CCOO insinúa que as privatizacións da sanidade están detras do caos nas urxencias

Este sindicato esixe que se “asuman responsabilidades políticas” polo colapso das urxencias e reivindica un plan de recuperación do emprego e do investimento para reverter a deterioración do sistema sanitario público.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/01/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

“Ao tempo que o sistema público padecía os rigores da austeridade, desviábanse millóns de euros a sufragar privatizacións de servizos e a financiar concertos con empresas privadas, medidas que se revelaron menos eficientes ca o investimento no público”. É a acusación que fai o secretario xeral da Federación de Sanidade de CCOO, Ángel Cameselle.

Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña
Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña | Fonte: @urg_CHUAC.

De feito, este sindicato cre que esta situación axuda ao colapso que se está producindo nas Urxencias e esixe que se “asuman responsabilidades políticas”. Pide a destitución dos xerentes das áreas sanitarias, que “non estiveron á altura do que a situación requería”. O sindicato tamén reivindica un plan de recuperación do emprego e do investimento para reverter a deterioración do sistema sanitario público.

“GRAVE COLAPSO” DAS URXENCIAS

Así, sinala que o “grave colapso” das urxencias é só a parte máis visible da “degradación xeneralizada” da sanidade pública e apunta que se chegou a esta situación como consecuencia dos recortes dos orzamentos. “As urxencias non se colapsaron unicamente pola maior afluencia de persoas con doenzas respiratorias —nomeadamente a gripe—, senón por unha mala planificación da Consellaría de Sanidade, que era plenamente coñecedora de que se podía chegar a esta situación e non adoptou medidas a tempo”, denuncia.

De feito, lembra que Galicia ten unha poboación cada vez máis envellecida e con pluripatoloxía, polo que era previsible que acudise aos centros un elevado volume de persoas afectadas pola gripe.

CRÍTICAS

O secretario xeral de CCOO-Sanidade coida que as declaracións do conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, recomendando acudir á atención primaria para non colapsar os hospitais “parecen destinadas a eludir a súa responsabilidade e a do propio Feijóo pola liquidación do Plan de mellora da atención primaria”.

Este pacto, asinado por sindicatos, asociacións profesionais e Administración, prevía o aumento “substancial” de profesionais na rede pública e a creación de sesenta e seis novos centros de saúde. “Pero a día de hoxe, a Xunta non destina nin sequera o diñeiro necesario para substituír pediatras, médicos de familia ou persoal de enfermaría, mesmo habendo listaxes de espera de ata dez días”, destaca nun comunicado.

REFORZOS

CCOO esixe, unha vez máis, o reforzamento dos equipos das urxencias hospitalarias e dos puntos de atención continuada (PAC), habilitar todas as camas dispoñibles nos hospitais e cubrir as vacantes de persoal. Por último, o sindicato pide que se tomen medidas para evitar que os doentes “estean amoreados”, tanto pola súa propia dignidade como para facilitar o labor dos profesionais sanitarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 De Cenlle

Puede ser. Pero de eso saben muchísimo cantidad de médicos, enfermeros y otras categorías del personal sanitario de la Sanidad Pública que se forran con sus defectos atrayendo clientes a sus consultas privadas de tarde. Y son los que suelen largarse los primeros en su turno.

1 Cipollina en Tabarrarnia

En realidade estamos todos os galegos: ao fin isto foi o que votamos. Por outra banda, compartindo o afirmado por este sindicato, si que teño que dicir que se fai mal uso das Urxncias, pero que iso é un problema que se podería solucionar invertindo máis na antención primaria e con campañas de información.... Evidentemente inverter na Primaria non interesa polo que parece...