O Celta desempata ao seu favor os derbis co Dépor en Primeira

Os de Vigo suman 26 vitorias, fronte a 25 dos da Coruña, en 69 partidos na máxima categoría. O gol de Wass no minuto 3 marcou un partido moi intenso no céspede e nas bancadas que sentenzou Iago Aspas cun gol no 39 do primeiro tempo e un maxistral lanzamento de falta no 8 do segundo. 1-3 ao final para os de Vigo.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 23/12/2017 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

O Celta desempatou ao seu favor o historial de partidos entre vigueses e coruñeses coa vitoria deste sábado en Riazor. Celestes e herculinos chegaban a este 69 derbi en Primeira División empatados, cun balance igualado de 25 triunfos do Deportivo, 25 do Celta e 18 empates. Con esta vitoria, os de Vigo sitúanse como o mellor equipo do derbi galego por excelencia.

Iago Aspas celebra o seu gol en Riazor
Iago Aspas celebra o seu gol en Riazor | Fonte: La Liga.

Nun partido moi disputado, cun gran ambiente en Riazor, onde os 32.000 afeccionados de ambos os dous equipos cantaron a capella o Himno Galego antes de comezar o encontro, Deportivo e Celta intercambiaron golpes continuos nas dúas áreas, con boas oportunidades para ambos os dous equipos.

Foi un derbi intenso, con moito ritmo e con momentos de bo fútbol e, sobre todo, de moita emoción e paixón, tanto no céspede como na bancada.

Un gol de testa Daniel Wass no minuto 3, a centro de Pione Sisto, abría o marcador en Riazor a prol dos celestes. 

Tralo gol de Wass, os deportivistas se refixeron e foron os que tentaron manter o control do partido, cunha alta presión no campo contrario e perigosas aproximacións á porta celeste. Con todo, os de Vigo mostraron bo manexo do balón en varias saídas, sobre todo ao contragolpe, con ataques rápidos e perigosos, principalmente pola banda esquerda, dominada por un rapidísimo Pione Sisto —o mellor do Celta na primeira parte—, pero en moi contadas ocasións.

Non houbo especulación por ningún dos dous equipos, sabedores da importancia deste partido, polos tres puntos que supoñían un alento para calquera dos rivais na táboa clasificatoria —separados até este sábado por só tres puntos—, pero sobre todo pola importancia de derimir cal é o mellor equipo de fútbol de Galicia, cando menos nos enfrontamentos directos.

O Celta renunciou ao estilo de xogo de presión alta no campo contrario e dominio do balón que o caracterizou nos últimos anos, mentres que o Deportivo insitiu na área dos vigueses a golpe de intensidade e coraxe, dominando o control da pelota. Pero os coruñeses tiveron máis intención que acerto, mentres os de Vigo buscaban os erros dos coruñeses para aproveitalos.

No minuto 39, nunha das esporádicas pero perigosas incursións na área coruñesa, Iago Aspas marcaba o segundo gol para o Celta a pase de Maxi Gómez, tras un erro da defensa coruñesa. Un xerro de auga fría para os deportivistas, que viñan insistinto na área dos vigueses tralo gol de Wass. Un gol que desestabilzou ao Dépor. 0-2 no marcado ao final do primeiro acto.

A segunda parte comezou cun Celta cunha presión moi alta no campo do rival, moi motivado polo resultado, tentando frear unha posible arremetida dun Dépor ferido, que foi deixando cada vez máis espazos libres aos celestes.

Os vigueses atopáronse máis cómodos sobre o céspede neses primeiros minutos da segunda parte, despregando un xogo máis combinativo que na primeira. Nunha falta ao bordo da área no minuto oito da segunda parte, Iago Aspas practicamente pechaba o derbi co seu segundo gol e o terceiro do Celta, nun lanzamento maxistral. O dianteiro do Morrazo mostrou nesta segunda parte os seus galóns.

A partir de entón, o partido só tivo unha cor, a celeste. Un Deportivo totalmente perdido e desquiciado no campo era incapaz de frear a un Celta que controlou en todo momento o tempo do partido.

Gustábanse os de Vigo nesta segunda parte, facendo un fútbol combinativo e rápido, no que Iago Aspas, máis preciso, asumiu o liderado. Pero Florin Andone, no minuto 12, sorprendeu aos celestes cun gol que daba algo de esperanza aos coruñes.

Con todo, os celestes conseguiron conter a euforia herculina. Foron minutos de moita disputa de novo, cun Dépor impotente, con máis fe que xogo, e ás veces precipitado, e un Celta que xestionaba a súa vantaxe no marcador nun segundo tempo sen tantas ocasións claras de gol. 

Con esta vitoria en Riazor, o Celta confirma a súa supremacía no fútbol galego nos últimos anos e tamén no historial de enfrontamentos entre celestes e deportivistas en Primeira División.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta