Vero Boquete: “En España non hai nin respecto, nin apoio ao fútbol feminino”

Vero Boquete é unha pioneira. Destacar no fútbol sendo muller nun país que aínda considera o “deporte rei” cousa de homes, non é doado. Ela sóuboo nada máis aspirou a ser profesional. Normas restrictivas, equipos e ligas con pouco apoio no seu país obrigárona a tomar o camiño do estranxeiro. Desde EE UU ata Francia, esta gran xogadora foi deixando a súa pegada en cada formación onde xogou, tanto no terreo de xogo como na súa visión sobre o trato da muller no deporte, tal e como conta nesta entrevista.

Por Moncho Mariño | Compostela | 29/12/2017 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Apostaron na túa casa para que foses unha xogadora profesional de fútbol?

Vero Boquete, coa camisola do seu novo club.
Vero Boquete, coa camisola do seu novo club. | Fonte: @VeroBoquete

Non sei se apostaron porque eu acabase como profesional. Cando era pequena e comezaba esa posibilidade era practicamente imposíbel. Pero o certo é que os meus pais foron quen máis me apoiaron desde sempre e se estou onde estou agora, é grazas ao apoio que me deron. 

Na miña xeración era imposíbel ver unha nena ou moza xogando ao fútbol no patio do colexio. Ti debiches ser das primeiras

Si, aínda que lembro que había algunha máis ao mellor un pouco maior ca min, porque sempre houbo algunha muller, algunha rapaza, que quería xogar. Despois, outra cousa é se seguiron ou non, pero si, sempre había algunha que eu recorde. Cando eu comecei si que fun a primeira que xogou aquí en Santiago. Cando entrei no primeiro equipo con cinco ou seis anos, había unha norma federativa que prohibía ás rapazas xogar cos rapaces. Aí foi a primeira vez que caín  na conta de que vería máis problemas fóra do campo que dentro. Eu crecín sen referentes femininos e tampouco sabía que podería ser profesional, que había ligas estranxeiras ou  competicións entre equipos nacionais. Cando me chegou todo iso eu xa tiña catorce ou quince anos e ao ver as posibilidades, xa se converteu no meu soño. 

Pasar de xogar no Aguiño ao Praínsa Zaragoza no 2005, foi a túa primeira viaxe fóra de Galicia para entrar nunha liga

Vero Boquete, no estadio do PSG francés.
Vero Boquete, no estadio do PSG francés. | Fonte: @veroboquete

Sobre todo recordo o difícil que foi a marcha. Sabía que debía marchar se quería seguir avanzando. Xa levaba como dous anos atrasando esa posibilidade ou buscando algunha outra cousa. Pero daquela sabía que era si ou si. Era a decisión correcta, pero o cambio de vida, deixar a familia, amigos e todo o que tiña aquí para irme, foi difícil, pero eu estaba convencida de que esa era a miña oportunidade.

Entre os anos 2008 e 2010 estás no R.C.D. Espanyol, fuches subcapioa nunha supercopa, dúas copas da raíña e con este currículo vaste para Estados Unidos. Irse a EE UU xogar fútbol non che parecía cando menos exótico?

Si que era exótico, pero eu sabía que alí o fútbol, o soccer como lle chaman eles, era onde realmente a muller podía ser profesional. Alí o fútbol feminino tiña outra consideración, era unha liga profesional con xogadoras recoñecidas, por iso era o país onde me tiña que dar a coñecer. Coa selección española non competiamos en grandes torneos porque non tiñamos o nivel para clasificarnos, así era moi difícil fichar por un equipo internacional. Todo isto motivoume para dar o salto aos EE UU, ir a Buffalo nas vacacións de verán e xogar na 2ª división e deixarme coñecer. Realmente foi tan ben que nas finais da segunda categoría, os olladores da liga profesional víronme xogar e automaticamente xa me ficharon para o resto da tempada como profesional en Chicago. 

Nos países nórdicos, tanto no deporte como na sociedade en xeral, é todo máis igualitario e con máis respecto

De Chicago pasaches á liga sueca. As diferenzas entre EE UU, Suecia e España debían ser profundas no tratamento do fútbol feminino

Si que o eran. Eu viña de España onde non había nin respecto, nin apoio ao fútbol feminino. Chego a EE UU onde o normal é se es nena, escollas xogar fútbol. Considérano un deporte feminino co que iso leva canda si. Logo en Suecia o fútbol feminino tiña unha boa aceptación. Nos países nórdicos, tanto no deporte como na sociedade en xeral, é todo máis igualitario e con máis respecto. Disfrutei moito das miñas tres tempadas alí. 

No ano 2014 volves a Estados Unidos, aos Portland Thorns, nese mesmo ano retornas a Europa para xogar no Frankfurt. Como se poden vivir tantos cambios nun espazo de tempo tan curto?

Non é fácil, pero naquel momento tiña moita motivación. Se as cousas ían mal ou se viña de perder unha final como cando deixei Suecia; perderamos a final da Champions; embarcarme noutro proxecto como era o Portland, era o que me motivaba para esquecer a derrota. Así ía encadeando unha cousa detrás de outra. Despois do Portland fun para o Frankfurt, porque a miña ilusión desde había anos era conseguir a Champions. Non sabía onde ir cando perdera a final co equipo sueco, pero sabía que quería erguer esa copa para o ano despois.  Alemaña foi o obxectivo que escollín para facer iso. Hoxe en día sería practicamente impensábel ir dunha tempada a outra como fixen daquela, polo esforzo que leva fisicamente e mentalmente. Durante dous anos non tiven nin vacacións nin pretempada. Nada máis acababa nun equipo chegaba a outro. Foron anos difíciles, pero ao mesmo tempo moi motivantes. Iso era o que me empurraba. 

En Nadal, do 27 ao 29, vas impartir uns cursos para xente nova. Serán sobre tácticas e técnicas na Escola Vero Boquete. Sénteste pioneira impartindo aulas de fútbol?

Xa levabamos moito tempo con isto na cabeza. Esta é a sétima edición desde o primeiro Campus. Logo foi a Escola Vero Boquete, que organiza este campus de Nadal e tamén o de verán e outras actividades. É unha idea artellada con xente que coñezo de sempre, a directora, os técnicos e o coordinador son amigos meus. É un proxecto conxunto para axudarmos ao fútbol, aos rapaces e rapazas a nivel técnico pero tamén educar en valores, que é o noso principal obxectivo. Sobre todo queremos educar en igualdade. As actividades son sempre mixtas. Se os nenos e nenas me teñen de referente é para tratárense de igual a igual. Se foi o primeiro campus de España que adestraba rapazas? Seguro. Agora cada clube ten o seu campus, pero disfrutas moito vendo o avance e facer que os nenos e nenas que veñen con nós pasen uns tres días estupendos. 

Ogallá o fútbol feminino non colla todo o malo do fútbol masculino, que conserve todos os valores propios deste deporte

Serán posíbeis os equipos mixtos ou son unha quimera?

Para min son unha quimera. O noso obxectivo non é competir de ti a ti, homes e mulleres, porque é case imposíbel. Fisicamente somos moi diferentes e por tanto para min o fútbol mixto sería inviábel. Primeiro queremos mellorar a situación do fútbol feminino, das xogadoras, das súas condicións mesmo dentro do fútbol e logo ter o recoñecemento e respecto da sociedade. Pero sobre o de ter o mesmo que os homes, sería o ideal, pero o que teñen eles hai moito tempo que sobrepasou os límites. Por tanto, ogallá o fútbol feminino non colla todo o malo do fútbol masculino, que conserve todos os valores propios deste deporte. Así, uns baixarían un chanzo e outras subiriámolo para poder igualarnos. 

Eses valores que queres aprenderlles aos mozos e mozas dentro do teu  campus, non tes medo que os perdan cando volvan ás súas casas?

O evidente é que despois de tres días aprendendo eses valores, depois o que ven e aprenden na vida diaria é diferente. Será moi difícil que os manteñan. Pero eu sempre dixen que a base de todo é a educación. Por tanto, confío que a educación na casa e na escola sexan diferentes e as demais actividades, como a nosa, axuden tamén a consolidar todo iso. O que se faga en calquera dos tres lugares, casa, campus ou escola, non é dabondo, pero todo suma.

E o deporte actual está a reflectir eses valores que ti quererías ver nos campos de xogo?

Non, pero desde logo estamos mellor que hai vinte anos. Imos polo bo camiño pero a todos e a todas nos gustaría que as cosuas fosen máis rápido. Deberían cambiar as mentalidades de varias xeracións. O deporte pode ser un marco facilitador dese cambio coa transmisións duns novos valores de maneira máis rápida. Pero todo precisa dun tempo. Espero que todo vaia indo na dirección correcta. 

Ves pouco interese desde os grandes equipos sobre as competicións femininas?

Non, penso que cada vez conseguimos máis apoio. Na primeira división feminina, na Liga Iberdrola, a maioría de equipos son de clubes masculinos. Ese é o futuro do fútbol feminino. Porque para un grande clube, ter unha sección feminina xa non supón nada no que toca a orzamentos, xa tes un organigrama, as instalacións ou a masa social dos socios. Todo isto, facelo dunha maneira independente é moi difícil. Creo que o fútbol feminino está cambiando cara a iso. Os grandes equipos europeos son clubes masculinos con equipos femininos. Tamén hai máis institucións que apoian o deporte feminino. Desde a Federación comenzan a traballar, a Liga tamén está facendo moito polo fútbol feminino e os grandes patrocinadores están chegando. Para min todo iso é unha cadea que pouco a pouco vai tirando e facendo que o fútbol feminino vaia a máis. 

Dixéronche algunha vez que semellas unha activista polos dereitos da muller dentro do deporte?

Pois escóitoo moitas veces, pero eu tómoo coma un cumprido. Sempre dixen que estou nunha posición con moitos privilexios. Podo chegar a moita xente e teño a responsabilidade de facer canto poida polo meu deporte e pola situación da muller na sociedade. Iso é o que fago, utilizar a pouca ou moita forza que poda ter para transmitir esas cousas e así tentar cambiar isto para mellor.

Se se normaliza o fútbol feminino, o segundo paso sería normalizar salarios?

Si, está claro que normalizar ou mellor, profesionalizar, está unido a iso, aos salarios. Poder vivir do fútbol faría que o nivel do fútbol feminino en España fose mellor. Se agora estamos competindo coas grandes potencias e moitas xogadoras españolas non poden ser profesionais, imaxina se as súas condicións fosen diferentes. Poderían adicar máis e mellores horas ao adestramento e coidarse. O salto de calidade sería fantástico. 

 

O meu compromiso coa selección feminina e co fútbol feminino foi máximo e se algúns deciden que non debo seguir aí, non pasa nada

Existe a idade límite no fútbol feminino?

Non sei se existe unha idade límite no fútbol masculino, pero ao final é o que te vai marcando. Hai xogadores que se retiran moi novos como Zidane e tampouco foi un xogador en activo moitos anos. Tamén co paso do tempo podes baixar de intensidade ou de nivel. Se estabas xogando nun dos mellores equipos do mundo, pois podes xogar nun máis tranquilo como fan outros moitos xogadores. Pero para min iso é algo persoal. Mentres manteñas fisicamente e mentalmente a motivación, a túa carreira pode durar moito tempo.

Cal é o teu grande obxectivo no campo? Está cumprido?

O meu grande obxectivo era conseguir a Champions. Gañala foi unha grande satisfacción e como un soño cumprido. Sempre dixen que para min o máximo sería xogar unhas olimpiadas pero iso agora vai ser imposíbel. 

Por que?

Logo do que pasou na Eurocopa, a non convocatoria, sei que con este seleccionador non vou estar na selección. Por iso estar nas olimpiadas é inviábel. Pero todo o que non poida facer como xogadora quixera facelo como adestradora. A miña carreira logo de xogadora seguirá ligada ao fútbol e tentarei seguir axudando desde a banda. 

Pero non sería nada persoal contigo o do seleccionador?

Non teño unha explicación. Despois de catorce anos na selección e sendo xogadora importante, estando nun dos mellores equipos do mundo, gañar unha champions e que non te convoquen é estraño, porque non deron explicacións, ningunha mensaxe nin aviso. Pero todo isto xa é algo pasado. Nos últimos anos na selección aconteceron moitas cousas. Tivemos o mundial en Canadá, despois fixemos pública unha nota de prensa contra o seleccionador que estaba antes e pasaron moitas cousas. Finalmente algúns pagan máis ca outros, pero eu estou tranquila co meu e cada un é responsábel dos seus actos. Eu co meu estou tranquila. O meu compromiso coa selección feminina e co fútbol feminino foi máximo e se algúns deciden que non debo seguir aí, non pasa nada, a miña vida continúa. 

Recibiches novas ofertas doutros equipos?

Como remato en xuño, ata xaneiro non se pode negociar con ningún clube. Agora mesmo estou centrada no PSG. Pero aínda non sei se vou seguir aí ou se volverei a España ou probarei noutra liga. 

Vero Boquete, co premio da afección dos Thorns.
Vero Boquete, co premio da afección dos Thorns. | Fonte: @VeroBoquete
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 sloe

equipaciones de futbol baratas - Non sei se existe unha idade límite no fútbol masculino, pero ao final é o que te vai marcando. Hai xogadores que se retiran moi novos como Zidane e tampouco foi un xogador en activo moitos anos.

2 MARYSX

Logo do que pasou na Eurocopa, a non convocatoria, sei que con este seleccionador non vou estar na selección. Por iso estar nas olimpiadas é inviábel. Pero todo o que non poida facer como xogadora quixera facelo como adestradora Chelsea. A miña carreira logo de xogadora seguirá ligada ao fútbol e tentarei seguir axudando desde a banda.

1 soiy

Como remato en xuño, ata xaneiro non se pode negociar con ningún clube. Agora mesmo estou centrada no PSG. Pero aínda non sei se vou seguir aí ou se volverei a España ou probarei noutra liga. camiseta psg