Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2025 | Actualizada ás 14:24
Unións Agrarias (UU.AA.) esixe "prezos xustos" a mes e medio de que os produtores de leite pechen os novos contratos entre explotacións e industrias.
Segundo denunciaron en rolda de prensa Félix Porto e Óscar Pose, a negociación "non existe" e o que teñen os donos das granxas encima da mesa nestes momentos son "contratos de adhesión".
"A industria toma a decisión", criticaron, e ademais faino, segundo Unións Agrarias, co establecemento duns prezos que non alcanzan a media europea, ao que aspira este sindicato, por "xustiza".
Por iso, piden á Xunta "intermediación", e inciden en que os produtores "ou asinan ou non lles recollen o leite". En calquera caso, na conxuntura actual, ven "imposible aceptar" as ofertas, no medio do "bo momento" que atravesa o sector e fronte ao "peche masivo" que, por contra, protagoniza.
Segundo os seus números, no que vai de ano son 92 granxas lácteas menos --con datos oficiais ata abril-- e nos últimos 12 meses o peche cífrano en 369 explotacións, "algo máis dunha ao día". "Algo temos que facer ante este goteo constante", remarcaron.
Ademais, denunciaron o "aumento" na "desigualdade interna" entre produtores "grandes e pequenos", cun diferencial de ao redor de seis ou nove céntimos.
CLÁUSULA ABUSIVA
Xunto a isto, Unións Agrarias trasladou este venres a Fenil (asociación das industrias lácteas) unha solicitude por carta para eliminar o punto crioscópico das primas de calidade.
Se isto ou a comunicación á interprofesional do sector non fornecen efecto, prevén "combater esa cláusula xudicialmente", xa que a ven "de xeito evidente abusiva" e censuran que "só serve para penalizar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.