Temas: LUME INCENDIOS

O único arrestado pola vaga de lumes: “Que me diga Feijóo que é iso de que «hai algo máis» no meu caso”

Miguel Martínez, única persoa que entrou no cárcere trala onda de incendios de outubro por queimar apenas unha hectárea da súa leira por unha imprudencia, fala con Adega do acontecido e da súa experiencia en prisión. Mantén que é "inocente", confésase "indignado" pola situación vivida e asegura que foi levado ao cárcere "con nocturnidade e aleivosía".

Por Galicia Confidencial | Vigo | 04/12/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado mércores, Miguel Martínez, o primeiro detido e único encarcerado pola vaga de incendios de outubro e membro fundador do Movemento Ecoloxista da Limia, saíu do cárcere de Pereiro de Aguiar. tras cinco semanas en prisión provisional sen fianza. Agora saen á luz unha declaracións súas nas que mantén que é "inocente", nas que confesa a súa "indignación" por como se produciu a súa detención e tamén nas que inquire ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que explique que é ese "hai algo máis" que expresou cando foi preguntado por Galicia Confidencial polas razóns desta detención, que acabou con Miguel metido cinco semanas en prisión até que, por fin, se lle concedeu a liberdade provisional baixo fianza.

Miguel Martínez, primeiro detido trala vaga de incendios a mediados de outubro de 2017 en Galicia
Miguel Martínez, primeiro detido trala vaga de incendios a mediados de outubro de 2017 en Galicia | Fonte: Telemiño.

A súa familia, amizades e máis de 20 colectivos ecoloxistas denunciaron publicamente en Galicia Confidencial o "trato desproporcionado" que estaba a recibir Miguel por parte da Guardia Civil e da Fiscalía, "tratado como terrorista ambiental", cando a causa do lume, de apenas unha hectárea e na súa propia leira, nos Blancos (Ourense), se debeu a unha imprudencia cando tentaba asar chourizo.

Tanto os ecoloxistas como a familia e amigos de Miguel mantiveron sempre que foi utilizado como "chibo expiatorio", como "cabeza de turco" trala catástrofe ambiental do pasado mes de outubro, na que foron arrasadas preto de 50.000 hectáreas polos lumes. Os ecoloxistas aseguran, ademais, que o caso de Miguel serviu ao Goberno galego como "arma arroxadiza" contra estes pola súas críticas á política medioambiental da Xunta.

Un día despois da súa saída, Miguel —funcionario de Xustiza nos xulgados de Vigo— concedeu unha entrevista aos seus compañeiros ecoloxistas de Radio Cerna de Adega (Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza). Por consello do seu avogado. decidiu non facer declaracións á prensa nin tampouco falar nesta entrevista coa radio de Adega das cuestións que poidan afectar o proceso penal aberto. 

Amais, como puido saber Galicia Confidencial, Miguel padece unha depresión e está baixo tratamento médico. A súa contorna asegura que a detención, a estancia en prisión e o xuízo ao que terá que enfrontarse están "afectando gravemente" a súa saúde. Enfróntase a unha pena máxima de cinco anos de prisión.

Nestas declaracións, feitas públicas agora pero gravadas só un día despois de saír de prisión baixo fianza de 2.500 euros, e baseadas en todas as informacións que foi publicando Galicia Confidencial sobre este caso, Miguel mostrouse "bastante indignado" polo vivido nas súas propias carnes.

Desde o cárcere puido ver na televisión as noticias relacionadas co seu caso e como o mundo do ecoloxismo e parte da sociedade galega se mobilizaba para mostrarlle o seu apoio. "Vin como na manifestación en Santiago dicían «Miguel non é un pirómano», «Miguel liberdade», e iso encheume de orgullo", recorda.

COMPROMISO CO ECOLOXISMO

Na conversa tamén salienta o seu compromiso co ecoloxismo, recoñecido por distintos grupos do país: "Como ben sabe todo o mundo, eu teño estado en moitos lumes voluntariamente apagándoos. Aválame a miña historia".

Orgulloso dese compromiso coa protección da natureza, destaca a súa longa traxectoria no Movemento Ecoloxista da Limia desde os 18 anos; agora ten 58.

Aínda que por recomendación do seu avogado prefire non afondar moito nos feitos polos que foi arrestado e será xulgado, mantén a súa inocencia, aínda que non elude a súa imprudencia: "Eu non neguei en ningún momento que fixera un pequeno borrallo para prender un pequeno lume, pero pequeniño, para tentar quentar ese chourizo que levaba... Levo algún tempo desligado do movemento ecoloxista por razóns familiares e para nada era consciente do problema que estaba habendo", en referencia ás condicións climáticas que se deron o pasado 15 de outubro —o domingo negro da onda de incendios— cando unhas atípicas altas temperaturas, a fala de chuvia e os ventos do furacán Ophelia crearon a tormenta perfecta para a onda de lumes.

Así, o único arrestado relacionado con aqueles incendios prosegue: "Para min o outono sempre foi unha época de chuvia... e non imaxinei que puidese pasar todo isto".

Miguel Martínez tamén considera "moi válidos" os argumentos que utilizaron tantos os grupos ecoloxistas como a súa contorna para cualificalo como "chibo expiatorio" da catástrofe.

