Urbano Lugrís: unha vangardista nacional

Non é frecuente falar de pintura. Menos aínda de falar de pintura con sinatura galega malia a importante tradición que posuímos.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 06/01/2011

Comparte esta noticia

É un acervo sen potenciar e, sobre todo, sen difundir. Cumpría superar as exposicións nos locais pechados, nos museos ou nas galerías. Digo superar que non rexeitar. Noutros lugares, por exemplo en San Petersburgo, nas rúas máis turísticas penduraron nos muros e nas paredes dos edificios copias dalgunhas das xoias que garda o Museo do Hermitage. É un xeito de levar a arte ao exterior e que todos, os que lles preste ou non, saiban que a pintura existe. Debían tomar boa nota os nosos xestores da política e deixarse do faraonismo do Gaiás.

Nesa filosofía moveuse o acto do colectivo O Mural da Coruña para reivindicar a obra dun dos máis senlleiros pintores de Galiza: Urbano Lugrís, o fillo do destacado activista do nacionalismo Manuel Lugrís Freire. Así foi como convidaron a varios artistas a pintar nunha céntrica rúa coruñesa. Unha iniciativa marabillosa.

A tradición pictórica galega posúe boas mostras. Lémbrome, por exemplo, do vigués e preimpresionista Serafín Avendaño, moi apreciado no seu tempo, procedente dunha familia liberal da cidade atlántica e cun latexar galeguista (de feito colabora na prensa do Rexurdimento, xunto ao seu irmán Teodomiro). Serafín era discípulo doutro notábel pintor ferrolán: Xenaro Pérez Villaamil. A figura de Serafín superou as fronteiras, expuxo por Europa adiante e durante a súa estadía en Italia trabou amizade con Guiseppe Verdi.

Que dicir despois dese fato de caricaturistas no romper do século XX? Castelao, Álvaro Cebreiro, Carlos Maside, Luís Seoane... E deseguido outra excelente xeración de novos pintores: Arturo Souto, Corredoira, Laxeiro ou Manuel Colmeiro. E logo máis unha: Xosé Luís De Dios, Reimundo Patiño, Menchu Lamas... E aínda as que faltan por vir!

Contra este período da posguerra é cando encaixamos a obra sen igual e única de Urbano Lugrís.  Un home curioso e estraño, extravagante en ocasións, cun aire dandi e o seu aquel bohemio dos cafés parisinos, cunha reseñábel formación cultural que acompañaba cunha boa memoria. Para algúns, un xenio do surrealismo, por que non dicilo?, europeo.

A súa produción (en diversas técnicas) afondaba nos soños, nas sensacións oníricas, no pouso celta da nosa cultura e en ocasións nun detallismo, nun afiar minucioso do máis cativo. Os seus murais debían ser catalogados como obras de intereses cultural (se é que non o son xa) e exercer o debido coidado.

Foi o pintor do mar coma Manuel Antonio foi o poeta. A auga, os fondos marítimos, as figuras e obxectos… todo mesturado co surrealismo, a partir da súa interpretación tendo coma fonte os soños, polo tanto o irracional, o enlace entre visións que parecen non gardar ningunha relación mais teñen tal. E sabe facelo cun trazo xeral e noutras ocasións cun trazo fino, cun barroquismo excelente.

Cómpre fomentar máis a súa figura e valoralo na súa plenitude. Urbano Lugrís é aínda un pintor descoñecido no seu pobo cando as súas obras, en moitas ocasións, están expostas ao público nos cafés da Coruña ou Vigo. Haino que explorar, saber aprecialo, estudalo e coñecelo pois a cultura non é só a lingua ou literatura. Facelo dun xeito pedagóxico e imaxinativo. Galiza ten espléndidos pintores e músicos (por decir algúns eidos culturais) de moi diferentes estilos. En todo ese acervo cultural debemos mergullarnos para decatarnos da súa valía e, dese xeito, valorarnos a nós mesmos. Senón de nada vale dicir que bo pintor é Urbano Lugrís se non o fomentamos ou retratarnos como defensores da nosa cultura sen arelar o coñecemento (mínimo, non digo enciclopédico) pleno da mesma. Sería como aquelas persoas que din magoarlle o peche de CNN+ mentres sintonizan decote Gran Hermano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)