Que grupos e entramados empresariais están detrás das autoestradas galegas

Galicia conta con catro autoestradas, a máis importante, a Autoestrada do Atlántico. Todas elas están controladas, a través de empresas intermediarias, por Itínere. Pero quen estivo e está detrás de Itínere? Ademais, casos de corrupción ou da famosa caixa B da Gürtell salpican a algunhas destas multinacionais.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 25/01/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Galicia ten catro autoestradas privadas. A principal, Autoestrada do Atlántico, é a gran vía de comunicación de Galicia e suma case 220 quilómetros que van desde Ferrol, na Coruña, a Tui, en Pontevedra. Pero tamén está a que une Puxeiros con Baiona, Carballo-A Coruña e Santiago-Alto de Santo Domingo. E detrás de todas elas está o grupo Itínere.

Unha das autoestradas galegas
Unha das autoestradas galegas

En 1973 o Estado concedeu a construción da autoestrada A Coruña-Vigo a Autopistas del Atlántico, C.E.S.A., entón unha empresa pública. En 2003 procedeuse á súa privatización polo procedemento de concurso-poxa do 100% do capital ao que concorreron 5 consorcios de empresas para a súa adquisición. Finalmente foi Itínere, un consorcio liderado por Sacyr, o que resultou gañador cunha oferta de 1.586,3 millóns de euros.

Itínere Infraestructuras, S.A. é uno dos principales xestores de infraestructuras españoles. Posee actualmente 7 concesións de autopistas que suman un total de 612 km, sendo máis da metade deles en Galicia e sendo Autopistas del Atlántico, unha das que máis beneficios lle reporta. Tal e como xa publicou GC, e tendo en conta a proxección de ingresos, esta compañía gañaría ata o final da concesión, no 2048 uns 6.119 millóns, case cinco veces máis do que custou facer a infraestrutura.

OS CONSORCIOS DE ITÍNERE EN GALICIA

Itínere naceu dentro do grupo Sacyr Vallehermoso en 1996 e controla, a través de Audasa, a AP-9, entre Ferrol e Tui. Ademais domina Autoestradas de Galicia, A.G., C.X.G., S.A., empresa fundada en marzo de 1995, que ten como obxecto social a construcción, mantemento e explotación das autopistas de peaxe A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Baiona (AG-57), ambas, curiosamente, de titularidade da Xunta de Galicia. 

Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9
Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9 | Fonte: PontevedraViva

E, en 1999 faise con ACEGA, Autopista Central Galega, que acabou dividida en dous tramos; a AP-53, Santiago de Compostela-Alto de Santo Domingo –que xestiona actualmente-- e que é propiedade de Fomento, e a AG-53 Alto de Santo Domingo-Ourense, que xestiona a Xunta e é libre de peaxe. 

O seu principal negocio está en Galicia pero tamén posué concesións no resto do estado. Así, xestiona a AP-1 Burgos – Armiñón, a AP-66 Campomanes – León, a AP-15 Tudela – Irurzun, a AP-46 Málaga – Las Pedrizas e os Túneles de Archanda. Directivos desta empresa estiveron xulgados no chamado "Caso Inipro", de Tarragona, por unha trama de corrupción.

ACCIONISTAS

Aínda que a matriz de Itínere é Sacyr Vallehermoso o certo que dentro do seu accionariado hai diversos investidores. Así, o maior é Citigroup Infrastructure Investors, que posúe o 54,41% das accións. Citigroup (Citigroup Inc.) é a maior empresa de servizos financeiros do mundo, con sede en Nova York.

O segundo gran investidor é Abanca, que posúe o 23,40% das accións. Accións que este banco xa anunciou que quere mercar. De feito, este mesmo mércores, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, aseguraba que a súa empresa quere centrarse no negocio bancario, o de seguros e o de medio de pago, de aí o proceso de desinversión en participadas que realizou, segundo defendeu, de "forma prudente, progresiva e planificada, perseguindo o maior valor posible”.

Finalmente, tamén forman parte de Itínere, Liberbank, co 5,82%. Liberbank  foi constituído en  2011 mediante un Sistema Institucional de Protección (SIP) por Cajastur, Caja de Extremadura, Caja Castilla-La Mancha y Caja Cantabria, ao que aportaron os activos e pasivos do negocio bancario de cada caixa de aforros.

SACYR

Pero á sombra de Itínere está Sacyr que posúe un 1,5 das accións, e é a empresa matriz. En 2002 comprou o 24.5% de Vallehermoso e en 2003 fusionouse  formando Sacyr Vallehermoso. Actualmente pertencente ao grupo das seis grandes construtoras de España (xunto con ACS, Ferrovial, FCC, Acciona e OHL), convertidos hoxe día en grandes consorcios diversificados con presenza en multitude de países. O seu ex presidente estivo vinculado a famosa caixa B do PP no caso Gürtel e tamén aparece o nome desta empresa noutras operacións contra a corrupción.

En abril de 2008 Sacyr tentou realizar unha OPV e OPS sobre Itínere, valorándoa entre 6.250 e 7.000 millóns, a un prezo por acción de entre 4,14 e 5,10 euros. Nese momento, Sacyr representaba o 90,10% do accionariado de Itínere, tendo un 5,34% a BBK, un 2,19% a Kutxa e a Caixa Vital un 0,62%, quedando o resto como capital flotante cotizado no Mercado Continuo.

E nese proceso, as caixas vascas, a diferencia das galegas, supuxeron un problema á hora da venda da filial de infraestruturas debido a que tiñan un trato polo cal podían saír do accionariado vendendo as súas participacións a Sacyr a un prezo moi superior ao manexado por Sacyr para unha posible venda.

Durante a venda baralláronse varios nomes como Alinda Capital Partners, unha empresa de capital risco estadounidense; Atlantia, a gran empresa de concesións italiana chamada antigamente Autostrade; o banco de investimento Goldman Sachs e un fondo de infraestruturas do banco Citigroup, Citi Infraestructure Partners, que sería o que finalmente pechase a compra da filial posuíndo na actualidade máis do 50%.

GAÑOU CASE 8.000 MILLÓNS EN EFECTIVO

Pola venda das accións Sacyr fíxose con 7.887 millóns de euros, 2.874 millóns en efectivo máis 5.013 millóns de débeda neta que sería asumida polo fondo estadonidense.  Ademais, o grupo adquiriría posteriormente a Citigroup unha serie de autoestradas por valor de 478,3 millóns de euros e unha serie de actividades concesionales en fase de lanzamento e de construción por un importe total de 450 millóns. 

Dese xeito, Sacyr busca reunir as novas concesións nunha nova filial, Sacyr Concesiones. Entre estas novas xestións están a A C-415 (Aunor), AS-2 (Viastur) e C-715 (Pamasa). Tamén xestiona CV-35 (Turia) e CL-601 (Eresma), aínda que neste caso en lugar de corresponder a peaxe explícita, corresponde a peaxe en sombra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta