Rapazas entre 13 e 15 anos de familias desestruturadas, principais vítimas do ciberacoso entre adolescentes

Denigración e violación da intimidade son as principais formas de agresión mediante o uso de tecnoloxías da comunicación. O ciberacoso por teléfono móbil e maior que en Internet entre os estudantes de ESO. Un 15,3 por cento dos adolescentes galegos practicou algunha vez ciberacoso.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/12/2017 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Os adolescentes con maior probabilidade de sufrir ciberacoso (popularmente coñecido polo anglicismo cyberbullying) a través do teléfono móbil e Internet son rapazas entre 13 e 15 anos de idade, con algunha materia suspensa nos seus estudos e que viven en familias desestruturadas. Polo contrario, os que teñen menos probabilidade de sufrilo son varóns de 12 anos de familias estruturadas. Esta é a principal conclusión dun estudo realizado por investigadores da Universidade de Vigo con estudantes de ESO de dez centros escolares de Galicia, con idades entre os 12 e os 15 anos.

Ciberacoso
Ciberacoso | Fonte: Pixabay.

O estudo tamén revela que hai unha lixeira prevalencia nos actos de acoso dos adolescentes a través do teléfono móbil (18.6%) sobre Internet (12%). Ademais, entre as formas de comportamento que implican agresións, tanto a través de móbil como de Internet, destacan a denigración e a violación da intimidade, por enriba do fustrigamento, a exclusión social ou a suplantación de identidade.

Así se constata no estudo 'Cyberbullying escolar: incidencia del teléfono móvil e internet en adolescentes', asinado por José Domínguez Alonso, Elia Vázquez Varela e Sandra Núñez Lois en Relive, Revista Electrónica de Investigación y Evaluación Educativa.

O dato máis positivo deste traballo é que o 84.7% dos adolescentes di que nunca practicou ciberacoso. Con todo, un 11.6% si o fixo algunha vez e o 3.7%, habitualmente. Polo tanto, un 15.3% dos adolescentes practicou algunha vez o acoso a través de móbil ou Internet.

10% DOS CASOS EN GALICIA

Un de cada dez casos de acoso escolar a través de Internet e as redes sociais, rexistrados en España no teléfono de axuda destinado a vítimas de acoso e as súas familias por acoso da Fundación Anar, é galego.

Así o sinalan tamén os datos das fundacións Mutua Madrileña e Axuda a Nenos e Adolescentes en Risco (ANAR), como resultado dun estudo específico de casos reais sobre as chamadas que rexistrou, atendeu e xestionou o seu teléfono de axuda, un total de 1.207 en toda España. No conxunto do Estado, un de cada catro casos de acoso escolar se rexistrou a través das redes, o que supón un 87,7% máis que en 2015.

O informe tamén revela que no conxunto do Estado español se reduciu a idade media do acosado, de 11,6 a 10,9 anos e, de feito, advirte de que o número de vítimas de 7 anos ou menos se disparou desde o 8,7% do anterior estudo ao 14,25% do actual.

PROTOCOLO

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ten publicado desde o 2015 un protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar. Tanto o documento como os anexos que o acompañan, pretenden axudar a posibles vítimas recollendo estratexias de prevención e de actuación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Guilo

Consecuencia inevitable de la educación progre