Galicia é líder en España na produción de carne bovina de calidade amparada por un selo de garantía

Consolídase, ademais, como a segunda autonomía en produción de carne bovina, só tras Castela e León.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2018 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

Galicia mantén, con 'Tenreira Galega', o liderado en España na produción de carne bovina de calidade amparada por un selo de garantía. Deste xeito, dentro das 10 indicacións xeográficas protexidas (IGP) existentes no Estado, 'Tenreira Galega' é a de maior produción, co 54'8% do total, moi por enriba da denominación 'Tenreira Asturiana', que representa o 16,6% do conxunto estatal.

Tenreira galega.
Tenreira galega.

Ademais, Galicia consolidouse como unha das principais comunidades autónomas en produción de carne de bovino, ao colocarse no segundo posto en España, segundo reflicten os últimos datos oficiais do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que a sitúan cun 14% do censo estatal.

As cifras, correspondentes a 2016, mostran que Galicia só é superada por Castela e León, que alcanza o 22% da cifra total. En canto ao número de cabezas sacrificadas, Galicia ocupa o terceiro lugar, con 400.280 animais, tras Cataluña, que ostenta o primeiro posto, con 525.139, e Castela e León, que suma 427.991.

As tres autonomías referidas concentran así máis da metade da produción total de España, que alcanza os 2,3 millóns de cabezas.

Por provincias resalta o caso de Lugo, que con 122.051 cabezas sacrificadas non só é o primeiro territorio galego, senón tamén o terceiro en España, só por detrás de Barcelona e Xirona.

Do resto de provincias galegas, o segundo posto correspóndelle a Pontevedra, con 115.607 animais sacrificados, seguida da Coruña, con 109.134 e Ourense, con 53.488.

Realizando a contabilización tan só das tenreiras e o bovino novo (de menos de 12 meses) sacrificado, Galicia mantén o segundo posto dentro de España, con 227.695 cabezas, fronte aos 364.924 animais de Cataluña. Ambas comunidades autónomas representan, en conxunto, máis da metade do total estatal neste ámbito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta