Como Shakespeare dignificou a lingua galega

María Jesús Lorenzo Modia, catedrática da Universidade da Coruña, repasa un século de traducións e representacións da obra do universal autor inglés en galego, fundamentais para conferir "respetabilidade social e prestixio" a unha "lingua marxinada" durante séculos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O universal dramaturgo William Shakespeare, declarado a maior icona na historia da cultura británica, foi un actor clave para a dignificación da lingua galega. As representacións, traducións e retraducións das súas obras en galego, desde principios do século XX, permitiron que o noso idioma —que foi lingua de cultura e poder na Idade Media, pero acabou sendo relegada polo castelán coa configuración de España a partir dos Reis Católicos— recuperase da man de Shakespeare o prestixio perdido. Así o mantén a catedrática de Filoloxía inglesa María Jesús Lorenzo Modia, da Universidade da Coruña (UDC), que vén de presentar un traballo sobre o decisivo papel que xogou a obra shakesperiana na revitalización do galego.

Luis Tosar, en 'Hamlet' (2006), adaptación dirixida por Lino Braxe.
Luis Tosar, en 'Hamlet' (2006), adaptación dirixida por Lino Braxe.

"Para aumentar o número de falantes da lingua e para darlle respetabilidade cultural, as traducións e as representacións das obras dos dramaturgos prominentes, e particularmente as de Shakespeare, foron consideradas instrumentais", introduce a profesora da UDC nun traballo titulado 'The Reception of Galician Performances and (Re)translations of Shakespeare', publicado en Multicultural Shakespeare: Translation, Appropriation and Performance, revista da Universidade de Lodz (Polonia).

A catedrática busca aquí proporcionar unha visión histórica da recepción de Shakespeare en Galicia e analiza o uso das súas obras como un "medio para dignificar o idioma galego".

Lorenzo Modia afirma que as obras de Shakespeare serviron como "instrumento de aburguesamento" da lingua galega, tras séculos relegado ao mundo dos "campesiños e as clases baixas en contextos privados", de modo que "a asociación con Shakespeare conferiría a unha linguaxe marxinada respetabilidade social e prestixio".

"Debido ao status cultural minoritario deste idioma, a existencia de versións do traballo de Shakespeare en galego serviría para outorgarlle respetabilidade social e prestixio", argúe a filóloga.

Obras de Shakespeare publicadas en galego pola Editorial Galaxia.
Obras de Shakespeare publicadas en galego pola Editorial Galaxia.

SHAKESPEARE NA ESCENA GALEGA

A primeira aproximación de Lorenzo Modia é as representacións que se fixeron da obra teatral de Shakespeare en Galicia. A primeira documentada, organizada pola sociedade intelectual das Irmandades da Fala, que promoveu o ensino e a práctica da lingua galega a través de "representacións teatrais de obras longas de boa calidade, que serían de interese para as minorías cultivadas, e que presentarían personaxes de clase alta e media".

En xaneiro de 1919, recorda a profesora da UDC, este grupo creou o Conservatorio Nacional de Arte Galega, "concibido como unha plataforma para renovar e revitalizar o teatro galego da época". Alí, os textos de Shakespeare, entre moitas outras obras internacionais, foron utilizados para estes fins.

A primeira obra de Shakespeare traducida ao galego foi a adaptación de The Merry Wives of Windsor escrita por Antón Vilar Ponte, titulada Xan entre elas, estreada o 4 de xaneiro de 1920.

María Jesús Lorenzo Modia sinala The Merry Wives of Windsor como a primeira obra de William Shakespeare traducida ao galego, "probablemente a través dunha versión portuguesa anterior, As alegres comadres de Windsor, 1913". A adaptación ao galego, escrita por Antón Vilar Ponte, foi titulada Xan entre elas, estreada o 4 de xaneiro de 1920. Así recollía A Nosa Terra, 10 de febreiro, o éxito da representación:

O público que enchía o local non se fartaba de reirse co'as bromas terribres que sofre o inmenso Falstaff. De tres actos e cinco cadros consta a comedia, e a tramoya faise rápidamente como non é adoitado nas representaciós de aficionados. O derradeiro coadro, unha broma no antroido, resulta pintoresco e vistosísimo. Xan entre elas, a petición de cantos asistiron ó estreno, vaise repetir o prósimo domingo. 

Sábese que durante aqueles anos, e até o golpe de Estado de Francisco Franco, en 1936, houbo unha intensa actividade teatral que combinaba obras de autores galegos e de dramaturgos internacionais, pero "crese que algunhas destas primeiras traducións se perderon durante a Guerra Civil Española (1936-9) ou foron queimadas polos propios tradutores antes de fuxir do país", aporta Lorenzo Modia.

