O PSdeG cre que as demandas locais estarán "moi presentes" na vida parlamentaria do ano 2018

O emprego, as dificultades nos fogares galegos para chegar a fin de mes e a sanidade serán os alicerces do traballo de oposición do PSdeG

| 12/01/2018 | Actualizada ás 14:06 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O grupo do PSdeG-PSOE no Pazo do Hórreo cre que, coas eleccións municipais de 2019 no horizonte, as demandas locais estarán "moi presentes" na vida parlamentaria do recentemente iniciado ano, no que os socialistas tratarán de pór sobre a mesa "as enormes dificultades da Xunta para dar solución aos problemas de Galicia".

Leiceaga
Leiceaga | Fonte: Europa Press

Así o indicou este venres o portavoz socialista na Cámara galega, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen, acompañado pola deputada Patricia Vilán, mantivo un almorzo informativo cos xornalistas no que definiu as liñas que marcarán o traballo parlamentario do PSdeG neste 2018.

O emprego, as dificultades dos fogares galegos para chegar a fin de mes e os servizos básicos, co foco posto especialmente sobre a sanidade, serán os alicerces sobre os que pivotará o exercicio de oposición dos socialistas, que ven ao goberno de Alberto Núñez Feijóo "incapaz de defender os intereses de Galicia".

Deste xeito, Leiceaga sinalou que, a pesar da "fama" de "bo xestor" que se lle atribúe a Feijóo, o seu Executivo ten "enormes dificultades para dar solución aos problemas" de Galicia como evidencia, ao seu xuízo, a xestión da política forestal, o sector agrario ou as políticas de emprego.

Por iso, "comunicar as deficiencias da capacidade de xestión da Xunta" será unha das tarefas do PSdeG no seu exercicio da oposición. "Feijóo non está á altura dos intereses de Galicia porque privilexia os seus intereses persoais", incidiu Leiceaga, que cre que a prioridade do presidente galego é "ser cómodo ao poder central" ante o seu posible desembarco na política nacional.

MUNICIPAIS

A menos dun ano e medio para a próxima cita electoral importante, as municipais previstas para a primavera de 2019, o PSdeG tratará de que as "demandas locais" cobren importancia na vida parlamentaria deste ano.

Para Leiceaga, esta cuestión, dado o carácter "municipalista" do Partido Socialista e a súa "capacidade" para dar "continuidade" a este traballo tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento europeo, pode servir para encarar con forza o "reto" das eleccións locais do próximo ano.

SANIDADE

O debate da Lei de Saúde e a actualización da norma sobre farmacias fará da sanidade un dos temas que máis espazo ocuparán no traballo da Cámara galega no arranque deste 2019.

Neste sentido, os socialistas reiteraron a súa oposición á reforma do sistema sanitario que "privilexia a eficiencia na xestión dos recursos cunha visión claramente conservadora" que, ademais, "discrimina no territorio".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta