Os xefes de servizo tamén demandan resolver o colapso nas urxencias

Difunden unha carta na que expresan o seu "total apoio" á nota emitida por Semes Galicia, na que se insta aos xerentes dos hospitais e o Sergas a resolver o problema e piden á poboación un "uso racional" destes servizos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/01/2018 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

Os xefes de servizo de Urxencias dos hospitais de Galicia saíron tamén ao paso do colapso e manifestaron o seu "total apoio" á nota emitida por Semes Galicia do pasado día 4 de xaneiro na que se instaba aos hospitais a resolver o problema urxencias e se pedía á poboación un "uso racional" deste servizo.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

Agora, os xefes de servizo consideran "necesario incidir" nos puntos expostos por Semes Galicia para resolver este colapso. Así, en primeiro lugar piden á poboación un "uso racional dos servizos de Urxencias" e din confiar "plenamente na profesionalidade e capacidade resolutiva" dos profesionais de Atención Primaria, o primeiro nivel asistencial, para non colapsar as urxencias.

Outro dos puntos que destavan é a necesidade dunha "implicación efectiva das direccións e xerencias nunha drenaxe adecuada dos servizos de Urxencias". Nese sentido, recordan que "os pacientes pendentes de ingreso deben ser enviados ás súas plantas de destino en tempo e forma", e que nestes casos "o proceso de atención urxente está finalizado e a súa estancia no servizo de Urxencias non achega valor fronte á súa estancia en planta".

Por outro lado, tamén esixen a "finalización e firma definitiva do documento de homoxeneización dos servizos de Urxencias por parte do Sergas e os seus máximos responsables de acordo co compromiso adquirido".

Por último, expresan o seu "máis sincero agradecemento" aos profesionais que forman os cadros dos servizos de Urxencias polo seu "traballo, tesón e compromiso", por "dar en todo momento a mellor atención posible aos pacientes", e iso "malia a situación que están a sufrir os servizos nestes momentos".

O documento está asinado por José Manuel Fandiño Orgeira, xefe do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) en nome dos seus colegas en todos os hospitais públicos de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dr Bacterio

As plantas de Medicina Interna son as que colapsan as Urxencias. Cada vez médicos peor formados que so saben demandar probas diagnósticas, repetitivas e inncesarias. Cada vez hai menos sesións clínicas, se informa ós familiares nos corredores sin intimidade ningunha e moitas veces nin se le a historia dos doentes