O período da Guerra Civil e a posterior ditadura franquista puxeron fin ao uso do galego como lingua da cultura, e houbo poucas traducións posteriores ata a reactivación do noso idioma na década de 1970. Con todo, algúns intelectuais galegos publicaron baixo a bota de Franco obras orixinais e traducidas en galego. Un destes foi Álvaro Cunqueiro, que en 1958 publicou O incerto Señor Don Hamlet príncipe de Dinamarca, onde "o personaxe de Shakespeare se transmuta no mundo galego cunha énfase na súa orixe nas sagas nórdicas".

Aínda que "non é en si unha versión de Hamlet, senón o froito do interese permanente de Cunqueiro polas fontes que inspiraron a Shakespeare", pódese inscribir nesa tradición literaria que fixo do dramaturgo inglés unha fonte de inspiración e revitalización do galego.

"A peza estreouse na Coruña en 1959 e, dadas as circunstancias da lingua e a cultura galegas nesa época, considerábase un símbolo do patriotismo galego", aporta  Lorenzo Modia. O Don Hamlet de Cunqueiro, recorda, foi presentado varias veces máis tarde, especialmente pola Escola Dramática Galega, na Coruña o 7 de xuño de 1979, ou presentado posteriormente nunha lectura dramatizada en Arteixo pola mesma compañía, dirixida por Santiago Fernández o 11 de abril de 2000, patrocinada polo Concello. Máis recentemente, para conmemorar o centenario do nacemento de Cunqueiro e o trixésimo aniversario da súa morte, a traxedia púxose en escena en Santiago de Compostela en 2011 nunha adaptación posmoderna da compañía Sarabela Teatro, 

Romeo e Xulieta, famosos namorados é outra obra de Cunqueiro que, apunta a profesora da UDC, tamén se podería describir como unha versión da obra orixinal de Shakespeare, A pequena peza insérese na súa novela As crónicas do sochantre (1956). "Ata onde sabemos, ata agora non se realizou ningunha representación pública da obra, aínda que algunhas escenas foron realizadas pola compañía Achádego en 1989 e xa foran representadas nun espectáculo privado por Teatro Circo en 1974", expón Lorenzo Modia.

"Shakespeare utilízase como un medio para elevar o status da cultura galega, e doutra banda hai unha apropiación complexa e intrigante da obra mesma do autor".

A catedrática lembra tamén como a partir de 1965, "entusiastas crearon unha serie de compañías teatrais galegas independentes, algunhas delas interesadas en interpretar a Shakespeare". Neste período, lembra, "o primeiro en optar por unha representación galega de Macbeth foi o director Manuel Lourenzo", que presentou a traxedia en Ribadavia o 18 de maio de 1975 e na Coruña en 1976.

"A idea clave desta representación foi a súa estreita relación cos ritmos e traxes do folclore tradicional de Galicia, incluídas as meigas e as danzas populares recoñecibles con zocos de madeira de campesiños, así como os trazos innovadores da modernidade. Esta actuación de Shakespeare deu testemuño dunha posta en escena que daría un valor engadido á cultura tradicional galega ao estar en contacto coa alta literatura", salienta a catedrática, quen subliña que no caso de Manuel Lourenzo "tamén parece que Shakespeare é un leitmotiv".

Xa no período democrático, e co galego xa recoñecido como lingua oficial, en 1984 creouse o Centro Dramático Galego, un acontecemento "relevante para a institucionalización e lexitimación das empresas dramáticas galegas". Entre as versións de Shakespeare atópanse as obras As alegres casadas (1989) e Un soño de verán (1992), ambas dirixidos por Eduardo Alonso; Ricardo III (2005), dirixido por Manuel Guede; e Noite de reis ou o que queirades (2007), dirixida por Quico Cadaval. "Estas actuacións ás veces utilizan un guión escrito ou adaptado polos directores, Eduardo Alonso, como no caso de As alegres casadas, traducido por Alonso e Manuel Guede e publicado máis tarde por Edicións Xerais. Noutras ocasións, solicitáronse novas (re)traducións aos filólogos para proporcionar un texto contemporáneo que se adaptase á nova produción. A importancia de Shakespeare para as institucións públicas galegas foi tan grande que na década de 1980 houbo un proxecto público que lle encomendou a Manuel Balboa converter o Don Hamlet de Cunqueiro nunha ópera, aínda que ata onde sabemos, o proxecto non se concretou", detalla Lorenzo Modia.

Neste período, prosegue, Manuel Lourenzo continuou presentando obras de Shakespeare para o público galego, incluído Os amantes de Verona (1988) —versión de Romeo e Xulieta—, neste caso en representacións da compañía de afeccionados Titiriteiros do Norte. Outros espectáculos teatrais dirixidos por Lourenzo e interpretados pola compañía Teatro do Alvardán tamén foron inspirados polo dramaturgo inglés, como Morte accidental de Hamlet (1992), no que a obra de Shakespeare se relaciona con Morte accidentale dei un anarchico de Dario Fo. Noutras representacións tamén supervisadas por Lourenzo, como Unha noite en Elsinor (1997) e Hamlet e familia, Shakespeare segue sendo un dos autores inspiradores, nesta ocasión en combinación con Cunqueiro e o dramaturgo alemán Heiner Müller, clarifica a catedrática da UDC, quen subliña que Lourenzo tamén usou constantemente temas de Shakespeare para os seus diversos proxectos empresariais e editoriais, principalmente de Hamlet, como en Clube teatral Elsinor, unha compañía fundada en 1990, ou a revista Casahamlet, lanzada en 1998, na que se publican discos de orixe shakesperiano: 'Falta Hamlet' (1998) ou 'Leria habitual de Hamlet' (2002), pon como exemplos. Outras pezas breves de inspiración shakesperiana, como 'O cuarto de Ofelia', de Xesús Pisón, tamén foron publicadas en Casahamlet (1999) e dirixida por Manuel Lourenzo en Rianxo, o 19 de xuño de 2009. 

"A apropiación galega de Shakespeare é polifacética, e desde o principio buscou atender a un público amplo, á vez que introduciu ideas orixinais".

O sufrimento de Ophelia tamén foi unha inspiración para as poetas galegas que abordaron o tema da dominación patriarcal. Lorenzo Modia pon como exemplo o caso de Marta Dacosta, que en 2003 publicouo libro Como amantes de Hamlet, no que presenta en galego un manifesto de poesía feminista sobre o suicidio de Ophelia e o poder masculino.

A profesora de Filoloxía Inglesa tamén salienta o papel que xogou Eduardo Alonso en Teatro do Noroeste, para o cal adaptou en 1990 o Rei Lear de Shakespeare en colaboración con Candido Pazó e publicado en 1998 por Xerais, Macbeth en 1994, Noite de Reisen 1996 e Romeo e Xulieta en 2007, obras que fundamentalmente foron "representacións baseadas nas obras de Shakespeare en lugar de producións dos propios textos do dramaturgo inglés", destaca Lorenzo Modia.

Outra representación que a catedrática considera relevante é a produción de Quico Cadaval Noite de reis ou ou que queirades, en 2007, na que "evitou os elementos solemnes do texto clásico", Twelfth Night. Daquela adaptación produciuse un texto pedagóxico específico para ser utilizado nas escolas antes de que as representacións tivesen lugar; un material que permanece dispoñible en Internet.

Outras empresas profesionais, como Librescena e Voadora presentaron tamén adaptacións de Otelo (2000) e Obras completas (2002), e A Tempestade (2013), aportando "visións de directores de renome que querían contribuír á construción dunha tradición teatral galega ao incorporar a Shakespeare no seu repertorio", salienta Lorenzo Modia.

Entre a lista de representacións shakesperianas tamén destaca a versión de Hamlet dirixida por Lino Braxe (2006) e protagonizada polo internacional actor galego Luís Tosar, ambientada en Dinamarca na década de 1940 durante a invasión nazi, cunha atmosfera decadente.

En 2010, Quico Cadaval e o dúo Mofa e Befa, integrado polos actores galegos Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, escenificaron Shakespeare para ignorantes, unha hilarante obra na que "varios temas, personaxes inadvertidos ou escenas das obras de Shakespeare se reñresentan como unha festa no escenario".

Aínda que todos os textos mencionados por Lorenzo Modia foron escritos en galego, para "indicar como de afíns son as obras de Shakespeare á imaxinación galega", a catedrátimencionar unha obra en español que inclúe algúns actores galegos e que se representou en Galicia: Los Mácbez reinan en la Xunta, obra dirixida por Andrés Lima na que "a traxedia de Shakespeare non se desenvolve nun país ou un tempo afastado", pois "a súa poderosa mensaxe baséase no aquí e o agora da loita política, a ambición e a traxedia".

"Para os efectos desta investigación centrada nas representacións en galego, esta produción realizada en Narón, na provincia da Coruña, en 2014 por unha compañía chamada Los Mácbez é circunstancial, pero mostra a conexión constante entre Shakespeare e a vida cultural e política actual de Galicia", argúe a experta, que enxalza que o feito de que fose financiada polo Centro Nacional de España, é dicir, "polo propio Madrid", considera que "serve para mostrar como se ve o goberno autónomo galego desde a distancia da capital".

"Por unha banda, percíbese a Galicia como tradicional e baixa fronte á sofisticada cidade capital e, doutra banda, este país do norte é visto como potencialmente subversivo xa que as novas interpretacións críticas do goberno autónomo están a ser aclamadas tanto pola intelectualidade como por membros do público".

As traducións e adaptacións serviron para "asociar o idioma galego coa alta cultura do inglés e co propio William Shakespear" e, deste xeito, "conferir dignidade adicional" á lingua galega.

TRADUCIÓNS AO GALEGO

A última parte da análise de Lorenzo Modia trata sobre a publicación de traducións dos textos de Shakespeare ao galego, as cales divide en dous grupos: as publicadas por editoriais comerciais e as editadas co patrocinio do Goberno galego. Dentro do primeiro grupo hai versións de intelectuais galegos radicados no exterior, como a de Macbeth de Fernando Pérez Barreiro Nolla, publicada en 1972 por Galaxia, se ben o Acto II da obra aparecera na revista galega Graal dous anos antes, en 1970.

Tamén destaca outras traducións feitas por directores de teatro galegos como a do mesmo Macbeth de Manuel Lourenzo en 1975, que de feito non foi publicado, pero cuxo texto orixinal se conserva xunto con materiais visuais na Biblioteca Arquivo Teatral 'Francisco Pillado Mayor' da Universidade da Coruña.

Outras traducións foron encargadas por institucións oficiais para facer unha colección de textos de Shakespeare en galego, como a de Hamlet de Miguel Pérez Romero en 1993, publicada por Galaxia e a Xunta, ou a publicación nun volume, no ano 2003, de Noite de Reis e A Tempestade do mesmo tradutor, novamente en Galaxia e financiado por Caixa Galicia.

O labor da Editorial Galaxia foi fundamental na galeguización de Shakespeare. Así o recoñece María Jesús Lorenzo Modia, que destaca a "gran cantidade" de traducións publicadas por unha editorial que naceu en 1950 co "obxectivo principal de apoiar a resistencia cultural e política dos galegos contra o franquismo".

Na súa colección de Clásicos Universais tamén figuran as obras de Shakespeare Romeo e Xulieta (2003), O Rei Lear (2003), Otelo (2006) e Macbeth (2006).

A catedrática da UDC salienta a participación do Goberno galego nestes proxectos de tradución e subliña como "mesmo serviu como o único editor dunha das edicións de dúas obras de Shakespeare nun volume: Soño dunha noite de San Xoan e O mercader de Venecia en 1989.

Tamén a editorial Xerais aportou grandes achegas como as traducións de As alegres casadas (1997) e Rei Lear (1998), do director Eduardo Alonso.

As traducións de Shakespeare tamén foron impresas por outras editoriais galegas emblemáticas, como Edicións do Castro, creada por Isaac Díaz Pardo en 1963 como unha rama do Grupo Sargadelos, e que publicou a obra Xulio César en 1998, unha tradución de Xohán Ledo, quen ese mesmo ano tamén asinou a tradución de Ricardo III coa Fundación Otero Pedrayo.

Finalmente, engade á lista de editores dos textos de Shakespeare o xornal La Voz de Galicia, que participou con Galaxia e a Fundación Caixa Galicia na publicación de Romeo e Xulieta en 2005.

"Aínda non se traduciu nin representou o corpo completo da obra de Shakespeare en Galicia".

UN SÉCULO 'GALEGUIZANDO' A SHAKESPEARE 

Todas as obras teatrais shakesperianas en Galicia ao longo dun século mostran, para Lorenzo Modia, "unha conexión constante entre Shakespeare e a vida cultural e política actual de Galicia". Así, explica: "Por unha banda, o dramaturgo utilízase como un medio para elevar o status da cultura galega, e doutra banda hai unha apropiación complexa e intrigante da obra mesma de Shakespeare. O volume de adaptacións supera ao das traducións, e isto suxire un achegamento creativo ao dramaturgo inglés e un proceso para reinterpretarlo e reclamalo como propio. A relación entre Shakespeare e Galicia vai en ambas as direccións, e cada entidade enriquece á outra. Mesmo na era da austeridade, as representacións das obras de Shakespeare parecían ser unha aposta segura tanto en termos de financiamento das artes como de venda de entradas, e só ocasionalmente eran patrocinadas por corporacións privadas ou polas propias compañías teatrais. A apropiación galega de Shakespeare é polifacética, e desde o principio buscou atender a un público amplo, á vez que introduciu ideas orixinais, como a presenza de meigas galegas nativas en Macbeth ou «teatro perralleiro» en representacións en festivais de vilas".

Non hai dúbida para Lorenzo Modia de que esta galeguización de Shakespeare serviu para "asociar o idioma galego coa alta cultura do inglés, unha das linguas máis prestixiosas do século XX, e co propio William Shakespeare, talvez a persoa máis destacada na industria cultural do Reino Unido", e así, deste xeito, "conferir dignidade adicional" á lingua galega.

Con todo, a catedrática lembra que "aínda non se traduciu nin representou o corpo completo da obra de Shakespeare en Galicia", cre que esta tarefa se está facendo "gradualmente a través da contribución de académicos, tradutores, directores, compañías de teatro e editoriais co apoio de fondos públicos e privados".

"A asociación de William Shakespeare coa lingua galega dura aproximadamente un século e a función principal desta aventura cultural é unha contribución significativa ao ennobrecemento literario desta lingua minorizada", conclúe a profesora da Universidade da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Natasha Rostova delasRestrevas

Hai un libro, un libro que todos os estudantes de Filoloxía deberían ler: Orientalismo de Edward Said. Pero, vaites, vai ser moito pedir, ao mellor cun poema de Celso Emilio Ferreiro chega: https://www.youtube.com/watch?v=KRf... En verdade: por que meus pais non emigrarían a calquera lugar do mundo onde non tivese que sentir coma falar a súa lingua se me bota enriba día tras día coma reproche ou no mellor dos casos coma prexuízos. Por que non serei coma tantos veciños trilingüe? Por que me foron a nacer nun lugar no que se me di que Shakespeare (pobre Bacon se lese isto) se me bote enriba para lembrar que foi el o que dignificou ou contribuíu a dignificar a miña lingua? Pero é que cando escribides isto non pensades que hai falantes de galego entre os vosos lectores! Non penso volver a lervos nin a comentar nada en séculos. E vaites: desta vez é certo!

3 Natasha Rostova delasRestrevas

Errei, non foi na UDC, pero coma se o fose... No fondo que igualiños sodes.

2 Natasha Rostova delasRestrevas

E este: https://www.youtube.com/watch?v=XOj... E esta: https://www.youtube.com/watch?v=mkN... Eu coñecín a Curros con sete anos grazas ao Xestal. Que me queredes dicir que a miña lingua non era digna ata que realizaron "esas" traducións de Shakespeare. Síntoo, falo galego, pero os sonetos de Shakespeare léos na lingua orixinal ou traducidos por Agustín, o meu sempre lembrado Agustín García Calvo. El si que sabería que contestarvos. E por certo, cal é o criterio para falar de linguas "dignificadas" ou "non dignificadas"? Estou farta de que insultedes a miña intelixencia... E a miña alma! Coma vos atrevedes a falar de "dignificar" a miña lingua? Vós sodes moitos: inclúovos os que case me fixestes aborrecela ao estudala na vosa UDC. Parabéns, vexo que non mudades.

1 Natasha Rostova delasRestrevas

A miña lingua dignifícaa miña nai e os meus veciños cada día. Estou farta do clasismo culturalista e de mercar libros que nada me din, pero que merco porque quizais erroneamente (MOI ERRONEAMENTE) penso que contribúen a que a miña lingua non desapareza. E asombroso ter que afirmar isto... Quizais amosa ata que punto a miña lingua esta esmorecendo e ata que punto tamén a nosa universidade (falo dunha porque sempre debeu ser unha) esquece que existimos seres vivos máis alá dos seus campus. Somos e existimos. A miña lingua existe en miña nai, en min e na miña veciña de dous anos que di "mi madriña"... Farta, moi farta de esquemas de pensamento excluíntes e clasistas. Quen pensades que mantivo viva a miña lingua máis que os meus antepasados? Por que eles e elas falándoa non a dignificaban? Estou farta de vós e dos vosos simplismos clasistas. Fixo mil veces máis este home pola miña lingua que vós: https://www.youtube.com/watch?v=Pyp...