Toda a produción xornalística en galego de Álvaro Cunqueiro, nun libro

O primeiro volume da obra, editada por Galaxia, recolle uns 200 artigos.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 09/01/2018 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

Os filólogos vigueses Iago Castro e Xosé-Henrique Costas acaban de publicar, baixo o selo da Editorial Galaxia, o libro No obradoiro do fabulador, un traballo no que recollen toda a produción xornalística en galego de Álvaro Cunqueiro publicada no xornal Faro de Vigo entre 1963 e 1971. Son centos de artigos nos que están moitas das chaves da súa produción literaria, personaxes, mitos, libros e autores admirados... Non en van, a xuízo dos editores, estes artigos son o “verdadeiro obradoiro literario” do autor nos seus últimos 15 anos de vida.

'No obradoiro do fabulador', libro sobre a produción xornalística en galego de Álvaro Cunqueiro, editado por Galaxia
'No obradoiro do fabulador', libro sobre a produción xornalística en galego de Álvaro Cunqueiro, editado por Galaxia | Fonte: UVigo.

“Queremos que se vexan as páxinas de Letras do Faro de Vigo como unha auténtica nova revista Nós da década dos anos 1960 e, sobre todo, 1970, onde Cunqueiro e Del Riego puxeron en galego todas as novidades da literatura mundial sen pagar alfándega en Madrid” explica Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, que fai tamén fincapé na importancia de que se vexan estes artigos como “as fontes onde bebeu Cunqueiro, onde saciou a súa sede por saber e a súa curiosidade por aprender, porque con estas augas regou a súa infinda imaxinación e así saíron despois os froitos gorenteiros que nos regalou”, explica en declaracións recollidas por D. Besadío no xornal da Universidade de Vigo.

CONTIDOS

Os contidos do libro son froito da peneira de máis de 5.000 números de Faro de Vigo publicados entre os anos 1968 e 1981. As páxinas de ‘(Artes y) Letras’ incluían moitos artigos, traducións e poemas orixinais de Cunqueiro que rescataron e compilaron: aproximadamente uns 400 artigos en galego, 600 poemas traducidos de máis de 200 poetas diferentes e 80 poemas inéditos en libro, “inéditos ata que en 2011 fixemos a edición da súa última poesía”, aclara Costas, quen explica que para eles era unha necesidade dar a coñecer estoutra faceta do macrotexto cunqueiriano: os artigos xornalísticos, moitos deles artigos literarios, pero non unicamente, porque tamén os hai onde se trata de arte, de historia, de mitoloxía, de esoterismo, de gastronomía, de etimoloxía, de viaxes, de festas etc.

Só no primeiro volume, xa publicado, os autores recollen arredor de 200 artigos. “Unicamente deixamos fóra algunha breve recensión de libro carente de interese”, aclaran os editores.

Xosé-Henrique Costas e Iago Castro, autores do libro 'No obradoiro do fabulador' sobre Álvaro Cunqueiro
Xosé-Henrique Costas e Iago Castro, autores do libro 'No obradoiro do fabulador' sobre Álvaro Cunqueiro | Fonte: UVigo.

PSEUDÓNIMOS

Aos autores marabillounos a enorme capacidade de curiosidade de Cunqueiro, que lía de todo: temas históricos, literarios, ensaio, filosofía, relixións, mitoloxías… E sorprendeulles que os artigos tratasen de temas e autores moi afastados do que se podía agardar que fosen os seus gustos.

“Por exemplo: que relación ten a poesía de Cunqueiro coa Beat Generation norteamericana? Ningunha ou moi pouca, porén Cunqueiro trata en varios artigos dese movemento e dos seus principais autores e mesmo chega a traducir ao galego unha ducia de poemas beat”, indica Castro, que fai fincapé en que nada literario e nada humano lle era alleo. “Tiña o seu cerebro e o seu corazón abertos a todos os movementos culturais e literarios do mundo, e iso que a priori determinadas cousas serían pouco esperables dunha persoa con sentido relixioso e aparentemente conservadora”, engade Costas.

Destacan como especialmente vizosa a época de 1972-1975, anos nos que publicou moitísimas traducións de poetas moi diferentes, baixo ducias de pseudónimos diferentes, explican os editores, que citan como exemplos Manuel María Seoane, Felipe Arteaga Masma, Álvaro Labrada, Cristóbal Xordán, Mark Tapley, Claudina do Xardín e un longuísimo etcétera.

Agora, o seu seguinte obxectivo é descubrir novos poemas do autor mindoniense publicados como traducións, porque "dalgúns dos poetas supostamente traducidos non hai rastro, ninguén os coñece, non pertencen a ningún sistema literario e sospeitamos que é, o que denominan “outra cunqueirada”.

Non é o único proxecto que teñen en mente. Tamén lles gustaría editar as traducións feitas por Cunqueiro dos grandes da poesía universal: Ezra Pound, Paul Valery, Apollinaire, William Blake, etc. “Sequera unha escolma das mellores traducións dos poetas que máis influíron en Cunqueiro. Sería imprescindible para coñecer en profundidade algunhas das raíces da frondosa árbore do macrotexto cunqueiriano”, recalcan os editores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta