Temas: LUMES INCENDIOS

Os tres únicos investigados pola onda de incendios suman menos de 5 hectáreas das 35.500 queimadas

En dúas semanas, as forzas policiais identificaron e investigan a tres presuntos responsables dos lumes en Galicia en pleno mes de outubro; xuntos só suman o 0,01 por cento de todo o terreo calcinado no país na última vaga. O axente forestal Rafael Cudeiro pide a creación de grupos mixtos para extinción e investigación.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 31/10/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En Galicia arderon máis de 35.500 hectáreas na última vaga de incendios, en pleno mes de outubro. E os únicos investigados por esta onda de lumes só suman menos de cinco hectáreas calcinadas, e por imprudencias. Estes son os resultados das investigacións levadas a cabo nas últimas dúas semanas polas autoridades: tres detidos por queimar imprudentemente o 0,01 por cento de todo o terreo ardido en Galicia nunha das peores traxedias incendiarias do país.

Lume sobre Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume sobre Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Un estudo recente elaborado por expertos da Guardia Civil, publicado a finais de setembro pasado, alertaba xa da falta de efectivdiade das operacións policiais contra os incendiarios. Así, por exemplo, no ano 2015 producíronse 11.928 incendios forestais en todo o Estado e, segundo a Fiscalía General del Estado, identificáronse só 429 posibles autores, "sendo a taxa de esclarecemento excesivamente baixa", subliñan os autores do estudo.

En termos absolutos, é menor do 4%, aínda que a cifra aumentaría se se descontasen os producidos por forzas da natureza, as reproducións doutros incendios e aqueles lumes nos que a intencionalidade só se puido supoñer. En calquera caso, proseguen os investigadores, "o incendio forestal é un dos fenómenos delituosos con menor taxa de esclarecemento".

Ademais, oito de cada dez incendios forestais en todo o Estado que se clasifican como intencionados nas estatísticas acaban baixo ese epígrafe sen ter a certeza de que o sexan, segundo se desprende do último informe elaborado polo Ministerio de Medio Ambiente, correspondente ao decenio 2001-2010.

Polo tanto, os propios informes oficiais cuestionan a efectividade das investigacións policiais nos casos dos incendios forestais.

A filla de Miguel Ángel Martínez Novo —primeiro detido e úniica persoa en prisión pola última vaga de incendios—, explicaba hai varios días a este xornal, en exclusiva, que "non houbo recollida de probas" para a investigación policial na súa propia leira, onde se produciu o lume que afectou menos dunha hectárea e polo que foi detido o seu pai.

Outras dúas persoas son investigadas pola súa presunta relación coa onda de incendios que arrasou máis de 35.500 hectáreas en Galicia este mes de outubro. Esas outras dúas persoas serían responsables de menos de catro hectáreas ardidas, unha dun lume que calcinou no concello de Brión dúas hectáreas e outra, unha muller de 73 anos detida como presunta autora de dous lumes no lugar de Rubial, na parroquia de Petelos (concello de Mos), que calcinaron menos de dúas hectáreas

Polo tanto, cabe preguntarse: e este o resultado desexado dunha investigación contra os incendiaros?

NECESIDADE DE CREAR GRUPOS MIXTOS

O axente forestal Rafael Cudeiro, que leva anos investigando a orixe dos incendios forestais na provincia de Ourense, recoñece que "investigar un lume é moi complicado, xa que cando chegas a zona está totalmente arrasada e é complicado atopar indicios ou probas" da súa causa. "É un traballo moi laborioso, moi complicado e complexo", asume.

Porén, considera que "o traballo sería máis efectivo se houbese grupos mixtos de investigación", nos que participasen distintos corpos e expertos na materia. Algo que non se dá na actualidade. "Conseguiríanse mellores resultados mediante unha coordinación entre distintos grupos, tanto en materia de extinción como de investigación; se non se fai, non imos cara a ningún sitio", advirte este veterano axente forestal con máis de vinte anos de experiencia. Ademais, subliña: "A investigación é fundamental; hai que coñecer as causas dos incendios para poder facer prevención; se non, estamos improvisando".

Nesa liña, lembra que, froito das investigacións dos axentes forestais de Ourense con ampla experiencia, sábese que "hai cadros de indicadores que apuntan ao pastoreo de alta montaña como responsable de moitos incendios" nesta provincia, "e se non se actúa sobre iso e se lles segue primando con subvencións, non imos atallar parte do problema", di. 

Temas: LUMES INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Fandinho Luaces

Vergoñento. Se os deixan sair impunes será por non perder unha presa de votos ou porque se tiran do fío igual chegan ós colegas encorbataos da infame pasteira na que acaban os seus día algúns expepeiros. Qué fai a oposición?