Por Galicia Confidencial | Viveiro | 19/12/2017 | Actualizada ás 14:50
Os centros médicos da Mariña, en Lugo, están baixo mínimos. Non hai médicos, enfermeiros ou farmaceúticos. "La doctora... la farmaceutica... el enfermero no están. Preguntar en cita previa". Son carteis que aparecen en distintas portas dos centros sanitarios, o que ten levado a CIG Saúde a denunciar o abandono da sanidade pública por parte da Xunta.
De feito, esta situación súmase ao malestar de toda a Mariña, unha comarca que está en pé de guerra contra a Xunta polo abandono sanitario. Así, en centros de saúde como o de Foz, o día 7 de decembro só había 3 médicos dos 6 habituais, ao que habería que sumar a ausencia da pediatra. Ademais, neste Centro de Saúde leva pechada unha consulta médica dende o mes de setembro por ausencia do titular.
Tamén o Centro de Saúde de Viveiro había o pasado luns 11 de decembro catro consultas pechadas das sete que hai en quenda de mañá e outra máis pechada na quenda de tarde máis. Isto súmase á ausencia dun pediatra dos dous existentes. Do mesmo xeito atopábanse pechadas dúas consultas de enfermaría, a da traballadora social e a da farmacéutica, implicando esta última o desprazamento dos pacientes de Viveiro ao Centro de Saúde de Burela.
CRÍTICAS DESDE OUROL
“Hoxe mesmo nos chegaron queixas dende o Centro de Saúde de Ourol pola falta de servizo médico, derivando aos doentes deste Concello cara o xa saturado Centro de Saúde de Viveiro”, afirman.
“A amortización de prazas nos Centros de Saúde, a falla de cobertura das ausencias dos profesionais, a contratación en precario por días e incluso por horas provoca unha sobrecarga de traballo que repercute nunha grave perda da calidade asistencial e un aumento do desemprego na comarca”, lembran dende a central sindical.
ABANDONO
Segundo as recomendacións que recollían o Plan Mellora de Atención Primaria, o cupo máximo que debera asumir cada profesional sería de 1.200 cartillas. Pero, desde este sindicato din que, dado o abandono que se está producindo, os profesionais vense obrigados a asumir máis ala das 3.000 cartillas.
"Este é o modelo que o goberno de Feijóo e demais gobernantes do PP promoven e impulsan a través dos seus xestores da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. É o modelo da destrución de emprego, o modelo do deterioro progresivo da Atención Primaria, asfixiando os seus profesionais co interese de trasladar á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostible, e deste xeito, entregar a mans privadas o tan ansiado negocio da sanidade pública", denuncian desde este sindicato.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.