiu aclarar a canto se reduciría nas Cíes e só dixo que a proposta é que se baixe "un pouco" respecto dos 3.000 visitantes diarios que se admiten na actualidade.

Segundo lembrou, na actualidade o total de persoas que poden ir a Cíes divídese en 2.000 a través de transporte colectivo, 200 en grupos organizados e 800 no cámping; e a intención sería rebaixar o número de usuarios no conxunto, incluíndo o cámping, para o que se reunirán "en breves días" co seu titular, que, dixo, manifestou o seu interese en "axustar" a capacidade.

Díaz manifestou que, ademais de regular o número de visitantes, vanse "reforzar" os sistemas de control para garantir que se cumpren as cotas, despois de que este verán fosen sancionadas catro navieiras pola sobrevenda de pasaxes ás Illas Cíes. Sobre este tema, indicou que a Xunta está "a punto" de emitir a súa resolución sobre os recursos presentados.

En canto aos sistemas de autorizacións, engadiu que a Xunta traballa en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para evitar "situacións de posible manipulación do sistema", e avanzou que se implantará un novo "similar ao modelo" de autorizacións para visitar a Praia das Catedrais, en Lugo.

PRESERVAR OS VALORES NATURAIS

Estas cuestións trasladounas no marco da reunión que mantivo no Centro de Visitantes das Illas Atlánticas, no edificio Cambón, en Vigo, con representantes de asociacións ecoloxistas, que lle trasladaron as súas preocupacións pola compatibilidade da preservación do parque e as actividades de pesca e marisqueo.

Acerca diso, a directora xeral mantivo que a nova regulación supón "un punto de encontro moi importante", xa que coa nova zonificación bidimensional se garante que hai "zonas de reserva" nos fondos mariños e zonas "compatibles coa actividade pesqueira e marisqueira sustentable".

Un obxectivo para o que ademais se vai elaborar un código de boas prácticas, vaise introducir unha marca de calidade para dar valor engadido aos produtos, e vaise facer "progresivamente" un sistema de identificación dos barcos.

"A pesca e o marisqueo tradicional sustentable están perfectamente garantidos sen afectar para nada os valores do propio Parque Nacional", insistiu, antes de agregar que este "ten suficientes recursos para poder ser explotado de forma sustentable, razoada e ordenada, sen alterar para nada os seus valores naturais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta