“Consolidamos o destino Galicia por terra, mar e aire”, di Feijóo

O presidente da Xunta presume dos datos de turismo e asegura que o país superará a barreira dos cinco millóns de turistas en 2017.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/01/2018 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

O turismo é unha das grandes bazas económicas da Xunta de Galicia, especialmente, ante a proximidade do Xacobeo. Por iso, este xoves, Alberto Núñez Feijóo non tivo ningún reparo en presumir das cifras de turismo do pasado ano, nada máis e nada menos que cinco millóns de turistas.

Peregrino ante a Catedral de Santiago
Peregrino ante a Catedral de Santiago

“Consolidamos o destino Galicia por terra, mar e aire”, dixo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta no que insistiu que creceu o número de peregrinos nun 3%, o número de pasaxeiros que chegan en cruceiros nun 11% e tamén os pasaxeiros de avión nun 6%. “Galicia é a primeira autonomía en turismo da cornisa cantábrica”, suliñaba exhultante o presidente galego. “E somos xunto con Madrid os que máis crecemos, un 2%”, engadía.

Feijóo afirmaba que Galicia pechará 2017 como o ano no que obtivo “os mellores rexistros turísticos da súa historia”,  segundo se reflicte no informe preliminar presentado no Consello para avaliar os datos turísticos rexistrados no último ano. De manterse o crecemento interanual do 3% que o país obtivo ata novembro -cando se contabilizaron preto de 4,9 millóns de turistas no conxunto do ano, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) e a falta dos datos do mes de decembro, que o INE fará públicos a finais deste mes- “Galicia poderá pechar 2017 superando os cinco millóns de turistas”, dixo.

Estes datos apuntan que Galicia foi quen de recibir viaxeiros dunha maneira máis repartida durante todo o ano, cumprindo así o obxectivo da desestacionalización. Segundo se desprende deste informe preliminar despois de abril, que encabeza o crecemento máis intenso por mor da Semana Santa, os meses nos que o turismo medrou con máis forza centráronse fóra da tempada alta. “Este bo comportamento á alza dos viaxeiros repítese no número de noites que decidiron pasar en Galicia”, dixo.

MÁIS NOITES

Así, recalcou que, por vez primeira, o país superou a barreira dos 10 millóns de noites nos establecementos de aloxamento regrado durante os 11 primeiros meses do ano. O número de días que os viaxeiros permaneceron nos establecementos medrou máis dun 2,4%, situando Galicia entre as autonomías nas que creceu máis intensamente a estadía media.

Turistas na Praia das Catedrais, en Ribadeo
Turistas na Praia das Catedrais, en Ribadeo | Fonte: Europa Press

Segundo Feijóo, tamén creceu en termos de ocupación, que sobe en 7,5 puntos porcentuais de media. No que se refire á rendibilidade no sector, tamén medrou o ingreso por habitación dispoñible, o chamado RevPAR, con máis dun 10,7% de incremento con respecto ao ano anterior.

DESTINO INTERNACIONAL

O ano 2017, a Comunidade galega consolidouse, tamén, como un destino cada vez máis internacional. Ata novembro, o peso deste mercado roldou o 30%. A subida é especialmente tanxible no Camiño de Santiago, onde máis da metade dos peregrinos procedían de fóra de España.

Ademais, en termos globais, o Camiño de Santiago experimentou en todo o ano 2017 un crecemento dun 8,3% en relación ao 2016, superando por vez primeira na súa historia os 300.000 peregrinos. A ruta xacobea estivo, ademais, máis diversificada que nunca nos seus nove itinerarios oficiais por terra.

ECONOMÍA

“En termos de emprego no sector turístico, as afiliacións á Seguridade Social soben un 3,3% e sitúan a cifra global en máis de 77.700 no conxunto da Comunidade, a cifra máis alta dos últimos cinco anos”, engadiu ao suliñar que lidera os destinos da España Verde.

Este informe preliminar recolle, así mesmo, os resultados da sondaxe realizada polo Clúster de Turismo de Galicia aos seus asociados sobre as súas percepcións, que permite dar unha visión cualitativa do avance do turismo en 2017. “Os resultados falan dunha valoración claramente positiva”, dixo Feijóo.

Así, repetiu que, ademais, que este estudo destaca a consolidación dun modelo turístico “sustentable, de calidade, responsable e comprometido que sabe medrar e acoller aos visitantes durante todo o ano”. Con todo, e preguntado polas cifras económicas dese turismo, Feijóo non soubo responder. 

“Este estudo ou os datos manexados apuntan a que tipo de turista é o que nos visita ou que volume de negocio xera para descartar que se trate dun turismo low cost?”, preguntoulle GC. “Os datos indican que se subiron o número de noites por turista, subirá tamén o diñeiro gastado por eles”, respondeu.

Turistas nas terrazas
Turistas nas terrazas | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta