Galicia alcanza os 985.448 afiliados á Seguridade Social en decembro, un 2,25% máis que hai un ano

O número de afiliados á Seguridade Social en Galicia situouse en 985.448 no mes de decembro, segundo os datos publicados este mércores polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, que reflicten un incremento no número de afiliacións do 2,25 por cento, con respecto a decembro de 2016.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2018 | Actualizada ás 11:16 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O número de afiliados á Seguridade Social en Galicia situouse en 985.448 no mes de decembro, segundo os datos publicados este mércores polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, que reflicten un incremento no número de afiliacións do 2,25 por cento, con respecto a decembro de 2016.

Oficina Da Seguridade Social, Oficinas, Emprego, Desemprego, Desempregado
Oficina Da Seguridade Social, Oficinas, Emprego, Desemprego, Desempregado | Fonte: Europa Press

Así, aínda que o volume de cotizantes é lixeiramente inferior ao do mes de novembro, en termos interanuais, Galicia gañou 21.713 afiliados á Seguridade Social. Non entanto, este incremento está por baixo dos datos de ámbito nacional, xa que España pechou o ano cunha taxa de crecemento da afiliación do 3,42 por cento, até chegar aos 18.460.201 inscritos na Seguridade Social.

En Galicia, do total de afiliados, 750.852 están inscritos no réxime xeral (que inclúe os traballadores do réxime agrario e do fogar), mentres que 213.073 inscritos son autónomos e 21.523 están afiliados no réxime especial de traballadores do mar.

Por provincias, A Coruña encabeza o número de afiliados, con 422.402 inscritos, dos que 329.948 están no réxime xeral e 86.221 son autónomos. En segundo lugar, Pontevedra contabiliza 340.823 afiliados (260.458 en réxime xeral e 66.659 autónomos); Lugo ten 120.205 afiliados (83.489 en réxime xeral e 35.131 autónomos); e Ourense alcanza os 102.018 afiliados (76.956 en réxime xeral e 25.061 autónomos).

No último ano, a provincia onde máis creceron as afiliacións á Seguridade Social foi Pontevedra, que gañou 10.177 inscritos e ten un 3,08 por cento máis que en decembro de 2016. Séguelle A Coruña, cun aumento interanual do 2,09 por cento e 8.664 afiliados máis; Ourense, cun incremento do 1,38 por cento e 1.385 novas afiliacións; e, finalmente, Lugo, cun crecemento interanual do 1,25 por cento, e 1.487 inscritos máis que en decembro de 2016.

TOTAL ESPAÑA

En total en España a Seguridade Social pechou o ano 2017 cun aumento medio de 611.146 afiliados (+3,42%), a cifra máis alta desde 2005, ano que se vió afectado pola regularización extraordinaria dos traballadores estranxeiros, após rexistrar en decembro 42.444 cotizantes máis (+0,23%).

Desta forma, o total de afiliados situouse ao finalizar o exercicio en 18.460.201, o segundo mellor dato desde decembro de 2008 (a maior cifra rexistrouse en xullo de 2017, con 18.489.329 afiliados).

O mes de decembro está influenciado pola campaña de Nadal e o paréntese natural en actividades como a industria ou a construción, e neste ano, especialmente, pola meteoroloxía, segundo informou este mércores o Ministerio de Emprego, que destacou que a Seguridade Social finalizou 2017 co mellor dato interanual de creación de emprego da serie histórica.

A ganancia de cotizantes en 2017 é a máis elevada desde o ano 2005, cando o sistema sumou 975.962 novos afiliados, e é a cuarta subida anual consecutiva após a de 2014 (+417.574 cotizantes).

En termos desestacionalizados, a ocupación avanza en decembro en 9.607 ocupados, situándose como o cuarto mes consecutivo de aumento da afiliación sen o compoñente estacional.

O Sistema finalizou o ano incorporando 6,32 afiliados ocupados por cada novo pensionista. Ademais, os máis de 600.000 novos afiliados en 2017 supoñen que cada día do ano creáronse 1.674 empregos. Trátase do mellor dato de creación de emprego da serie histórica, en termos homoxéneos.

En concreto, o Réxime Xeral sumou 599.575 traballadores en 2017 (+4,11%), mentres que o Réxime Especial de Traballadores Autónomos avanzou en taxa anual o 0,33%, o que se traduce nun aumento de 10.468 persoas, e o Réxime do Mar aumentou un 2,32% (1.396), fronte ao do Carbón, que descendeu en 293 persoas (-10,80%).

Así mesmo, a ocupación creceu en todos os territorios autonómicos, incluídas as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Destacan a Comunidade de Madrid, con 119.364 afiliados máis (+4,02%); Cataluña, con 110.747 ocupados máis (+3,47%); Andalucía, con 100.201 (+3,44%) e a Comunidade Valenciana, con 67.643 (+3,83%).

O secretario de Estado da Seguridade Social, Tomás Burgos, resaltou que o balance da afiliación á Seguridade Social ao peche de 2014 (417.574 afiliados máis), 2015 (+533.186), 2016 (+540.655) e de 2017 (+611.146) mostran o comportamento "excepcionalmente positivo" da afiliación e reforzan a sustentabilidade do Sistema.

"Son datos, por tanto, que moven á confianza, porque son a garantía de futuro do Sistema da Seguridade Social", subliñou Burgos.

VARIACION MENSUAL

En termos mensuais, a afiliación aumentou en decembro en 42.444 persoas (+0,23%) en España. Así, o Réxime Xeral creceu no último mes do ano en 51.498 persoas (+0,34%), até alcanzar os 15.191.483 ocupados. A afiliación en decembro aumentou en Comercio, Reparación de Vehículos de Motor e Motocicletas, con 30.085 afiliados máis (+1,26%) e Actividades Sanitarias e Servizos Sociais, con 18.975 (1,31%). Pola contra, descendeu en Construción, con 16.256 afiliados menos (-2,06%) e Hostalaría, con -14.816 (-1,25%).

Pola súa banda, o Sistema Especial Agrario experimentou un aumento de 36.002 afiliados (+4,70%), contando na actualidade con 801.899 afiliados medios, á vez que o Sistema Especial dos Empregados do Fogar alcanzou os 420.189 ocupados, descendendo en 811 (-0,19%).

O Réxime de Autónomos engloba a 3.204.678 persoas, após diminuír en 6.202 afiliados en decembro (-0,19), mentres que o Réxime Especial do Mar descendeu en 2.851 persoas (-4,42%), co sitúase en 61.617. Finalmente, o Carbón mantense e rexistra 2.423 afiliados.

Por comunidades autónomas, a afiliación incrementouse en doce máis Ceuta e Melilla. Destacan Andalucía, con 41.561 ocupados máis (+1,40%); a Comunidade de Madrid, con 13.651 afiliados (+0,44%); País Vasco, 2.704 (+0,29%) e Canarias, 2.553 (+0,33%). Pola contra, Baleares experimentou o descenso máis acusado (-16.790).

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta