O presidente da Xunta: “O problema non é asar uns chourizos. Trátase de algo máis”

O presidente da Xunta suxire que a xuíza e o fiscal buscan máis datos sobre a única persoa que está en prisión pola vaga de lumes de outubre. Critica a determinados políticos por xulgar a un incendiario en función de se é “amigo ou non”.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 02/11/2017 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

Que pasa arredor da única persoa que está en prisión pola vaga de lume de outubro?. Este mércores fixéronse dúas semanas da súa entrada en prisión incondicional pero, ata o momento, fiscalía e xulgado seguen investigando e recollendo datos sobre o lume que o meteu na cadea. E, sobre esta cuestión, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu a entender que “hai algo máis” e que Miguel A. M. N. non está en prisión por “asar uns chourizos”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

Ata o momento, tanto a familia, como os amigos do acusado teñen declarado que esta persoa, que é un activista medioambiental, está en prisión por un lume que “lle escapou” mentres que asaba uns chourizos e que calcinou menos dunha hectárea en terreo da súa propiedade. "Está sendo tratado coma un terrorista", denuncian. “Se o problema fora só de asar uns chourizos”, reflexionou Feijóo este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. “Dame a impresión de que esa información é incompleta”, dixo. “Trátase de algo máis”, insistiu sen querer dar máis datos ao respecto. 

Tamén a Fiscalía de Galicia apuntaba este martes que a prisión provisional de incendiarios "é en ocasións máis propicia" para "solicitar testemuños a propósito de que o imputado non está en liberdade", e que "ocorrido o feito, a sensibilidade cidadá é máis acentuada". 

Por que un si e dous non?

Ademais de Miguel A.M.N. outras dúas persoas son investigadas pola súa presunta relación coa onda de incendios. Esas outras dúas persoas serían responsables de menos de catro hectáreas  das máis de 35.000 que arderon. Un por un lume que calcinou no concello de Brión dúas hectáreas e outra, unha muller de 73 anos, detida como presunta autora de dous lumes no lugar de Rubial, na parroquia de Petelos (concello de Mos), que calcinaron menos de dúas hectáreas. 

Investigan as tramas incendiarias
Investigan as tramas incendiarias

Por iso, os amigos de Miguel critican que dos tres detidos, só ún estea en prisión e pregúntanse polas razóns que argumenta a Fiscalía para manter a uns na cadea e a outros non, se todos están acusados do mesmo delito. 

Sobre a muller detida e posta en liberdade, Feijóo recoñeceu que “tiña problemas de convivencia na casa” --ten que atender a un home e a un fillo impedidos--, “e por iso o xuíz deixouna en liberdade con cargos á espera do xuízo”.  “Eu non son xuíz e non lle podo contestar a iso”, dixo ao ser preguntado por GC se comparte o criterio de que dos tres investigados, só un estea en prisión.

Crítica aos “incendiarios amigos”

Con todo, o presidente da Xunta tamén foi moi crítico “cos que están a favor dun incendiario e non doutros”. “Hai que chamar a atención sobre determinados posicionamentos políticos”, dixo en relación aos apoios que o detido tivo do movemento ecoloxisto e de formacións políticas de esquerdas. “Resulta que sé é amigo pois non pode estar na cadea”, incidiu.

“Nós non temos amigos. Ou son ou non son incediarios”, dixo ao tempo que insistiu en que ese tipo de delitos –aínda que se trate de queimas accidentais-- “non pode quedar en reprimendas”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 galegoexiliado

Non, os chourizos seguen na rua vivindo a corpo de rei, e medrando na escala política e social. Xa so falta que nomeen á corruPPción esPPañola BIC e patrimonio da Humanidade

3 Don Pimpón

Feijóo xuiz? Fiscal? Porqué non pide investigar máis a outros?

2 urco

Confirma Frijol que nom há em Espanha e naçons baixo o seu domínio , separação do poder judiciário e o executivo. Senom de que ia insinuar informaçom da que nom pode dispor. E o de que nom tem amigos pra marcar a política florestal e a sua consecuência nos incendios é de traca. Os vencelhos do PP con ENCE que som?

1 Carlos G.

É um crime ser ecologista... a Berta Cáceres a assasinam e a este home á cadea. Com certeza não são os chouriços. Alguma coisa houve para que o PP lhe tenha esta raiva.