Os traballadores públicos galegos, máis envellecidos fronte a uns portugueses "máis eficaces"

Investigadores das universidades de Vigo e Minho avaliaron os efectos da crise no emprego público de España e Portugal nun artigo que publican nun libro coordinado polo líder socialista Gonzalo Caballero. Salientan que mentres en Portugal aproveitaron para dimensionar e profesionalizar o seu servizo público, en España quedou estancado e envellecido.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 14/12/2017 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

A administración do Estado español contaba en 2008, no inicio da crise, con 561.000 traballadores e traballadoras públicos, mentres que na portuguesa o número de funcionarios era de 532.000, “a pesares de que a poboación é catro veces maior”. Cinco anos despois, Portugal reduciu o seu persoal a 419.000 traballadores e traballadoras mentres que en España o número de empregados públicos descendeu en preto de 80.000 persoas, mais esta redución non afectou ao goberno central.

Concentración de funcionarios en San Caetano
Concentración de funcionarios en San Caetano

De feito,  e a pesar da crise, o número de traballadores públicos no conxunto da administración española aumentou a preto de 570.000, é dicir, 9.000 persoas máis. Pola contra, foi nas administracións autonómicas e locais onde a crise se notou máis. Así, pasan neste período de contar con 1.923.000 traballadores e traballadoras a dispor dun cadro de persoal de 1.857.000, porque o Estado deixou nas autonomías a responsabilidade dos recortes e acudíu ao endebedamento para salvar a modernización do sector público que impuña Bruxelas.

E como hai esta disparidade en dúas administracións, a portuguesa e a española, en principio, semellantes?. A iso tentan dar resposta os investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo Óscar Briones e Enrique Varela e o investigador da Universidade do Minho Joaquim Filipe de Araújo, que, nun capítulo do libro State, Institutions and Democracy, da editorial Springer, efectúan unha comparación dos seus efectos no persoal público das administracións centrais de España e Portugal. 

“Aínda que España e Portugal contan cun modelo administrativo de tradición napoleónica, que ten o poder situado nun centro, en España iso cambiou co traspaso de competencias e o estado das autonomías”, sinala Varela, que incide nese senso na diferencia que esta situación supón respecto do país veciño, que, coa excepción dos gobernos autónomos de Azores e Madeira, só conta con niveis de administración estatal e local. 

DIFERENTES MEDIDAS

“Isto ten que ver coa orientación estratéxica do estado, pero sobre todo, coas directrices de Bruxelas”, apunta este investigador, que lembra que “Portugal estivo directamente intervida, coa troika traballando en Lisboa na implantación do plan de austeridade”, mentres que en España foi “a administración central a que obrigou a redución persoal ás comunidades autónomas”, a través de medidas como a taxa de reposición ou “recortando a súa capacidade de financiamento e endebedamento”.

Os investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo Óscar Briones e Enrique Varela
Os investigadores da Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo Óscar Briones e Enrique Varela | Fonte: Duvi

Unhas medidas que derivaron, engade, nun envellecemento no cadro de persoal público que motiva, á súa vez, accións como o recente anuncio por parte da Xunta de Galicia dunha oferta de emprego público con preto de 14.000 prazas. Nese senso, Varela engade que “aínda que se diga que España é o país máis descentralizado do mundo, iso é unha mentira clara, porque se o fose as comunidades terían que ter capacidade para xestionar os seus ingresos e gastos”, mais, no primeiro ámbito, sinala, os gobernos autonómicos “seguen dependendo nunha parte importante da administración central do Estado”.

RECORTES

“Isto aconteceu porque os recortes situáronse nos servizos e nas políticas públicas con máis impacto, que están no ámbito das comunidades autónomas, que é onde impacta a crise en maior medida”, sinala Varela, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no Duvi, o xornal da Universidade de Vigo. Segundo recollen no artigo Civil Service and the Crisis: A Comparative Analysis of Iberian Countries, que se insire nun libro coordinado polo investigador do Washington University Norman Schofield e o investigador da Universidade de Vigo e novo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

As crises, lembra Varela, “removen os cimentos, as bases sobre as que se asentan os grandes modelos de estado”, o que abrangue tamén á “política de persoal dunha grande administración”. De aí que subliñe que estes períodos poden ser utilizados polas administracións “non só para eliminar persoal, senón tamén para aproveitar esa ventá de oportunidade e introducir melloras no modelo”, algo que, ao seu xuízo, si se deu no caso da administración central lusa, pero non na española. 

PORTUGAL, MELLOR SITUADA

“Portugal aproveita a oportunidade e introduce un modelo non radicalmente novo, pero que si mellora profesionalmente a carreira e a profesionalización dos seus empregados públicos”, defende o investigador, quen entende que, “a medio prazo”, estes cambios sitúan á administración “nun nivel superior en canto a produtividade, eficiencia e eficacia”. No caso de España, “o Estado cargou a responsabilidade sobre as comunidades autónomas”, sinala, e non promoveu “cambios estratéxicos que Portugal si fixo sobre un mesmo número de empregados na súa administración central”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Fuilco

Sobra xente nas administracións publicas galegas e españolas. Calquera o pode comprobar indo á Xunta, deputacións, subdelegacións ou concellos. Ler o xornal, facer recados persoais ou incumprir descaradamente o horario é práctica habitual.

1 Finezza del Recambio

E mentres tanto en Grecia, onde goberna os aliados dos nosos en madea habemos de poder, podemos marearnos, xa fun a Marín e xa me mareei: https://www.efe.com/efe/espana/econ... Agora, hesquerdistas galegos cando volos traian de convidados estrela ide aos mítines a aplaudir ben... O da Troika xa o sabemos, agora explicádenos o que están a facer estes. Claro que de paso podedes explicarnos isto tamén que nos acae máis cerca: https://www.lavozdegalicia.es/notic... Que viva o recambio, quero dicir o cambio.