Por Galicia Confidencial | Vilalba | 08/01/2018 | Actualizada ás 13:40
Moreas de lixo. Esa é a lamentable imaxe que un se pode atopar na parroquia de Oleiros do concello de Vilalba, onde o ciscallo leva acumulado varias semanas nunha estrada. O Grupo Municipal Socialista xa pediu a súa retirada de forma urxente tralas queixas dalgúns dos veciños que denunciaron esta situación.
Os socialistas veñen de solicitar que o Concello proceda á retirada deste vertedoiro incontrolado que "pode ocasionar problemas para a veciñanza", advirten.
Facendo mención da campaña “Vilalba recicla no nadal” anunciada polo alcade do PP, Agustín Baamonde, en colaboración con Urbaser, empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo en Vilalba para o reparto de manuais de boas prácticas, desde o PSOE subliñan esta iniciativa como “unha boa acción para a concienciación medio ambiental, sempre que os servizos básicos do Concello estean cubertos, cousa que non sucede”, critican.
Deste xeito, o edil Luis Fernández sinalou “a dobre moral do señor Baamonde, que sae nos medios de comunicación con campañas tan necesarias como que o goberno local cumpra coa obriga básica e necesaria da recollida do lixo nas parroquias”.
Finalmente, desde o Grupo Socialista inciden na “deixadez que o alcalde ten cos asuntos que afectan ao rural”, esperando que as demandas de veciños e veciñas “sexan escoitadas e se actúe en consecuencia”, conclúen.
Esta situación en Vilalba lembra á tamén denunciada polo BNG de Coirós, concello onde foi guindada unha mora de pneumáticos no lugar de Figueiras, nun camiño forestal, preto dun centro de saúde e dunha escola.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.