A Xunta quere poñer xa en funcionamento un parque eólico que investiga a UE

Feijó asegura que se hai prohibición europea “pois os dous aeroxeradores que se colocarán serán fácilmente desmontables”. Entidades ecoloxistas falan da existencia dunha “trama eólica” a favor das grandes empresas eléctricas como Gas Natural-Fenosa.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/12/2017 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

Hai dous proxectos eólicos dos 18 que aprobou o Consello da Xunta a pasada semana que están sendo investigados pola UE por graves afecións ao patrimonio e ao medio natural. E, curiosamente, un deles, o de Pena Forcada-Catasol II, en Laxe, é un dos dous primeiros que o Goberno galego quere xa poñer en funcionamento canto antes.

Parque eólico en Cabo Vilán
Parque eólico en Cabo Vilán

Este proxecto, xunto co de Mouriños, en Cabana de Bergantiños e Zas, están en investigación por parte da Comisión europea, ademais, polas infraccións relacionadas coa fragmentación múltiple dun só proxecto industrial. As peticións foron admitidas a trámite e están abertas a adhesións. Os dous son de Gas Natural Fenosa e os dous recibiron numoras críticas e numerosas alegacións.

E, agora, a Xunta, aproveitando a nova Lei de implantación industrial quere aprobar a súa tramitación canto antes sen agardar a coñecer o que opina a UE sobre a afeción a un espazo Rede Natura e a unha Zona de Especial Protección de Aves . “Se tiveramos que aparcar o proxecto, o aparcariamos pero, polo momento, non hai ningún trámite suspensivo”, limitouse a responder o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre esta aceleración de trámites ao ser preguntado por Galicia Confidencial. “É que é un dos que máis avanzados está e coa nova lei é posible poñelos a funcionar canto antes”, engadiu.

"FÁCIL DESMONTALOS"

E que pasa se a UE considera que hai ilegalidades neste proxecto eólico? O presidente da Xunta ten fácil solución: “Só falamos de dous aeroxeradores e se houbera suspensión, pois sería fácil desmontalos”. É dicir, que se as autoridades europeas consideran que hai unha desfeita, o Goberno de Feijóo só se vai limitar a retirar os muíños, aínda que a desfeita estea provocada.

Representación virtual do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II, en Laxe
Representación virtual do proxecto eólico Pena Forcada-Catasol II, en Laxe | Fonte: Adega.

Neste sentido, o líder popular quixo salientar que “só son dous aeroxeradores” e que xerarán dous megawatios cada un; en total catro. “E antes un muíño só podía xerar 0,25 megawatios co que o impacto sobre o medio é moito menor”, xustificouse Feijóo. En todo caso, avalou a aceleración deste proxecto porque, dixo, “fiámonos polo que din os técnicos da dirección xeral de industria”.

TRAMA ELÉCTRICA

A Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, unha das entidades que denunciou este prxoecto, denuncia que o Goberno galego xa aprobou no seu día, e "nun tempo récord", a declaración de impacto ambiental do proxecto eólico de Laxe, "a pesar da forte oposición social". Os ecoloxistas manexan a hipótese de que "a Xunta de Galicia trataría de reforzar a posición de Gas Natural Fenosa ante un hipotético mercado único europeo das enerxías renovables", polo que consideran que "a aprobación destes proxectos obedece a intereses puramente especulativos e de posicionamento nos mercados globais". De feito, consideran que detrás de todo iso hai unha “trama eólica” que quere favorecer ás grandes empresas eléctricas.

O presidente galego anunciaba hai unha semana que a Xunta facilitará todos os proxectos eólicos en marcha, un total de 18 parques que producirán 400 mw e que estarán situados, principalmente, no norte de Lugo, pero tamén en Pontevedra e A Coruña. Proxectos, dixo, que se farán amparados na nova Lei de implantación industrial que foi cualificada como a “lei de depredación industrial” por parte da oposición xa que prioriza o criterio industrial, por riba do criterio ambiental, patrimonial ou social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Stopabusos

Que terá Fenosa que non teñamos os veciños da Costa da Morte? Responda Feijóo. Facemos a desfeita e despois que..?

4 QueroserGNF

Tramas, tramas... con gas natural fenosa e o PP polo medio sempre máis do mismo...Feijoo para quen gobernas ou??

3 Ningures

Terrible! Que pouco lles importa todo.

2 Int

Sí, despois pagamos todos do noso peto - Feijóo.

1 JADO

O problema ,Sr Feijoo, si hay que quitalos, e que a Xunta, ou sea todos os Galegos teremos que indemnizar a GNF polo dano producido e o lucro cesante, unha porrada de millons de euros