"O que si é certo é que aqueles días ardía Galicia por todas partes, polo que despois fun vendo... Porque aquí, na cidade, non se vive igual que no campo [...] A parte, eu son unha persoa á que lle gusta moito a lectura e debido a esa situación que teño persoal, non me gusta ver as noticias. E entón eu, pois sabía que había sequía, si, pero non era consciente do perigo que podía constituír ese fenómeno no mes de outubro. A parte, insisto, na zona na que eu estaba era carballeira desta que de haber lume non é tan bestial e alucinante como nas prantas pirófitas... Sinceramente, non pensei niso nin se me ocorreu...", argúe.

A DETENCIÓN

Miguel sempre defendeu que ofreceu a súa colaboración á Guardia Civil. De feito, tanto el como a súa contorna aseguraron sempre que acudiu ao cuartel tralo lume para dar os seus datos e ofrecerse a calquera cousa que necesitasen, logo do cal levou en coche a súa filla desde Vigo a Santiago de Compostela, onde estuda a moza. Ao día seguinte, Miguel volveuse persoar ante a Guardia Civil. Pero segundo este e a súa contorna, non recibiu o mellor dos tratos polos axentes no momento da súa detención. Así o relata:

"O guardia civil díxome: «Eu non teño por que retelo e se quere marche vostede para Santiago e despois a Vigo. E así foi, marchei a Vigo. Eu comprei un teléfono ao día seguinte, o luns [o que tiña quedara na leira queimada] e o martes chámanme pola mañá e me din: «presentése usted aquí mañana en la casa cuartel». Quedei estrañado e fun á casa cuartel a ver se era unha broma... porque ás veces me fan bromas dese tipo, non é a primeira vez. Fun alí e dixéronme: «moito non sabemos; home... si, pode ser que teña que vir vostede aquí mañá». Pois terei que vir aquí mañá, pero non sei por que... E foi logo, cando fun paseando, que me veu un tipo de paisano e me di: «mire, vostede é Miguel Martínez?». E díxenlle: «Dígame vostede o seu nome porque non sei quen é». Entón foi buscar algo e me trae unhas esposas e me di: «queda vostede detido». Colléronme cinco policías, me detiveron alí, puxéronme cara abaixo... Tiven dous ataques polo problema do corazón e estiven no hospital até as once da noite, sempre esposado e cos policías. E logo pola noite estiven no calabozo".

Esa experiencia marcouno: "De verdade, o calabozo é un zuliño; aquilo é deprimente... Hasta para mexar tes que andar chamando. Foi unha situación..., a peor experiencia da miña vida. Para min a liberdade é importantísima, fundamental. Estamos nun Estado de Dereito e é o primeiro que se protexe na famosa Constitución española que temos. O primeiro que se protexe é a liberdade. Non se pode dispor da liberdade dunha persoa así como así".

Segundo Miguel, só foi despois de entrar no calabozo cando foi informado do porqué fora arrestado.

"O que máis me doeu foi que me detivesen así. A liberdade é sagrada e cando sofres privación desta sentes rabia, porque coñeces os teus dereitos e chos pisan. Dentro dixéronme que sabían onde traballaba, en Instrución 3, o xulgado penal, e que coñecían a miña xuíz. Sabían onde traballaba e onde vivía e leváronme de noite, con nocturnidade e aleivosía a Ourense. Estou indignado", láiase Miguel.

AS DECLARACIÓNS DE FEIJÓO

Para concluír, sobre as declaracións sobre o seu caso que fixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a preguntas de Galicia Confidencial, nas que aseguraba que había "algo máis" neste caso que xustificaba o arresto —pero que nunca aclarou o xefe do Executivo galego—, Miguel responde: "Que me diga que é iso de que «hai algo máis», porque eu quero sabelo"

Con todo, resérvase a súa opinión sobre esas declaracións de Feijóo porque, di, "neste momento calquera cousa que eu poida dicir pódeme prexudicar".

Finalmente, Miguel remata cunha mensaxe de agradecemento: "Cando saín do cárcere pensei que todo o mundo me ía tomar por unha persoa mala, pero foi ao revés. Todo o mundo me apoiu: veciños, compañeiros, mesmo a xunta de persoal de Pontevedra, os grupos ecoloxistas... Ninguén me torceu a cara. Moitas grazas a toda esa xente que estivo comigo todo ese tempo".

Temas: LUME INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 O PARVO ASAMANTIGAS

UNHA PERSOAXE desta catadura moral debería seguir en prisión, o caldeiro co elemento PP-iromaniaco, e que traballe, que traballe , non se pode vivir na cadea como si fose un balneario, non meu mozo, ti tes que traballar e traballar duramente, rozando o monte, non nos sexas sinvergonza e non nos veñas mais co conto de asar o chourizo no medio do monte, porque ti non nos vas facer pasar por tontos, non es un atoleado ou fuches acaso a queimar o eido da muller... miren si a finca estaba arder repetidamente, asi e mais fácil verdade, meter o lume polo monte e limpar a finca sin sudar eh, contanos como se che queimou o mobil e as chaves do coche... contanos amiguiño!!!! o incendiario e delito grave non debería estar por ahí libre... a xustiza non funciona, non non esta funcionando!!!

1 Gamela

Seguramente quen é amigo de narcotraficantes deber coñecer ben a trama incendiaria que permite o paso da fariña cara Europa! En 2006 logo de 14 días de lume apareceu un submarino abandonado nas Cíes... a cousa máis natural do mundo...! Seica agora asar chourizos é considerado crime de lesa humanidade...!