GC Aberto

Unilateralidade enmascarada

A Constitución do 78 asimilada ao aparente auxe da transición, deixou de ser intocable tras a unilateralidade política que rodeou a reforma do seu artigo 135, que en recondución, esixe un proceso constituínte que coloque os dereitos das persoas derriba da cobiza dos mercados

Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 19/12/2017

Comparte esta noticia

Rajoy e Pedro Sánchez nun encontro na Moncloa
Rajoy e Pedro Sánchez nun encontro na Moncloa | Fonte: elconfidencial.com

A oposición do PP para cambiar a obsoleta Constitución do 78, aínda sabendo que por ser procreada no marco das cortes franquistas está contaxiada no seu contido pola lexislación xestada no seo do antigo réxime; testemuña que para eles, a pesar das arrevesadas connotacións con tempos pretéritos, mantén plena validez, e como acérrimos defensores da mesma farán o materialmente indicible por manter invariable a súa literalidade, salvo que a postulación de mutabilidade veña acuñada polos mercados financeiros cos que se conducen con aberta  flexibilidade.

 

Conduta que entra en colisión con outros enfoques diverxentes que aconsellan xusto o contrario e que demandan a súa adecuación á realidade dos novos tempos, partindo dun feito contundente, tal é que ao redor dun 65% das persoas que actualmente teñen dereito votar en España non lograron facelo cando en 1978 tivo lugar o referendo constitucional, é dicir, que ninguén dos que actualmente teñan cumprido 57 anos puideron exercer o dereito de sufraxio naquel plebiscito, polo mero feito de non alcanzar a idade regulamentaria para facelo.

 

Considerando que neste momento son 13 os millóns de persoas que superan dita idade dun total de 36,5 millóns que conforman o actual censo electoral, iso vén indicar que a tempo presente o respaldo efectivo de votantes que referendaron o referendo ha de situarse na cifra efectiva de 7,9 millóns, contía que en adecuación á realidade vén correr o veo para revelar que a Constitución do 78 tan só conta neste momento co referendo do 20% da poboación con dereito a voto, pois os nados despois do ano 60 non puideron facelo, o que indica que 28,6 millóns de cidadáns aínda estando suxeitos á súa disciplina, hase de constatar que non tiveron nin voz nin voto sobre mesma.

 

Feito que tira por terra a lexitimación esgrimida de forma iterativa desde os foros oficiais ao omitir  intencionadamente a influencia  do cambio xeracional coa intención de dar por certa a mentira e así seguir mantendo que o seu implícito está sustentado por unha maioría da poboación; cando a realidade dos feitos confirma que na actualidade hai menos persoas vivas que votaron a Carta Magna que aquelas que non conseguiron decidir sobre a mesma, e por tanto, argumentos sobrados para insuflar vida á “Constitución dos mortos”, a través dun novo proceso constituínte que contrariamente ao que agora ocorre, sitúe os dereitos das persoas por encima dos beneficios duns poucos.

 

 Un repaso crítico ao seu acatamento así o transluce, considerando que o cumprimento formalista do seu contexto enmárcase en  aspectos relacionados exclusivamente co ámbito institucional, como as Comunidades Autónomas, as Corporacións Locais, as Cortes Xerais, o Poder Xudicial, o Goberno e a Coroa.

 

 Non tendo de  pasar inadvertido que no relativo á esfera social, máis dunha vintena de artígos consagrados como dereitos inalienables da cidadanía, foron repetidamente incumpridos cando non vulnerados directamente, como así ocorre cos conectados co dereito á intimidade, a liberdade ideolóxica e relixiosa, o deber e dereito ao traballo, a seguridade social, a redistribución da renda, protección social , sanidade, cultura e moitos aspectos máis, cuxa inobservancia pon de manifesto que o seu quebrantamento continuado lonxe de garantir o cumprimento dos dereitos sociais, induce un demérito na dignidade das persoas que desacredita o seu contido.

 

A referida  deriva débese fundamentalmente  a que o edificio constitucional do 78 foi construído sen cimentación democrática, circunstancia que induciu unha insuficiencia de solidez estrutural que facilitou a súa debilitación diante a a bomba de reloxería que representou a reforma constitucional do artigo 135, que á marxe da opinión da cidadanía foi imposta parlamentariamente vía urxencia en modalidade de unilateralidade compartida  e consumada a unísono polo PP e o PSOE.

 

Facilitando a entrada en escena de políticas xa ensaiadas con anterioridade noutras latitudes, cuxa finalidade non foi outra que a constitucionalización da política económica neoliberal de constatables consecuencias anti-sociais e anti-democráticas, un modelo tan sumamente pechado que ademais de restrinxir severamente as marxes de actuación dos parlamentos pechou o paso a toda alternativa de políticas de signo oposto

 

Unha servil contra reforma constitucional , marcadamente adversa cando non suicida, da que a pesar de todo o Presidente Rajoy segue exercendo de pregoeiro, aínda cando desde a aprobación da súa posta en práctica non forneceu efecto algún  nos intentos de reactivar e reorientar o sistema produtivo, nin tampouco como xerador significativo de emprego, e que para maior complexidade ocasionou un impacto mais demoledor no noso país pola súa condición xeopolítica como periferia da eurozona.

 

Unha contradición mais dos autoproclamados constitucionalistas, pois ao antepoñer a unilateralidade relegando a utilización do plebiscito, puxeron  de manifesto o seu curto percorrido democrático invalidando por inconsecuentes as reprobacións que eles mesmos dirixen a cotío cara ao unilateralismo nacionalista.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mérida

Buenos días, en primer lugar me gustaría disculparme por no publicar este mensaje en Gallego, pero es que lo tengo bastante oxidado y prefiero hacerlo en Español. La información sobre el posicionamiento web que comenta es realmente buena, el inbound marketing en mérida es bueno de igual manera para el levantamiento de las empresas. Me despido con un saludo y agradecer de su artículo que me ayudo a entender más sobre el posicionamiento web y el inbound marketing.