Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/12/2017 | Actualizada ás 08:35
Mercedes, 80 anos, é outra das vítimas da crise económica e do furor hipotecario. Avalou cun crédito con garantía hipotecaria coa súa vivenda e outros bens á súa filla que tiña unha pequena empresa. Pero estoupou a burbulla económica e esa empresa atopouse cunha morea de recibos devoltos.
“Era o tempo de cando o líquido non chegaba pero as pequenas empresas negábanse a despedir ou deixar de pagar ós seus traballadores e preferiron endebedarse cos bancos”, apuntan desde Stop Desafiuzamentos Santiago. Pero, finalmente, a filla de Mercedes tivo que pechar o seu negocio e endebedouse co banco.
Con todo, chegou a un acordo coa directora da sucursal do Banco Echeverría, o de toda a súa vida. Como tiña dous créditos, acordaron que nun primeiro momento se pagara o crédito persoal, cunha aportación mensual que permitira comer á familia, e máis adiante pagarían o crédito coa garantía hipotecaria. “Era un aceptable acordo; Mercedes e a súa familia poderían comer e o banco máis tarde ou máis cedo cobraría”, indica.
E así foi durante sete anos ata que o novo banco decidiu romper ese acordo aducindo que non existía ningún acordo. E, de feito, non o había porque fora un acordo verbal. Agora, Mercedes pode quedar na rúa se non hai un novo pacto coa entidade bancaria, que é o que busca. Por iso, e para evitar que quede na rúa, Stop Desafiuzamentos convoca a unha concentración diante da oficina de Abanca na Praza de Galicia de Santiago.
“Aínda que xa esteamos no olvido porque deixamos de ser noticia, ainda que os datos do poder xudicial indiquen que as execucións e desafiuzamentos baixaron pouco, seguimos aí e non vamos consentir que se deixe a Mercedes e familia na rúa”, indican nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.