Campaña de micromecenado para trocar eucaliptos por carballos

A iniciativa #oTeuBosque de Verdegaia, a Sociedade Coluna Sanfins e a comunidade de montes local recada 1.500 euros en tan só cinco días para financiar a rexeneración dun bosque autóctono en Lousame. O proxecto pretende acadar 50.000 euros para plantar ata 17.000 árbores.

Por Galicia Confidencial | Lousame | 06/01/2018 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

Esta semana botou a andar a campaña #oTeuBosque de micromecenado (crowdfunding) pola que calquera persoa ou entidade ten posibilidade de amadriñar desde unha soa árbore ata unha fanega enteira (2.100 m2) no monte de Froxán (Lousame), distinguido en 2017 por ser o primeiro en toda a península Ibérica, e terceiro en Europa, en ser incluído no rexistro das Nacións Unidas de Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais.

Coas achegas recibidas, as entidades promotoras --Verdegaia, a Sociedade Coluna Sanfins e a comunidade de montes local-- queren transformar un total de 10 hectáreas dese monte, actualmente dominadas por masas de eucaliptos, nun bosque de frondosas autóctonas. En palabras de Iolanda Mato, unha das coordinadoras do proxecto, isto impedirá no futuro “o avance de lumes, garantirá a regulación hídrica e restaurará a biodiversidade actualmente degradada pola expansión de especies exóticas”.

En menos dunha semana, a campaña superou xa os 1.500 euros recadados que foron doados por máis de 55 “madriñas”, que poderán localizar o “seu” anaco de monte e seguir o desenvolvemento do proxecto por medio dun mapa online. Ademais, facendo unha achega de 5 euros ou máis, os organizadores colocarán unha pedra co nome da persoa ou entidade ao pé das súas árbores como recoñecemento físico permanente.

De alcanzar o obxectivo óptimo de financiamento (50.000 euros), plantaranse máis de 13.000 árbores, principalmente através do programa de voluntariado Montescola que implica os rapaces no coñecemento, restauración e posta en valor do monte veciñal. En 2017 xa participaron na experiencia piloto Montescola máis de 300 escolares galegos acompañados das súas familias e docentes. “Con esta campaña pretendemos dar continuidade e expandir esta experiencia”, afirma Mato, da sociedade histórica e cultural Coluna San Fins.

Ademais de facer posíbel entre todas as persoas colaboradoras este novo bosque, as achegas realizadas através da Fundación Kukumiku (crowdfunding solidario) son deducíbeis en Facenda e permiten aínda participar en varios sorteos, incluíndo unha noite para dúas persoas nunha casa rural ou de varios exemplares da Guía para o descenso enerxético, unha publicación que fai unha forte defensa do monte comunal como fundamento para o futuro do país. Desde as entidades promotoras salientan como o resultado final desta iniciativa será “un bosque único, froito da participación cidadá” e convidan a todo o mundo a facer parte e axudar na súa difusión nas redes sociais e no boca a boca.

O proxecto prevé a plantación de carballos no canto de eucaliptos no monte Froxán.
O proxecto prevé a plantación de carballos no canto de eucaliptos no monte Froxán. | Fonte: kukumiku.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta