Temas: EMPRESA

A lingua galega, por detrás do inglés e do castelán para directivos de empresas do país

Un estudo mostra que, en xeral, os executivos das compañías galegas seguen considerando a lingua propia de Galicia un idioma secundario para o seu día a día. Publicidade, relacións coas administracións públicas e mundo rural é onde os directivos apostan máis polo galego.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/01/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A normalización da lingua galega no mundo empresarial está moi lonxe de acadarse, a diferenza do que acontece, por exemplo, en Cataluña co catalán. Un novo estudo sobre o uso do galego entre directivos de empresas do país vén demostrar que estes seguen considerando a lingua propia do país un idioma secundario e que priorizan o inglés e o castelán. 

Campaña 'Días azuis'
Campaña 'Días azuis'

O certo é que a promoción da lingua galega no eido empresarial sufriu un duro golpe en 2012, cando a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) tivo que pechar o seu Servizo de Normalización Lingüística debido á "falta de apoio financeiro para o seu mantemento", denunciou a CEG, que consideraba este un "servizo de indubidable interese para o tecido produtivo" do país.

Agora, este estudo, realizado por Daniel Pinto Pajares, da Universidade de Vigo, tenta analizar o valor económico que reciben as linguas por parte de directivos de grandes empresas galegas. A investigación toma como obxecto de estudo a clase alta galega para pescudar as súas percepcións sobre o uso de idiomas no mundo dos negocios para se relacionar nacional e internacionalmente coa clientela e outras empresas. Para isto, foron entrevistados 20 directivos e directivas dalgunhas das empresas máis importantes do país.

As corporacións nas que traballan estes directivos contan cun persoal superior a 500 traballadores e unha media de beneficios anuais de 15 millóns de euros. Os entrevistados foron 12 homes e 8 mulleres, 6 da provincia de Pontevedra, 5 da Coruña, 5 de Lugo e 4 de Ourense. Por sector económico, representan o agroalimentario, industrial, servizos e novas tecnoloxías. A idea do estudo foi mostrar as linguas que utilizan estas persoas para expandiren as súas empresas.

Se ben algúns entrevistados recoñeceron a normalidade de usar o galego en todos os espazos da sociedade, a meirande parte deles reservan as situacións que aportan beneficios económicos para linguas como o inglés e o castelán. Unha dinámica que "pode facer perigar a potencialidade do galego na medida en que as súas funcións máis salientables segundo a clase alta obxecto deste estudo pertencen a cuestións de publicidade, onde esta lingua actúa como atractivo, pero non como lingua de interacción, ou queda reducida a ámbitos públicos e rurais".

LINGUA NAS ENTREVISTAS DE TRABALLO

Para pescudar que lingua consideran os directivos de empresas que garante o acceso a postos laborais en Galicia, preguntóuselles pola que utilizaron e utilizarían nas entrevistas de traballo. A metade dos informantes afirmou que se dirixiron na lingua empregada polos entrevistadores, actitude que repetirían novamente de darse a circunstancia. Este comportamento, segundo Pinto Pajares, "implica non arriscar o hipotético capital económico que poderían obter da empresa".

"Ante a tesitura de elixir unha lingua que, a priori non saben se lles xera un beneficio ou non, estes informantes mantéñense á marxe de tal decisión, trasladándoa aos axentes que exercen o papel dominante nunha interacción deste tipo", afonda o autor.

Doutra banda, os dez informantes restantes —a outra metade— si investirían os seus recursos lingüísticos en certa medida, xa que especifican as linguas que consideran que lles concederían acceso a postos laborais: castelán e inglés.

Paralelamente, sete dos 20 entrevistados tamén seleccionaron unha lingua, o castelán, como garante de acceso a postos de traballo. "El castellano es la lengua que facilita acceder a ese puesto”, apunta no estudo un dos directivos.

"Pese a que estas persoas concretan unha lingua na súa resposta, non se debe concluír que nunha entrevista de traballo expoñerían un potencial capital económico polo feito de elixir unha lingua. Máis ben, e en consonancia co grupo anterior, o castelán é de seu un marcador de estatus nas relacións laborais", explica Pinto Pajares.

En resumo, "todas as persoas entrevistadas declaran actuar con base en eleccións que non supoñen ningún risco simbólico", de xeito que "a metade dos directivos esperaría que o interlocutor construíse o marco lingüístico normativo ao que se adaptaría, ratificando neste caso o papel subordinante do entrevistador e a autoridade comunicativa da lingua que empregase", mentres que "a outra metade da mostra si exercería un rol configurador do evento comunicativo en tanto que recoñece o beneficio económico que lles suporía o castelán e o inglés", detalla o autor do estudo.

Con todo, matiza, "este papel activo dos informantes é enganoso, xa que as linguas seleccionadas non entrañan a asunción de custos simbólicos porque son linguas lexitimadas grazas ao seu recoñecemento no ámbito laboral".

Polo tanto, sinala o castelán e o inglés como "as dúas linguas predominantes neste tipo de interacción", xa que se consideran que "son as que permiten acceder ao mercado laboral sen comprometeren os seus recursos sociolingüísticos".

"O emprego do galego é practicamente anecdótico, configurándoo como unha lingua que pon en evidencia o estatus e as competencias profesionais dos seus falantes", aporta Pinto Pajares.

LINGUA COS CLIENTES

Respecto á lingua que os directivos de empresa empregan habitualmente coa súa clientela, destacan o inglés, o castelán e o galego. As persoas entrevistadas elixiron unha ou varias destas linguas, pero con variación das seleccións. O primeiro eixe de variación corresponde coa orixe do cliente ou empresa coa que se desenvolve o intercambio comercial. Cando a clientela é de fóra de España, a lingua que se utiliza é maioritariamente o inglés, a lingua franca das interaccións comerciais co estranxeiro.

Con todo, hai quen recoñece entre os entrevistados que emprega habitualmente o galego cando se traballa cos países de fala portuguesa”, de xeito que a galega tamén aparece, a primeira vista, como unha lingua franca nun contexto comunicativo concreto.

Dentro dos límites territoriais do Estado español, "algúns informantes consideran que o emprego doutra lingua distinta do castelán traspasa os límites do sentido común, xustificando a súa opinión a partir da experiencia e non de explicacións lóxicas ou obxectivas", subliña o autor do estudo, que considera que hai directivos que "anulan a capacidade do bilingüismo pasivo nas súas respectivas clientelas e materializan discursivamente o prexuízo lingüístico que converte o castelán na única lingua en que se pode entender toda a cidadanía".

Con todo, Pinto Pajares di que "cómpre sinalar que existen outras linguas españolas facilmente comprensibles por parte de persoas que non as dominan activamente, como poden ser o galego ou o catalán, entre outras".

Así mesmo, salienta que "máis aló de que os informantes e os seus interlocutores se sintan máis cómodos falando na mesma lingua, as variedades lingüísticas que utilizan poden contar con diferenzas substanciais entre si que, lonxe de facilitaren a comprensión intraidiomática, distancian unha interpretación óptima das mensaxes lingüísticas".

Polo tanto, afirma, "tanta dificultade ou facilidade de comprensión pode existir entre dúas linguas como o castelán e o galego, e entre dúas variedades da mesma lingua".

Xa dentro dos límites territoriais de Galicia, algúns directivos recoñecen que fan preferente unha das dúas linguas oficiais do territorio. Unha executiva, por exemplo afirma que “entre un 5% e un 10% [do traballo] queda en Galicia, e incluso para o que se queda en Galicia, faise en español”.

Fronte esta actitude maioritatia, expóñense os exemplos de dous directivos cuxas empresas son de ámbito maioritariamente galego e a lingua galega é a privilexiada. "Como é unha empresa de ámbito galego, moitas accións publicitarias facémolas en galego. Tamén para relacionarnos co Xunta ou co Concello”, di un. Mentres, o segundo engade: "A maior parte do noso ámbito xeográfico estámonos movendo en Galicia; entón nun 99,9% falamos en galego”.

Un segundo eixe de variación é a adaptación lingüística, que se complementa coa hipotética orixe galega da clientela. Neste caso, oito informantes aseguran que a lingua que utilizan as súas empresas con clientes de Galicia depende da lingua que empreguen estes últimos. Emporiso, o autor do estudo observou "notables diferenzas actitudinais entre varios informantes". Catro deles, por exemplo, empregan o castelán como lingua por defecto e só recorrerían á adaptación lingüística se o cliente falase en galego.

Pero hai quen tende á converxencia lingüística, mais non respecto ó cliente inmediato que ten o papel de consumidor, senón á Administración Pública de Galicia, a cal pode brindar á súa empresa beneficios económicos: “Coa Administración local si usamos o galego, pero normalmente o castelán”, confesa un dos directivos entrevistados.

Esta conexión entre a lingua e as posibilidades de negocio é o terceiro eixe de variación que sinala Pinto Pajares e que apreza de xeito claro en varios directivos. Así, expón os casos de dous executivos para os que "o galego é un recurso publicitario que atrae a clientela na medida en que a lingua fornece sentimentos de pertenza a un endogrupo conformado pola audiencia destinataria da mensaxe". É dicir, e como recoñece unha directiva, "o galego ten algunha presenza por cuestións de marketing e publicidade".

En resumo, "a acomodación lingüística é unha actitude moi recorrida entre as persoas entrevistadas posto que, para moitas, a lingua que utilizan as súas empresas depende da lingua da clientela, aínda que, en certos casos, existe unha lingua por defecto", clarficia o autor do estudo.

Para rematar, as posibilidades de negocio revélanse como un criterio minoritario: só para dúas persoas, a selección do galego xera unha rendibilidade económica en tanto que se presenta como un recurso de marketing.

PROXECCIÓN INTERNACIONAL DO GALEGO

O estudo tamén pregunta que lingua garante ás empresas a expansión a un mercado internacional: o galego ou o castelán. Malia que a pregunta só contiña estas dúas opcións, catro das persoas entrevistadas responderon unha lingua diferente ás propostas, o inglés, e outras seis mencionárona xunto co castelán.

"O número de directivos que privilexian o uso do inglés nas relacións internacionais pode aumentar na medida en que as seis persoas que seleccionaron o castelán e o inglés preferiron o último fronte ao primeiro", aclara o autor.

Un exemplo da realidade idiomática dos negocios é esta resposta dunha directiva: "Realmente o inglés, pero se só me dás a escoller gallego ou castelán, pois o castelán".

"O feito de que dez persoas aportasen unha lingua diferente das ofrecidas na entrevista revela o peso que atangue o inglés nos negocios internacionais. Esta importancia en escenarios economicamente relevantes simboliza o dominio de linguas como o inglés sobre outras", salienta Pinto Pajares.

O castelán é sinalado por oito de 20 entrevistados como a lingua que mellor garante a proxección internacional das empresas.

"Se [...] a elección da lingua para relacionarse internacionalmente depende de criterios fundamentalmente economicistas e territoriais, non sorprende que tan só dúas persoas entrevistadas marquen o galego", apunta Pinto Pajares. Para estes directivos, “o galego é un atributo positivo” porque “ter elementos diferenciadores é positivo”. Tamén argúen que a elección da lingua galega deriva das esixencias da experiencia, posto que “os nosos clientes principais son portugueses; o galego é importante para nís”.

Pinto Pajares deduce, ademais, que no caso do galego, esta lingua é "un medio para proxectar unha imaxe única e idiosincrática da comunidade galega".

En resumo, a clase directiva galega "elixe o inglés como lingua que xera maiores rendementos para a empresa no ámbito internacional". Ademais, "tanto o inglés como o castelán se moven nun terreo utilitarista polo que os beneficios económicos disputan a aparición das linguas".

"Nun sentido contrario aparece o galego, lingua minoritariamente elixida que, precisamente, o é por cuestións identitarias e instrumentais en interaccións reducidas ao ámbito galego e, para algúns informantes, lusófono". Os directivos que optan polo galego recoñecen que "lles aporta unha diferenciación que se relaciona co marketing empresarial e trátase, ademais, dunha lingua útil en relacións comerciais con empresas e clientes lusófonos".

GALEGO PARA ACCEDER AO MERCADO LABORAL

No que se refire ao galego como recurso para acceder ao mercado laboral, preguntouse aos directivos se consideran que o dominio desta lingua favorece a adquisición de postos de traballo en Galicia ou, pola contra, se a súa destreza non repercute neste aspecto. O autor do estudo dividiu as respostas en cinco grupos, segundo o grado de confianza na potencialidade do galego.

En primeiro lugar, oito directivos sosteñen que o galego ten capacidade para favorecer o acceso a postos de traballo en Galicia, se ben hai dous executivos que consideran que o elemento que lles motiva a contratar a alguén que fala galego son as diferentes destrezas mentais que proporciona a aprendizaxe dunha lingua e que facilitan a adquisición doutra. "Non é tanto polo galego senón porque, unha vez que falas dous idiomas podes falar un terceiro, cuarto, más doadamente”, argúe unha directiva.

Outros catro directivos condicionan as posibilidades que fornece o galego a dous escenarios concretos: a empresa pública e a contorna rural de Galicia. Estes argúen, por exemplo, que saber galego é útil “só para funcionarios” ou que “sobre todo no eido rural, […] o coñecemento do galego che vai, cando menos, puntuar”.

O certo é que, como recorda Pinto Pajares, segundo datos do Instituto Galego de Estatísca, o galego é a lingua habitual para o 78,78% da poboación en municipios con menos de 10.000 habitantes, mentres que o seu uso descende ao 27,49% nas cidades máis grandes.

Outras dúas directivas aseguraron que o galego “[na] empresa privada nin abre nin pecha [as portas]”. Un "terreo de indiferenza" co que coincide outro directivo, que declara que á hora de buscar traballo en Galicia, o galego “non creo que sexa negativo, pero tampouco creo que sexa positivo”.

Seis dos 20 entrevistados coinciden, ademais, que o mellor xeito de abrise portas é falando idiomas internacionais, "non recluirnos”.

Pero para un dos entrevistados, sería "de sentido común esixir o galego na empresa de Galicia".

Os resultados deste estudo, titulado 'O valor económico das linguas: percepcións da clase alta directiva de Galicia', foron publicados na Revista Galega de Filoloxía, editada pola Universidade da Coruña.

Temas: EMPRESA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 19 comentarios

4 A verdade

Moito mirar para as altas esferas e criticar cando no día a día da xente corrente son os propios nacionalistos os que están acabando coa lingua galega. Primeiro porque a usan coma se fose un xeito diferenciador coma se fosen os fai máis galegos, con vocablos que ninguén entende nin se empregaron na put... vida, segundo porque moito fardar de galego e logo cando están en corrillos "se la envainan" e pasan ao castelán, terceiro porque aos seus fillos ben que lle falan en castejano, cuarto porque tratan aos da aldea (onde pervive o verdadeiro galego) coma se fosen analfabetos españolizados que falan castrapo por imposición das ordas españolistas,... En fin, que o galego o están matando estes totalitarios que se creen os verdadeiros galegos con sangue de saiva de grelo que desprezan ao resto do pobo galego que fala o galego que lle peta.

1 teutonio

zzzzzzzzzzzzz, o mito do nacionalista que fala castelán cos fillos e despreza aos falantes da aldea. Que si, os nacionalistos acaban co galego por usar porén, http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda... ou achar http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda... que nunca se dixeron na vida Que típico e canto estereotipo. Logo metemos que o verdadeiro galego é o que se fala no rural, quitándolle a lexitimidade a calquera outra variante da lingua e quedamos panchos sen ver a incoherencia.

3 Españolistas dades noxo

Imponse o castelán e a xente non se atreve a usar o galego por temor a ser discriminada. Nada novo.

2 Carliños

Normal. ¿Qué esperaban? Habrá que suponer que no habrán cobrado por un estudio similar al del descubrimiento de los cuatro puntos cardinales para los alumnos de enseñanza infantil. En el mundo de los negocios lo que cuenta es la eficacia en la comunicación. Y la comunicación internacional se hace en inglés, con una presencia nada despreciable del español.

1 nostrus

Os carros de vacas descenderon enormemente en beneficio deos tractores, ¿vaise tomar algunha medida para recuperar o uso de carros de vacas?. Casarse pola igrexa dscendeo nos últimos tempos, ¿vanse tomar medidas para que a xente se case pola igrexa?. Si o galego se usa pouco nun determinado ámbito será pola dimension do idioma como ferramenta e non porque a xente lle teña manía. Si a xente usa o galego para expresar os sentimentos e o español para os negocios, en relidade a quen descrimina é ao español. Cada persona sabe cal lingua debe usar sin que ninguén teña que dicirllo.

1 teutonio

Moi aburrida e triste debe ser a túa vida pra estar todo o tempo, durante anos e anos a barrenar. Vaille a un psicólogo, a saúde mental é ben importante.

2 nostrus

Te equivocas, me divierto mucho desmontando las tonterias de los naciotas. Y que conste que lo hago con el tiempo que me sobra. Por lo menos tengo la decencia de no cambiar de nikc; no como otros.

3 teutonio

Meu, pero se sempre usas os mesmos argumentos que son absurdos. Primeiro o do carro, ligando unha lingua ao arcaico e obsoleto, caíndo nos estereotipos de sempre. Segundo facendo a comparación absurda coa relixión, que entra dentro do ámbito privado nunha sociedade aconfesional, non como o uso das linguas que desde sempre foi regulado activa ou pasivamente polos estados modernos. Despois falas de que a xente non lle ten manía cando hai ducias de estudos cualitativos e cuantitativos que demostran que aínda existen prexuízos sobre a lingua galega e que usar unha lingua pequena non impide o desenvolvemento dos negocios como ben o saben os empresarios que empregan o catalán, o estonio ou o eslovaco. E a penúltima frase é xa pra facerlle un cadro. Meu, ó único que desmontas é a ti mesmo deixándote en ridículo cos teus problemas mentais e ignorancia

4 Roya

Nostrus trabaja un poco anda hazlo por la familia y deja dd decir tonterias en la empresa extranjera el español no lo habla ni el tato todo es en ingles asi que olvidate y por eso tiene que desaparecer el español mira que etes ig no ran te