Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/12/2017 | Actualizada ás 15:30
A Consellería de Sanidade, mediante resolución do 31 de outubro de 2017, denegou á Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS o dereito de acceso aos anexos aos convenios específicos, que non foron obxecto de publicación no portal da transparencia, asinados para os hospitais de Compostela, A Coruña e Lugo coa división española da multinacional Estadounidense Medtronic S.A. Contra isto, a Asociación presentou reclamación ante a Comisión de Transparencia do Valedor do Pobo.
A denegación fundamentouse, ao entender da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS "sen xustificación suficiente", en que ditos anexos conteñen datos que poden afectar o segredo comercial e/ou profesional da empresa, antepoñendo este dereito ao dereito xeral de acceso á información pública que a Lei de transparencia recoñece con carácter xeral a todos os cidadáns respecto de toda aquela información que estea en posesión dos organismos públicos, ben porque a elaborou ou porque a obtivo no exercicio das súas funcións.
Esta denegación realízase, como os propios convenios recoñecen, malia tratarse de información de carácter esencial para a súa execución, e que afecta o funcionamento de servizos sanitarios específicos, sobre os cales hai un dereito xeral de información recoñecido a todos os pacientes e usuarios recollido na Lei Xeral de Sanidade, apunta a asociación.
"Non resulta tolerable que se formalicen convenios cun alcance de semellante magnitude, polos cales se poñen a disposición dunha multinacional especializada no deseño e fabricación de dispositivos cardiovasculares, de terapias de invasión mínima e recuperación, os medios materias, técnicos e humanos dos hospitais de tres áreas sanitarias para, como se recoñece na parte pública dos convenios, «(…) desenvolver o seu coñecemento e capacidade para ampliar a súa oferta de servizos e solucións aos sector sanitario (…) suficientemente robustos e testados nun entorno real de uso que poidan ser ofertados nun próximo futuro»", expón a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.
Os denunciantes tamén consideran que "non é admisible que a denegación do dereito ao acceso á información se produza para protexer esta estratexia empresarial e se nos prive, aos titulares e usuarios dos medios públicos sanitarios, da información de como se vai facer un uso privativo dos mesmos".
Por todo isto, din que é o seu dereito saber "se o convenio garante que a empresa non vai ter acceso e tratamento dos nosos datos persoais e de carácter sanitario".
"Queremos ter información sobre que tipo de medidas organizativas se van implantar nos servizos afectados nos convenios e que grao de participación vai a ter a empresa no seguimento e control dos procesos asistenciais; que medios técnicos e humanos dispoñibles nos hospitais públicos se van poñer ao seu alcance para posibilitar a súa estratexia empresarial; que beneficios vai comportar para os pacientes a realización do convenio e que resultados se van deducir dos catro anos da súa vixencia", esixen os afectados.
Nas súas reivindicacións tamén piden coñecer "que tipo de produto se vai obter dos traballos que a empresa realice nos servizos obxecto do convenio; o réxime de propiedade e uso que se vai dar a RM e TAC que a empresa vai entregar ao servizo de cardioloxía do CHUS, e se estes dispositivos van estar a disposición dos servizos centrais de radiodiagnóstico para atender o conxunto da demanda hospitalaria, sen que se produza unha redución do uso que actualmente se lle están dando aos equipos dispoñibles no servizo; queremos coñecer, en fín, se existen entregas similares de equipos nos hospitais da Coruña e Lugo".
Os solicitantes da información consideran que a Consellería de Sanidade non só está outorgando a Medtronic S.A. unha "posición de vantaxe, saltando o principio de libre concorrencia", ao permitir que os hospitais públicos se incorporen como parte estrutural da súa estratexia empresarial, senón que ademais "o fai con secretismo, ocultación e vulnerando o dereito de acceso á información".
Co fin de obter esa información, o 29 de setembro pasado solicitaron ser recibidos polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, do que non recibiron resposta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.