A emigración xera “déficit de fertilidade en Galicia”

Galicia perdeu case 4.500 persoas en idade de traballar e de ter fillos entre 2010 e 2016. O doutor en Socioloxía da Universidade da Coruña Antonio Izquierdo advirte de que o país perde "dobremente" poboación e que o problema é a falta de "potencia" económica

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2017 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

Galicia perdeu case 4.500 persoas entre os 25 e os 34 anos entre 2010 e 2016, é dicir, as idades centrais para a incorporación ao mercado laboral e na media de anos (31,5) en que, polo menos, as mulleres españolas teñen o seu primeiro fillo, segundo os últimos datos dispoñibles do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Xuntanza de galegos emigrados en Manchester.
Xuntanza de galegos emigrados en Manchester. | Fonte: Daniela Juncal Riley.

Concretamente, entre os anos 2010 e 2016, Galicia perdeu 1.050 habitantes de entre 25 e 29 anos, mentres que o saldo migratorio foi negativo en 3.408 persoas con idades comprendidas entre os 30 e os 34 anos nese mesmo período.

Con todo, a demografía galega obtivo un aumento no número de habitantes en 4.301 persoas no período 2010-2016, segundo datos solicitados por Europa Press por mor dunha resposta parlamentaria do Goberno a En Marea no Congreso. O saldo positivo vén dado porque aumentou a poboación dos galegos en idade escolar e de inicio de estudos universitarios, os menores de 20 anos.

"O fluxo migratorio en Galicia é moi leve", manifestou o doutor en Socioloxía da Universidade da Coruña Antonio Izquierdo —que en días pasados participou nunhas xornadas da Confederación de Empresarios de Galicia—. Así, chamou a atención sobre que teñen "moi pouca repercusión" na demografía galega.

Dito isto, advertiu de que Galicia perde "dobremente" poboación derivado de que a xente que emigra está, efectivamente, na idade de ter, polo menos, os primeiros fillos. "Xérase un déficit de fertilidade en Galicia", constatou este experto.

Neste sentido, o deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello, como autor da iniciativa, observou que "emigración e caída da demografía danse a man" e chamou a atención acerca de que "o éxodo constante da mocidade a outros territorios leva a marcha de sectores sociais en idade fértil".

"Se a economía ofrecese oportunidades, habería un saldo migratorio relevante", manifestou Antonio Izquierdo, quen dixo que o problema económico de Galicia e o conxunto do Estado, incluído o pago das pensións, non se debe á falta de poboación, que "tamén afecta" a outros estados como Alemaña, senón a unha cuestión de "potencia" da súa economía.

Para o autor da iniciativa, o deputado lucense de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello, estes datos demostran que "os mozos de Galicia non poden traballar nin vivir no seu país: teñen que coller a maleta como se fixo desde o século XIX". "Aínda que a Xunta e o Goberno central traten de disfrazar o aumento da emigración galega baixo conceptos como a mobilidade interautonómica", agregou.

SUSTENTABILIDADE DO SISTEMA

O sociólogo da institución académica coruñesa puxo o acento, no entanto, en que a cuestión demográfica "non é o problema" para a sustentabilidade do sistema social, senón que o é o feito de que a poboación activa actual "non traballe". "É un problema de ter unha economía avanzada e produtiva", aseverou, e remarcou que "para pagar as pensións hai que ter traballo digno e que se poida cotizar".

De feito, desmentiu que a situación da demografía "teña volta atrás", xa que, dixo, a poboación ao longo da súa historia adáptase ao "hábitat" no que vive. Respecto diso, indicou que se "pode retardar" a caída demográfica como nos países nórdicos, promovendo que as mulleres teñan "os fillos que queren e non os que poden" —por motivos laborais e de conciliación—.

Respecto diso documentou que, de media, se teñen 1,2 fillos aínda que se desexarían dous descendentes. Outro dado achegado: un terzo das parellas non ten fillos na actualidade.

Tamén se podería diminuír a caída demográfica, segundo o experto, coa captación da emigración chegada doutros países, pero insistiu en que "a situación non ten marcha atrás", porque "ningún país" está preparado para recibir o fluxo migratorio que permitiría cambiar a tendencia.

Precisamente, neste sentido tamén se pronunciou Fernán Vello, quen indicou que "con traballos dignos e con políticas de conciliación e de incentivación da natalidade, poderán ter fillos". "Non é unha utopía, fíxose en moitos países de centroeuropa ou nórdicos", asegurou o parlamentario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 As tornas demográficas

A falta de oportunidades, a precariedade laboral, a carestía da vivenda, a economía especulativa, o inferno fiscal que vive Galicia, o deserto financieiro, a cultura machista... Estes son os factores que impiden que a xente poida traballar, vivir e/ou ter fillos en Galicia. A fórmula está clara, como expresa Fernan Vello, traballos dignos e estables mudarían as tornas demográficas.