Perdido no labirinto do financiamento territorial?

Xa case é un lugar común.Alberto Núñez Feijoo desexa ampliar a súa proxección pública alén dos limites estritos do posto institucional que ocupa.Por iso elixe aqueles asuntos e momentos que considera mais apropiados para alimentar o imaxinario dun potencial líder da política española.

Por Xesús Veiga | Compostela | 18/12/2017

Comparte esta noticia
Cando, recentemente, o presidente galego compareceu alporizado ante os medios pola aprobación do cupo para o Pais Vasco e o eventual establecemento dun modelo de financiamento singular para Catalunya non cabe pensar que descoñecera as características que posue o sistema de concerto e a traxectoria histórica rexistrada nos mecanismos do financiamento público territorial no Estado español.Xa se sabe que a ignorancia é moi atrevida mais neste caso resulta impensábel considerar tal circunstancia a menos que supoñamos que o staff de asesores do presidente da Xunta acada o máximo nivel de incompetencia.
 
Non.Feijoo sabe ben o que hai pero ten que facer o papel de ofendido e aparentar unha ameaza de suposto enfrontamento con Montoro -mais que con Rajoy- para cumprir esa imaxe publicitaria de “militante de Galicia” que patentou na campaña electoral do ano pasado.
 
A discución sobre a aplicación concreta do sistema de concerto entre as autoridades vascas e as estatais nunca se reduciu a un terreo estritamente técnico.Se fose así non existirían dificultades especiais para fixar a contía da aportación anual da Facenda vasca aos recursos públicos que administra o goberno do Estado.A dimensión política sempre estivo presente nesas negociacións, con dous factores condicionantes:a conxuntura pola que atravesaba a vida pública de Euskadi e a capacidade de pacto do PNV -a forza nacionalista cunha maior continuidade histórica na gobernanza daquel territorio- co partido hexemónico no Congreso dos Deputados.E todo iso cun pano de fondo indiscutíbel:a existencia dun notábel consenso entre as formacións políticas do Parlamento de Vitoria -tradución dun reiterado e amplo acordo social- a respecto do mantemento deste específico modelo de financiamento.
 
En Montepío tamén coñecen o papel destacado que xogaron as institucións de Catalunya na determinación do sistema que rexiu para as restantes comunidades durante os últimos trinta anos.Como ten trascendido en diversas ocasións, CiU non quixo apostar, no comezo da década dos 80 do pasado século, polo mecanismo do concerto porque os seus dirixentes non desexaban asumir os riscos asociados ao mesmo:unha eventual insuficiencia de recursos por mor dunha evolución negativa das variábeis económicas e o custo social derivado do exercicio da capacidade normativa sobre as distintas figuras fiscais.Esta demostración de “realpolitik” por parte de Jordi Pujol tivo repercusións prácticas cando o PSOE e o PP necesitaron o apoio parlamentar desa formación nacionalista.Os sucesivos sistemas de financiamento seguiron o mesmo procedemento:a negociación principal estaba protagonizada polos executivos do Estado e da Generalitat, certificando posteriormente os seus resultados no foro multilateral do Consello de Política Fiscal e Financeira.A lóxica política dominaba o escenario:as demandas e as razóns exhibidas polos gobernos da Xunta ficaban subordinadas ao que se acordaba nesa real -e nunca admitida oficialmente- negociación bilateral.Fraga e, agora Feijoo, tiñan dúas saídas:protestar aparatosamente cando os socialistas ocupaban a Moncloa -lembrese que, na metade dos anos 90, a Xunta presentou un recurso de inconstitucionalidade contra o modelo pactado entre González e Pujol- ou buscar algunhas contrapartidas que lle permitiran salvar a cara cando Aznar ou Rajoy dispuñan da chave da Facenda estatal.
 
Se o presidente da Xunta quere pasar da sobreactuación teatral a unha posición dotada da suficiente credibilidade debería optar por unha folla de ruta substancialmente diferente:utilizar a maioría absoluta do pazo do Hórreo para esixir ao goberno de Rajoy un modelo de financiamento adaptado ás necesidades específicas da sociedade galega.Abandonar a obsesión con Euskadi e Catalunya e confrontarse cos que toman as decisións na Administración do Estado.Mesmo, se quere, pode estudar a experiencia da UPN (“Unión do Pobo Navarro”):gobernou durante moitos anos a Comunidade Foral, defendeu sen ningunha dúbida o concerto daquel territorio e pactou habitualmente co PP estatal.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.