As siglas e as persoas

As palabras pronunciadas por Jesús Alonso na cea de Nadal de Jealsa-Rianxeira demostran que, nalgúns casos, o paso do tempo non serve para curar determinadas feridas.

Por Xesús Veiga | Santiago | 10/01/2011

Comparte esta noticia

A información facilitada por Galicia Confidencial hai poucos días confirma que o 25 de Maio do ano 2003 segue presente na cabeza do propietario desta importante conserveira.Aquela noite, as urnas certificaron o fracaso de Jesús “Goliath” Alonso –incapaz de revalidar a maioría absoluta da que viña disfrutando- e o éxito de Xosé “David” Deira no seu papel de construtor dun goberno municipal alternativo ao que tiña presidido o máximo mandatario do PP de Boiro.

 
Que un empresario relevante pertenza a un partido e/ou manifeste publicamente o seu apoio a tal ou cal formación política non pode ser catalogada como unha anomalía democrática.Cada quen administra como quere a súa liberdade de expresión e asociación.As complicacións aparecen cando ese empresario encabeza unha lista electoral e acada un resultado que lle permite ser investido como alcalde do concello.Daquela, a letra e o espírito das normas democráticas requiren unha exquisita separación entre ambas funcións e unha especial rendición de contas que aseguren a independencia entre os seus lexítimos negocios mercantís e o seu labor como máximo xestor dos recursos públicos desa vila ou cidade.
 
As lamentábeis ameazas formuladas por Jesús Alonso constitúen unha perversión das mais elementais regras democráticas, agravadas pola circunstancia da súa condición de ex-alcalde de Boiro.Tan preocupante como ese despropósito verbal resulta o silencio dos organismos dirixentes do PP a respeito deste singular mitin realizado nas instalacións de Jealsa-Rianxeira.A prometida rexeneración de Alberto Núñez Feijoo debería comezar pola propia casa.Mirar para outro lado e consentir estas actitudes dunha persoa destacada do PP cuestiona seriamente a credibilidade de calquera proxecto político.
 
Xosé Deira, membro do BNG, vai cumprir oito anos como alcalde de Boiro.O seu labor pode merecer, como é lóxico, xuízos valorativos discrepantes.Porén, do que nunca poderá ser acusado é de non saber gañar e de non saber perder.Por iso, aínda que as siglas-marcas son moi importantes no mercado político, o talante e a estatura moral das persoas non é menos relevante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.