A "pasividade" da Xunta na crise de Maderas Iglesias

O deputado do BNG Luís Bará acusa ao Goberno galego de incumprir un acordo parlamentario unánime que lle obrigaba a velar pola continuidade da empresa e do emprego.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 10/01/2018 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

O BNG denuncia a "pasividade" da Xunta de Galicia na crise de Maderas Iglesias, compañía dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha crítica situación económica que podería acabar co peche da empresa e máis de 200 familias afectadas nos concellos de Salvaterra, O Porriño, Vigo, Ponteareas e Mos.

Protesta dos traballadores de Maderas Iglesias
Protesta dos traballadores de Maderas Iglesias | Fonte: CIG.

O Bloque alerta de que a maior parte dos 250 postos de traballo que se poderían destruír serían de mulleres. Segundo o deputado do BNG Luís Bará, “o peche das factorías de Mos e O Porriño tería consecuencias catastróficas na comarca, xa que estamos a falar dunha das empresas máis importantes por volume de emprego da zona sur da provincia de Pontevedra”.

Bará lembra que existe un mandato parlamentario, mediante acordo unánime do pleno que tivo lugar o pasado 17 de outubro de 2017, que insta ao Goberno galego a “facer xestións ante a propiedade de Maderas Iglesias SA coa finalidade de procurar a viabilidade e continuidade da empresa, velar polos dereitos laborais e polo mantemento do emprego”.

"Sen embargo, en máis de dous meses e medio non hai constancia de ninguna xestión por parte da Consellería de Industria e o conselleiro négase a recibir ao comité de empresa, que lle pediu unha entrevista hai máis de un mes", denuncia o BNG.

O pasado 28 de decembro, unha representación do comité de empresa, das alcaldías da comarca e das organizacións sindicais reuniuse no Parlamento Galego con representantes de todos os grupos. Posteriormente, integrantes do comité mantiveron un encontro co IGAPE (Instituto Galega de Promoción Económica).

Maderas Iglesias
Maderas Iglesias

"Nestas xuntanzas púxose de manifesto o apoio dos grupos parlamentarios e a necesidade de que a Consellería de Industria interveña diante da propiedade da empresa para procurar a viabilidade do emprego e da empresa", explica o BNG. Porén, o deputado naconalista Luís Bará considera que “o PP actúa con unha dobre linguaxe: desde os concellos e o grupo parlamentario amosa o apoio ao persoal de Maderas Iglesias, mentres que desde o Goberno galego se pon de perfil e deixa que o empresario siga dando pasos cara ao peche desta empresa emblemática”.

Na última rolda de negociacións, que comezou o pasado 12 de decembro, o empresario propuxo o despedimento de 140 traballadores, coa ameaza de peche da empresa se non se acepta esta proposta. Unha "chantaxe en toda regra", di o BNG, que "forma parte do modus operandi do dono da empresa", deixando aos traballadores nunha "situación límite" que "fai mais necesaria que nunca a intervención da Xunta de Galicia", engade.

Ante a situación crítica da empresa e a nova ameaza do propietario, Luís Bará esixe “a intervención inmediata do conselleiro do Industria, que debe reunirse con todas as partes para explorar as posibilidades de que a empresa Maderas Iglesias manteña a actividade industrial e o emprego na comarca de Vigo”.

O OCASO DUNHA GRANDE EMPRESA

A empresa “Maderas Iglesias S.A.” conta con centros de produción no Porriño e Mos. Foi unha das maiores produtoras de tarima flotante do mercado internacional e chegou a contar cun cadro de persoal na comarca de mais de 800 traballadores, sendo a porcentaxe do cadro de persoal do 80% de mulleres. Aínda que na actualidade o cadro de persoal se viu reducido a 253 traballadores, segue sendo unha empresa destacada da área de Vigo.

Nos últimos anos o persoal da compañía tivo que soportar ata dous procesos concursais, o primeiro resolto na fase de Preconcurso e o segundo resolto con acordo en setembro de 2013. Tamén tiveron que pasar por sete EREs (Expedientes de Regulación de Emprego) suspensivos, dos cales soamente en catro houbo acordo entre traballadores e empresario.

"A suma dos procesos provoca que, nalgúns casos, certos traballadores xa teñan chegado a máis de 400 días de consumo da súa prestación por desemprego, o que lles repercutirá negativamente se a empresa non sae adiante e son despedidos. E aínda que o comité intercentros sempre pelexou para que o ERE fose o máis equitativo posíbel e se cumprise coa Lei, os xerentes fixeron oídos xordos aos seus consellos, derivando nunha diferencia abismal na súa aplicación: mentres que hai empregadas e empregados que perden 400 días de traballo, outras persoas non chegan a perder ningún", expón o BNG.

A forza nacionalisa recorda, ademais, que houbo "reclamacións ante as autoridades denunciando que non se respectan as condición dos EREs nin o seu calendario pactado, por non ser recoñecidas as vacacións e todos os días festivos; non se recoñecen os meses de 31 días como recoñece a Lei e non se pagan os días efectivos de traballo, mesmo chegando a non recoñecerlle as horas sindicais algúns membros do comité, etc".

Con respecto ao salario, en oito anos a suba salarial total foi do 0,75%. Actualmente aínda se debe parte da paga de Nadal de 2016, a de marzo e a de xullo do 2017, así como as irregularidades no pagamento das nóminas, que un mes tras outro se ingresan con retraso. Sempre se abonan os salarios a partir do día 15, chegando nalgún caso a pagar as nóminas o día 28, segundo o BNG.

"Para os que están de baixa é un verdadeiro suplicio, porque sempre o retraso é aínda moito maior. Tendo que escoitar despropósitos do xerente como, «que pagaría cando el o estimase oportuno». Esta situación de vulneración dos dereitos dos traballadores/as non é nova, pois xa que nos meses de xuño e xullo do 2015, o persoal xa fixo unha folga de varios días alternos para reclamar a débeda dos seus salarios", explica o Bloque, que considera que "a situación neste momento é insostibel" e pon en grave risco a continuidade da empresa e do emprego". Segundo Luís Bará, “agora correspóndelle ao Goberno galego dar un paso adiante para achegar propostas, medidas e alternativas para facer viábel a empresa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta