Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2025 | Actualizada ás 10:07
O comité de empresa de Navantia Ferrol emitiu un comunicado dirixido aos comités da empresa naval pública en Cádiz, San Fernando, Puerto Real e Cartaxena (Murcia), no que condena a "actuación máis que desproporcionada" da Policía contra os traballadores do sector do metal nesas zonas que, ao seu xuízo, estaban a exercer "de maneira lexítima un dereito".
O comunicado subliña que "unha vez máis, as forzas represivas sitúanse contra a clase traballadora e en defensa dos intereses do capital". Nun xesto de apoio, Navantia Ferrol quixo mostrar a súa "solidariedade" cos comités e todos os traballadores do sector do metal nas provincias de Cádiz e Murcia, pedindo que esta mensaxe sexa transmitido aos devanditos colectivos.
Ademais, o comité ferrolán anunciou que esixirá responsabilidades e medidas sancionadoras ás Delegacións do Goberno en Cádiz e Murcia. O comunicado tamén apunta directamente a Navantia, a quen se lle esixirá que "se respecte e garanta o dereito á folga dos traballadores en demanda das súas xustas reivindicacións".
Finalmente, o comité de empresa de Navantia Ferrol lanza unha "advertencia ao Goberno central", instándolle a absterse "no futuro de volver exercer, a través das súas respectivas delegacións territoriais, accións represivas e violentas sobre traballadoras e traballadores no seu exercicio lexítimo á folga legal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.