Denuncian “colapso e maltrato asistencial” nas urxencias do CHUS en Santiago

Ás 17:00 horas deste martes os pacientes graves en cadeiras de rodas e padiolas colocados no corredor de acceso eran 14. Ás 18:00 aumentaron a 16 e outros 18 estaban pendentes de ingreso.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 27/12/2017 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Os servizos de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) están colapsadas, a pesar de que non hai epidemia de gripe que é o que soe alegar a Xunta cando hai situación de colapsos nas urxencias dos hospitais. Así o denunica a Asociación de Pacientes que denuncia a existencia de pacientes graves colocados no corredor de acceso en cadeiras de rodas e padiolas, “sen que por parte dos responsables da área sanitaria se adopte medida algunha para poñer fin ao maltrato asistencial”.

Pacientes agardando a ser atendidos, nos corredores de Urxencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Pacientes agardando a ser atendidos, nos corredores de Urxencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

“Mentres os responsables do SERGAS lImítanse a pedir publicamente perdón pola situación que están xerando, os pacientes seguimos sendo vítimas da súa indolencia e inactividade”, indica esta entidade nun comunicado.  Unha situación que, ademais, non é extraordinaria porque xa se ten repetido, din, en varias ocasións.  “¿Que ten que acontecer para que poñan fin a esta situación?.¿Non son suficientes as vítimas mortais producidas nos corredores nos últimos 5 anos?. ¿Canto maltrato asistencial temos aínda que soportar para que os responsables se decidan a actuar?”, pregúntanse.

Así, critican que haxa xente nos corredores do hospital e a planta de neumoloxía está ocupada por oftalmoloxía como consecuencia das obras que desde fai meses estanse a desenvolver cando hai camas pechadas no hospital anexo Gil Casares  “Non somos os pacientes os que provocamos o colapso, son as políticas de racionamento dos recursos sanitarios dispoñibles, e especialmente o mantemento de camas pechadas e sen dotación de persoal”, insisten. Unha situación que ademais se produce, advirten, sen que exista epidemia de gripe australiana que este ano deixou centos de mortos.

16 PERSOAS NOS CORREDORES O MARTES

De feito, acaban de remitir un parte aos medios de comunicación cos casos de colapso asistencial ao longo deste mes agudizandose, sobre todo, este pasado martes. É o seguinte:

Pacientes encamados e en cadeiras de roda nos corredores de Urxencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Pacientes encamados e en cadeiras de roda nos corredores de Urxencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

DÍA 12/12/2017, ás 10:56 horas:

Ao longo do día e ata as 19:00 horas houbo pacientes graves no corredor de acceso. As 8:00 horas había un total 20 pacientes pendentes de ingreso sen cama asignada, e tan só 15 ingresados en planta de medicina interna no Gil Casares, cando hai cabida para 40. 

DÍA 19/12/2017: ás 15:20 horas:

A esa hora seis pacientes graves estaban ocupando os corredores de acceso en cadeiras de rodas e padiolas. O espazo de traballo estaba sendo ocupado con 15 pacientes pendentes de ingreso, a pesares de estar 8 espazos valeiros na sala de observación.

DÍA 26/12/2017:

Ás 13:14 horas: Un total 13 pacientes graves estaban no corredor de acceso agardando ser atendidos nos postos de traballo. Ocupando o espazo de traballo había 20 pacientes con ingreso asinado, e con 10 espazos baleiros na zona de observación.

Ás 17:00 horas: Os pacientes graves en cadeiras de rodas e padiolas colocados no corredor de acceso eran 14. Ás 18:00 horas: O número de pacientes no corredor de acceso era 16 e 18 estaban pendentes de ingreso.

O CHUS súmase a outros hospitais que estes días tamén denunciaron situación de colapso en Urxencias como os da Coruña, Vigo ou Ourense. Unha situación que negaba o presidente da Xunta e facía un chamamento a facer un uso "responsable" da Sanidade pública. Pola súa banda, o sindicato Satse denunciaba que esta situación prodúcese por falla de medios do Sergas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta